Da fascinación reformista coas “frontes amplas”.

NON SE PODE ESTAR EN ATENAS E EN SANTIAGO AO MESMO TEMPO ou da fascinación reformista coas "frontes amplas". 

Co gallo dos últimos acontecementos en Grecia, aparecía na web da FPG un interesante artigo nomeado “Da fascinación esquerdista cos fogos de artificio”[1], firmado por Moncho Lareu. Nel fala do apoio recibido pola coalición reformista Syriza desde distintos sectores da esquerda autóctona, e fai una loábel defensa do papel do KKE na loita de clases en Grecia.  A análise é a grandes trazas atinada, máis cumpre facer varias observacións á calor dos cambios recentes no panorama político galego. Pois cumpre atender non só á mensaxe para entendermos o texto, senón tamén ó emisor, e é aquí neste caso cando nos xorden as contradicións.

Os cambios ós que nos referimos son, por un lado, a constitución dunha nova organización política no galeguismo de esquerdas, ANova, na que conflúen diversas organización políticas (entre a que se inclúe a do propio Lareu). E, por outra banda, as declaracións da coordinadora xeral de Esquerda Unida na Galiza, Yolanda Díaz, nas que facía un chamamento á construción dunha “Syriza galega”[2].

Debemos comezar sinalando que aqueles que nos consideramos marxistas, e por ende, utilizamos o materialismo dialéctico para elaborar as nosas análises, partimos da necesidade de coñecer e estudar a realidade material na que nos movemos, e a partires de ela, elaborar a nosa estratexia e a nosa táctica como comunistas. Como subliñaba Giorgos Marinos, do Comité Central do KKE, “o curso da maduración das condicións materiais pode ter diferente ritmo dun Estado a outro debido ao desenvolvemento desigual do capitalismo e os comunistas estudan este elemento. Con todo, obxectivamente, o carácter da época como época de transición do capitalismo ao socialismo adquiriu dimensións mundiais e isto concirne a todos os países capitalistas onde se desenvolveu o capitalismo monopolista, concirne tanto aos Estados imperialistas fortes como aos Estados como Grecia que teñen unha posición subordinada no sistema imperialista”[3]. E outro tanto poderíamos dicir para Galiza, por moito na “periferia” que a queiramos situar. O tempo das revolucións democrático-burguesas rematou.

Non obstante, nun momento de crise estrutural do capitalismo, algunhas capas sociais que son constantemente agredidas e empurradas cara a proletarización (a pequena burguesía, o campesiñado, mesmo a aristocracia obreira...) reaccionan e tentan volver a unha situación anterior, na que os medios de produción seguen en mans privadas pero a distribución é máis “social” (en aras, todo sexa dito, de gañar a simpatía dos traballadores en competencia co bloque socialista). Esta é a forza motriz que impulsa a creación nestes últimos tempos de diversas “Frontes amplas”: o Bloco de esquerdas, Syriza, mesmo o pacto entre EU e o PSOE en Andalucía nace con este mesmo propósito de “combater o neoliberalismo”. Ningunha de estas frontes acadou nunca melloras significativas para a clase traballadora. Tódalas súas receitas, máis ou menos imaxinativas, ignoran que o “capitalismo de rostro humano” que preconizan non é se queira factible no marco actual da loita de clases, pois a tendencia actual é a de o incremento constante da explotación da clase obreira para recuperar a taxa de ganancia do capital. O capitalismo, na súa fase senil, xa non ten solucións que ofrecer á clase traballadora.

Co mesmo espírito de nace na nosa Galiza Anova – Irmandade Nacionalista, recollendo os principios inspiradores da revolución burguesa de 1789 de “igualdade, liberdade, fraternidade e laicidade”, todo aderezado con toques do altermundialismo e a posmodernidade.

