A escola de falsificación de Khrushchev: "O discurso máis influínte do século XX".

Contraportada do libro de Grover Furr
[Introdución do libro "As mentiras de Khrushchev", de Grover Furr]

O 50 aniversario do Discurso Secreto de Nikita S. Khrushchev, pronunciado o 25 de febreiro de 1956, suscitou comentarios previsíbeis. Un artigo no xornal londiniense Telegraph chamouno o «discurso máis influínte do século XX». Noutro artigo dese mesmo día, no New York Times, William Taubman, cuxa biografía de Khrushchev gañou o Premio Pulitzer de Biografía en 2004, cualificouno como unha «gran fazaña» que «merece ser celebrada» no seu aniversario.[1]

Hai algún tempo volvín ler o Discurso Secreto de Khrushchev por vez primeira en moitos anos. Empreguei a versión en HTML da edición publicada nun número especial de The New Leader en 1962.[2] No curso da miña lectura, comprobei que o destacado académico menxevique Boris Nikolaevsky, nas súas anotacións ás palabras de Khrushchev, opinaba que algunhas das declaracións de Khrushchev eran falsas. Por exemplo, ao comezo do seu discurso, Khrushchev di o seguinte:

“Ultimamente, sobre todo despois de ficar ao descuberto o grupo de Beria, o Comité Central tratou unha serie de problemas creados por este grupo. Isto revelou un panorama moi desagradábel canto ao comportamento incorrecto de Stalin e a súa obstinación brutal”.

Na anotación de Boris Nikolaevsky a esta pasaxe podemos ler:

“Esta afirmación de Khrushchev non é totalmente certa: A investigación das accións terroristas de Stalin no último período da súa vida foi encetada por Beria. [...] Khrushchev, quen agora se presenta como pouco menos que o iniciador da investigación das cámaras de tortura de Stalin, na realidade tentou bloqueala nos primeiros meses após a morte de Stalin”.

Lembro que Arch Getty escribiu algo moi semellante no seu maxistral traballo Origins of the Great Purges.

“Outra inconsistencia do relato de Khrushchev é unha aparente confusión de Ezhov por Beria. Aínda que o nome de Ezhov se menciona de cando en vez, Beria é quen carga coa culpa de moitos delitos e represións; no entanto, este último non foi máis que un Primeiro Secretario rexional até 1938. Ademais, moitos informes sinalan que o terror policial empezou a minguar cando Beria colleu o relevo de Ezhov en 1938. Puido Khrushchev substituír convenientemente a Ezhov por Beria no seu relato? Que outras cousas puido cambiar? En calquera caso, que Beria fose executado por orde de Khrushchev non había moito tempo, fixo do primeiro un excelente chibo expiatorio. O uso oportunista que fixo Khrushchev de Beria realmente proxecta sospeitas sobre a exactitude do resto das súas afirmacións”. [Páx. 268; énfase por G. F.]

Xa que logo, sospeitei que unha investigación seria, á luz dos numerosos documentos dos antigos arquivos secretos soviéticos agora dispoñíbeis, podería descubrir outras “revelacións” sobre Stalin tamén falsas.

De facto, fixen un descubrimento moi diferente. Ningunha das “revelacións” concretas que fixo Khrushchev sobre Stalin ou Beria resultou ser certa. Entre esas que se podían comprobar con datos, todas eran falsas. Resulta que Khrushchev non só “mentiu” sobre Stalin e Beria, senón que non fixo outra cousa. Todo o seu Discurso Secreto está elaborado con mentiras. Esta é a «gran fazaña» pola que Khrushchev mereceu os eloxios de Taubman! (Poderíase escribir outro artigo, aínda que moito máis breve, expoñendo as mentiras do propio Taubman no seu artigo do New York Times en que celebra o rimbombante discurso de Khrushchev).[1][3]

Para min, como académico, este foi un descubrimento inquietante e até incómodo. Se, como eu previra, atopase, por exemplo, que un 25% ou menos das “revelacións” de Khrushchev eran mentiras, a miña investigación seguramente espertaría certo escepticismo e sorpresa. Mais, polo xeral, podería anticipar aceptación e recoñecemento: «Bo traballo de investigación de Furr», e así sucesivamente.

Mais temía –e os meus temores xurdiron despois da miña experiencia coa edición orixinal en ruso deste libro, publicado en decembro de 2007- que de afirmar que todas as “revelacións” de Khrushchev eran falsas, ninguén me crería. Pouco importaría o coidado e rigorosidade das probas para defender os meus argumentos. Refutar a totalidade do discurso de Khrushchev é, asemade, desafiar por completo o paradigma histórico da Unión Soviética na época de Stalin, un paradigma para o que este discurso é fundamental.

