As solucións fóra do marco do poder popular só serven ao capital.

Elisseos Vagenas - Membro do CC e responsable da Sección Internacional do CC do KKE.

Entrevista co xornal turco "Evrensel"


1. Os resultados das eleccións demostran que o sistema de bipartidismo terminou. Que avances levaron a isto e que nos amosan hoxe en día os balances políticos?

Resposta: O resultado demostra que eles están tratando de facer un esforzo para dar ao sistema de dous partidos un lavado de cara. Colocaron vellos dilemas-chantaxe ante as traballadoras e traballadores nun novo "paquete". A clase burguesa, co fin de manter o seu poder, ten por obxecto eliminar ou dar un papel secundario á maioría dos desgastados partidos e figuras políticas. Estase preparando unha reestruturación da escena política, debido ao dano político que sufriron os partidos burgueses básicos, o PASOK, socialdemócrata e a ND conservadora. Hai un intento de formar un polo de centro-dereita ao redor de ND e un polo de centro-esquerda en todo o SYRIZA social-demócrata. O intento de reducir a forza electoral do KKE é unha parte deste plan.

2. Que argumentou e propuxo o KKE nas eleccións? Cal era a liña xeral e que é o que di hoxe en día?

Resposta: O KKE, nas eleccións do 6 de maio, promoveu de xeito integral a súa proposta política que pon de relevo a necesidade do poder e da economía obreira-popular, coa retirada da UE e a cancelación unilateral da débeda, coa socialización dos medios de produción, as cooperativas de produción popular, a planificación nacional para a plena utilización do potencial produtivo de todo o país, co control obreiro e popular que operará desde abaixo cara arriba.

3. Os partidos do poder perderon moitos votos. A indignación foi expresada a través dos partidos que non tomaron unha postura frontal contra a Troika, a UE, o FMI, mentres que o KKE todos os días se atopa no medio da loita, á beira dos traballadores, desempregados, autónomos, agricultores, etc. Por que o KKE non recibiu o resultado correspondente?

Resposta: O KKE tivo un pequeno incremento nestas eleccións. Especificamente, recibiuse 536,072 votos ou 8,5%, é dicir 18,823 votos ou +1%. Elixíronse a 26 deputados do KKE (dos 300 no Parlamento), 5 máis que o que tiña anteriormente. Nos barrios obreiros o KKE recibiu case o dobre da súa porcentaxe media. De feito, nunha das 56 rexións electorais (Samos-Icaria) o KKE foi primeiro con 24.7%. Cabe sinalar que o 8,5% é para o partido a maior porcentaxe nas eleccións parlamentarias dos últimos 27 anos, desde 1985.

O KKE non se fai ilusións parlamentarias, no sentido de que non espera aumentar gradualmente o seu voto ata chegar a ter unha maioría no parlamento e formar un goberno "comunista". Estamos loitando polo socialismo-comunismo, e se isto puidese ocorrer a través das eleccións burguesas, entón a clase burguesa xa tería abolido as eleccións.

Desde este punto de vista non é correcto comparar os resultados electorais do KKE cos dunha formación social-democrata, como SYRIZA.

Hai que lembrar que hai 2,5 anos o PASOK, o outro partido social-demócrata, recibiu o 44%, mentres que esta vez recibiu só o 13%. Este descenso tivo lugar en condicións de fluidez política que impulsou a SYRIZA, coa que garda a súa máis estreita relación ideolóxica.

4. O KKE argumenta que sen o poder do pobo e a socialización dos medios de produción, non se pode formar un goberno que estea a favor dos traballadores. Hoxe en día, cando as condicións para esa dirección non existen, é dicir, o poder popular, que propón o KKE? Que esixencias ten que promover na situación actual?

Resposta: Desde o momento en que o noso país segue atado ás unións imperialistas, a OTAN e a UE, e o poder pertence aos capitalistas, non pode haber un goberno a prol do pobo. A posición do KKE é para a organización da loita dos traballadores, os campesiños pobres, os distintos sectores populares empobrecidos que están contra as medidas antipopulares tomadas polo goberno (xa sexa de centro-dereita ou centro-esquerda). Cremos que a través da loita, estas forzas, liberaranse da ideoloxía burguesa e se formará unha alianza social que exporá a cuestión do poder.