Por outra banda, a proposta de Yolanda non ten nada de novo, pois é, como sinala Ferran Nieto en referencia á mesma proposta en Catalunya[4], “moi parecida á proposta fundacional de EUiA, na frustrada "refundición" de EU, nas Mesas de Converxencia, etc... O único innovador é o nome ". É dicir, unha loita por ampliar a base social do reformismo, e de paso, os escanos no parlamento.

Até aquí os feitos. Agora é cando veñen as contradicións:

1.    É para os comunistas preciso neste intre unha “fronte de esquerdas”? Primeiro cumpre sinalar que o termo “esquerdas” xorde na Revolución Francesa para denominar á facción máis progresista da burguesía. O proletariado tivo a ven aliarse con esta capa social mentres algo de revolucionario quedou nela, para rematares a transformación democrático - burguesa e eliminar os restos do feudalismo, ou loitar contra o máis agresivo fascismo. Pola contra, se agora asumimos que o capitalismo atópase na súa fase última, a clase social que o sustenta xa non ten nada que ofrecer ó pobo. Toda reforma que se propoña  en beneficio do pobo é un engano e é irrealizable (ou ben será unha gota nun mar de ataques). Polo tanto, propostas como a “democracia participativa” que propón ANova, sen ningún contido de clase, son falsas, unha calexa sen saída, irrealizábeis dentro do capitalismo. O poder, a democracia, será burguesa ou obreira-popular. Non hai creacións intermedias.

2.    Seguen sendo a día de hoxe os Partidos Comunistas “ferramentas indispensábeis e imprescindíbeis para a defensa do proletariado” como afirma Lareu? A resposta non pode ser máis que afirmativa. Así o demostra a historia. Os únicos avances e conquistas democráticas para o pobo conseguíronse grazas á mobilización sostida de obreiros e obreiras con conciencia de clase revolucionaria e organizada en fortes Partidos de Clase (por enriba das “esquerdas”). Pola contra tras a desviación eurocomunista e a pérdida do carácter de clase (moitas veces diluída nestas “frontes amplas”), non viñeron máis que derrotas, ate o punto de que a xornada laboral de oito horas é moitas veces un mero recordo.

Fai máis de cento cincuenta anos, Marx e Engels escribiron no Manifesto Comunista que “chegou o momento de que os comunistas expoñan á face do mundo a súa maneira de ver, os seus fins e as súas tendencias”. Mais aínda agora vemos moitos herdeiros desta nobre tradición dilúen as súas lexítimas reivindicacións en “programas de mínimos” en aras da unidade. A unidade sen dúbida é importante, pero, para qué? Con quén? Os e as comunistas debemos dicir ben alto e ben claro que o que queremos, o que precisamos, é o socialismo. Dicímosllo ós da nosa propia clase, a clase traballadora, a máis interesada obxectivamente en conquistalo, e unímonos con ela dende a base, nos nosos centros de traballo ou estudo, nos nosos barrios. E unímonos con ela (e coas organizacións das que se dote) para a loita cotiá e para unila á loita pola sociedade socialista. Loitamos pola construción dunha Fronte Obreira e Popular polo Socialismo.

O que está claro é que non se pode defender ós traballadores e pactar co PSOE e cómplices ó mesmo tempo, como non se pode defender o “benestar” sen saír da UE (que EU tanto defende). Non se pode, como di Yolanda, defender á clase traballadora e ó Estado do Benestar. Non se pode apoiar ó KKE constituír unha Syriza ó mesmo tempo. Non se pode, en definitiva, estar en Atenas e en Santiago ó mesmo tempo.



[1] http://frentepopular.gl/?p=1472
[2] http://praza.com/politica/1673/esquerda-unida-pide-a-union-da-esquerda-anticapitalista-nunha-syriza-galega/
[3] http://es.kke.gr/news/news2012/2012-03-28-brazil/
[4] http://elpravda.blogspot.com.es/2012/06/opinion-los-comunistas-ante-la.html
[Fonte: aFouce]