O discurso máis influínte do século XX –se non de todos os tempos- unha completa fraude? A idea era demasiada escandalosa. Quen podería enfrontarse á revisión da historia soviética, da Internacional Comunista e, inclusive, da historia mundial, que esta conclusión demandaría? Sería infinitamente máis doado para todos crer que eu “cociñara os libros” agochando a verdade, é dicir, que eu falsificara os datos, exactamente do que EU acuso a Khrushchev. Así, o meu traballo podería ser ignorado doadamente e o problema “desaparecería”. Sobre todo desde que coñecen a miña simpatía co movemento comunista en todo o mundo, movemento do que Stalin foi o líder recoñecido. Cando un investigador chega a conclusións que semellan apoiaren sospeitosamente as súas ideas preconcibidas, como mínimo, é prudente desconfiar un chisco da súa obxectividade.
Por tanto, sería moito máis feliz se a miña investigación concluíra que o 25% das “revelacións” de Khrushchev sobre Stalin e Beria eran falsas. No entanto, xa que practicamente todas esas “revelacións” que se poden comprobar son, de facto, mentiras, a responsabilidade por destapalas é aínda máis forte, como académico, que de se tratar dun caso ordinario. En consecuencia, organicei a información desta investigación dun xeito pouco usual.

O libro está dividido en dúas seccións separadas mais relacionadas entre si.

Na primeira sección, do capítulo 1 ao 9, analizo cada unha das declaracións, ou afirmacións, que Khrushchev fai no seu discurso e que constitúen o cerne das súas chamadas “revelacións”. (Xa adianto que identifiquei 61 afirmacións deste tipo).

Cada unha destas “revelacións” vai precedida por unha cita do Discurso Secreto, e é examinada á luz das probas documentais. A maioría destas probas aparecen como citas de fontes primarias. Só nuns poucos casos recollo citas de segundas fontes. Co fin de demostrar a falsidade do discurso de Khrushchev, impúxenme a tarefa de presentar as mellores probas que se poden encontrar, na súa maior parte procedentes dos antigos arquivos soviéticos. Xa que unhas citas documentais extensas, de intercalalas no texto, farían dificultosa a lectura, nestes capítulos só achego breves referencias das probas, a reservar as citas completas de primarias (e ocasionalmente secundarias) fontes para os Apéndices de cada capítulo.

A segunda sección do libro, do capítulo 10 ao 12, está dedicada a cuestións de carácter metodolóxico e á discusión dalgunhas das conclusións que se desprenden do meu estudo. Prestei especial atención á tipoloxía das falsidades, ou métodos de enganos empregados por Khrushchev. Inclúese aquí un estudo das “rehabilitacións” dalgúns dirixentes do Partido nomeados no Discurso.
Ocúpome das referencias ás fontes primarias de dúas maneiras. Para alén da documentación académica tradicional a través de notas a rodapé e da bibliografía, tentei, sempre que foi posíbel, indicar ao lector onde atopar esas fontes primarias, en parte ou na súa totalidade, na internet. Todas as ligazóns funcionaban cando a edición en inglés deste libro saíu do prelo.

Nalgúns casos subín eu mesmo a Internet importantes documentos primarios, normalmente en formato PDF. Isto fixo posíbel que, ás veces, me refira ao número de páxina, algo dabondo inútil de utilizar linguaxe HTML.

Para rematar, gustaríame agradecer aos meus colegas estadounidenses e rusos que leron o esbozo deste traballo, axudándome cos seus consellos. Naturalmente, non son responsábeis dos erros e deficiencias que aínda poden ficar no libro malia os meus esforzos.

A miña especial gratitude para o meu fantástico colega de Moscova, Vladimir Lvovich Bobrov. Académico, investigador, editor e tradutor, profesor de inglés e ruso. Eu nunca asumiría un traballo como este, e moito menos completalo, sen a súa inspiración, orientación e axuda de todo tipo.

Agradecerei os comentarios e críticas dos lectores.



[1] O texto completo do discurso de Khrushchev está dispoñíbel en: http://www.erythrospress.org/furr/speech.html
[2] Nikita S. Khrushchev. The New Leader. The Crimes of the Stalin Era. Introduction by Anatol Shub, notes by Boris Nikolaevsky. Nova York: The New Leader, 1962.
[3] Uns poucos exemplos: Foi Beria, non Khrushchev, quen liberou moitos prisioneiros, aínda que non “millóns”, como afirma Taubman. O “desxeo” que celebra empezou durante os últimos anos de Stalin. Khrushchev limitouno ás políticas dereitistas, só medidas anti-Stalin. Stalin quixo retirarse en outubro de 1952, mais o XIX Congreso do Partido non o permitiu. Taubman reivindica a afirmación de Khrushchev de non estar involucrado na represión, porén, Khrushchev non fixo caso dos chamamentos de Stalin, senón que tomou a iniciativa exixindo maiores “cotas” de represión do que a dirección de Stalin quería. Taubman reivindica que «Khrushchev, dalgunha maneira, conservou a súa humanidade.» Sería máis exacto dicir o contrario: Khrushchev semellaba máis un matón e asasino.

[Fonte: Edicións Benigno Álvarez]