Crónica do II Encontro Galego - Portugués de Solidareidade con Cuba celebrado en Porto o 16 de xuño entre a Asociación de Amizade Galego – Cubana Francisco Villamil e a Asociación Porto com Cuba.

O II Encontro, celebrado na cidade de Porto o 16 de xuño de 2012,  contou coa asistencia do Embaixador da República de Cuba en Portugal, Eduardo González Lerner e Melne Martínez, primeiro secretario da Embaixada.

Gonçalo Duarte, presidente de Porto com Cuba, centrou a súa intervención no bloqueo e consecuencias. Interveu a continuación Valentín Alvite, presidente da Francisco Villamil, facendo un percorrido pola revolución cubana ata chegar aos plantexamentos do último congreso do PCC. Rematou o embaixador completando a exposición do Presidente da Francisco Villamil.

As preguntas e dúbidas das persoas asistentes ao Encontro xiraron en torno á situación actual da Illa e aos cambios xurdidos á raíz do VI Congreso do PCC. A delegación da Embaixada fixo fincapé en que calquera medida adoptada nunca entrará en contradición coas conquistas acadadas coa Revolución, hai xa 53 anos.

Rematou o acto coa lectura de dúas Mocións (unha sobre o bloqueo e outra sobre os Cinco cubanos presos do Imperio) e a Declaración Final, na que resaltan os seguintes puntos: Saudar ao heroico pobo cubano, vítima dun inxusto bloqueo durante máis de 50 anos; condenar a moral hipócrita de EEUU e aliados, mantendo presos a cinco antiterroristas cubanos sentenciados inxustamente; denunciar a persistencia da base norteamericana de Guantánamo, utilizada como centro de tortura. Finalmente, ínstase a continuar e intensificar o traballo conxunto das dúas asociacións ata a celebración do próximo Encontro.

Rematou a xornada cunha cea na localidade veciña de Matosinhos, organizada pola Asociación Porto com Cuba.

Imaxes de Forxa!