5. Cal é o programa mínimo do KKE, que responde ás demandas e as loitas dos traballadores?

O KKE insiste e está firmemente orientado á necesidade e posibilidade do socialismo. Considera que existen as condicións materiais previas para a creación da sociedade socialista-comunista. Ademais, ao ter estudado a experiencia histórica do movemento comunista grego e internacional, o KKE chegou á conclusión de que son equivocados os puntos de vista sobre unha "etapa intermedia" entre o capitalismo e o socialismo. Na nosa opinión, esta avaliación non foi xustificada en ningún caso!

O poder será ou da burguesía ou dos traballadores -poder popular-, non pode haber ningún poder que teña un carácter intermedio. Sobre esta base, o KKE non loita hoxe para calquera etapa intermedia e polo tanto non reduce o seu programa a un programa de mínimos. Por suposto, isto non quere dicir que só teña unha estratexia e careza de tácticas. As tácticas do KKE, promover a necesidade de reunir ás persoas que traballan ao redor de obxectivos de loita, tanto para a defensa do movemento obreiro, dos dereitos democráticos e populares, así como para a satisfacción das necesidades actuais do pobo. Temos posicións ben elaboradas e os obxectivos da loita de todos os problemas da xente, con todo, declaramos abertamente que nas condicións do capitalismo os logros que os traballadores poden gañar serán temporais, sen a consecución de poder obreiro-popular.

6. Como será o descontento popular e a indignación que organizará o partido?

Resposta: Os comunistas estamos á vangarda da loita de todos os problemas relacionados co pobo. Buscamos reunir aos traballadores e os sectores populares pobres no camiño da loita a través dos sindicatos, a Fronte Militante de Todos os Traballadores (PAME), que é o polo de orientación de clase nos sindicatos, así como a través doutras formas de organización, do mesmo xeito que os comités populares nos barrios.

7. Cales son os dilemas que se colocan ante a xente e que di o partido sobre iso?

Resposta: A clase burguesa e os seus partidos expoñen falsos dilemas antes das eleccións co fin de atrapar ás forzas populares e para evitar que se aproximen ao KKE. Pero non podemos explicar isto dun xeito analítico, en profundidade, debido á falta de espazo. Brevemente pódese falar dun destes dilemas: "euros ou dracmas?" Consideramos que se trata dun falso dilema. Para empezar, se Grecia queda no euro ou non, depende do desenvolvemento da crise capitalista no país e en Europa. Ademais, só coa cuestión da moeda, sen o derrocamento do poder da clase burguesa, sen a socialización dos medios fundamentais de produción, a planificación centralizada da economía e o control dos traballadores, non se pode garantir unha vida mellor para os traballadores.

8. Cal é a liña do partido en relación á política de alianzas?

Resposta: O KKE ten unha política de alianzas cunha base social. Crese nunha alianza da clase obreira, os sectores populares da cidade e o campo, que entrarán en conflito cos monopolios e o imperialismo. Esta alianza estase forxando hoxe a través da mobilización popular e as agrupacións populares respectivas, coa perspectiva de cuestionar o poder dos monopolios.

9. Por que o KKE, rexeitou a invitación de SYRIZA dun goberno de esquerda? Cal é o carácter clasista de Synaspismos e a que clases representa?

Resposta: Consideramos que un "goberno de esquerda" é incapaz de resolver os problemas do pobo e pola contra, vai empeoralos. Por suposto, isto non pode ser entendido por todos os traballadores e outras capas, como os pequenos empresarios que están sendo destruídos pola crise. SYRIZA foi elixido por unha parte da burguesía que a ve como a forza básica dun goberno que vai facer o "traballo sucio" da crise capitalista, que se encargará dunha posíbel quebra.

10. Cal é a súa predición para despois do 17 de xuño?

Resposta: Calquera goberno nas condicións da crise capitalista, no marco do sistema capitalista, co país atrapado na UE e a OTAN, tomará medidas antipopulares.

O KKE é un partido para todas as épocas, que actúa baixo calquer condición, e demostrouno cos seus 93 anos de historia. Con todo, é importante frustrar os plans encamiñados cara o seu esmorecemento nas eleccións de xuño, e que poida desempeñar un papel de liderato no contraataque obreiro e popular con tanta forza como sexa posíbel.


[Artigo tirado de http://inter.kke.gr/News/news2012/2012-06-12-synentefxi/ e traducido ao galego por FORXA!]