O fortalecemento do KKE determinará a posición do pobo o día despois das eleccións.


A Secretaria Xeral do CC do KKE, Aleka Papariga, presentou as posicións do KKE de cara ás eleccións do 17 de xuño, nunha conferencia de prensa o martes 5 de xuño. Máis abaixo citamos algúns extractos do seu discurso:

O dilema “euro ou dracma” que expón a ND ou o dilema “Memorando ou SYRIZA” que expón SYRIZA, son á vez falsos e enganosos. Non responden aos perigos reais aos que se enfronta o pobo grego e o resto dos pobos de Europa debido á agudización da crise capitalista na zona do euro.

O verdadeiro dilema é:

• Contraataque do movemento popular ou a destitución dos sectores populares?

Calquera que sexa o goberno que se forme logo das eleccións, intensificarase o ataque contra os ingresos e os dereitos da maioría dos traballadores asalariados e autónomos, utilizando como coartada unhas migallas dadas aos grupos sociais en pobreza extrema, e esas migallas tamén desaparecerán debido ás consecuencias xerais da política antipopular.

As condicións previas para o contraataque o día logo das eleccións son:

• A organización dos traballadores nos centros de traballo.

• A promoción da alianza popular entre a clase obreira, os traballadores autónomos pobres e os campesiños pobres.

• A preparación do pobo para facer fronte a todos os resultados posíbeis, incluíndo en primeiro lugar a posibilidade dunha quebra incontrolada, para tratar practicamente o empobrecemento masivo e a indixencia.

• O cambio drástico na correlación de forzas no movemento sindical.

Nun período en que o futuro da actual zona do euro é inseguro, a pesar dos sacrificios do pobo grego, o seguinte goberno enfrontarase a dúas posibilidades:

a) A renegociación do contrato de préstamo dentro da zona euro, cos acredores, o que conducirá a un novo “recorte” así como a un novo Memorando duro.

b) O impulso para unha saída da zona euro coa posibilidade dunha quebra estatal incontrolada.

Recentemente SYRIZA invoca a política do Presidente dos EE.UU., Obama. Unha ollada á explosión do desemprego e a pobreza nos EE.UU., que provocou unha protesta popular indefinida, é suficiente para sacar conclusións. Con todo, a promoción da súa retórica “anti-alemá” por todos os grandes medios de comunicación masivos é moi notábel, e é acompañada pola falta de firme compromiso no programa gobernamental que propón SYRIZA, de que non se utilizará a base en Sua contra Siria e Irán. Trátase dun programa que non expón como obxectivos gobernamentais claros a cancelación do acordo estratéxico con Israel e a saída da OTAN.

Fronte á lóxica da ND e de SYRIZA, o KKE logo das eleccións continuará e especificará a súa liña de loita que inclúe obxectivos radicais como:

A terminación do contrato de préstamo e do memorando, o emprego pleno e estábel, saúde, benestar e educación exclusivamente públicas e gratuítas, sistema de seguridade social exclusivamente público para todos, 45% taxa de impostos aos beneficios distribuídos e non distribuídos […]

A vitoria do pobo, a soberanía popular require que o pobo posúa a riqueza que produce, que tome o poder nas súas mans. Isto significa que a gran riqueza que xa se produce neste país e que hoxe se transforma en beneficios nos mercados de valores, en depósitos bancarios en Suíza, en investimentos nos Balcáns e en Londres, na construción de novas naves en China, será utilizada directamente para a satisfacción das necesidades populares. Isto significa un poder e un goberno que non estará comprometido cos tratados e os plans de todas as alianzas internacionais entre Estados imperialistas e as convencións internacionais, a UE, as organizacións militares, a OTAN. No goberno do poder popular o KKE terá un papel decisivo e dirixente.

Ademais, a SX do CC presentou de modo detallado a plataforma de loita para a organización do contraataque popular con obxectivos de loita en canto ao ingreso, os impostos, a protección dos desempregados, a seguridade social, as pensións, a atención sanitaria, a educación, etc.