"As mentiras de Khrushchev" [Grover Furr]

Coincidindo coa edición en galego do libro de Grover Furr “As mentiras de Khrushchev”, publicado por Edicións Benigno Álvarez, o autor visitará Galiza a finais de Maio.

Forxa! ten concretadas co historiador estadounidense un ciclo de conferencias que se desenvolverán en Compostela e Ferrol (22 e 23 de Maio, respectivamente), onde estará dispoñíbel o libro e o autor efectuará sinatura de exemplares.

A obra de Furr analiza o discurso “secreto” de Nikita Khrushchev presentado no XX Congreso do PCUS, considerado como o máis influínte do século XX, e que tanto dano ten feito ao Movemento Comunista Internacional.

Nas 442 páxinas do libro, resultado de máis de 10 anos de investigación –mesmo das fontes primarias en ruso-, o autor aporta as probas e evidencias de que de 61 afirmacións de Khrushchev contra Stalin (e Beria), todas son probadamente falsas, agás unha, da que non se pode demostrar nin a súa veracidade nin a súa falsidade. 

Forxa! se comprace de que algúns dos seus militantes teñan participado na tradución (desde o inglés para o galego) do libro de Furr, e alentan a todas as persoas interesadas a adquirilo, pois é moi importante a súa lectura e espallamento no senso de contribuír a facer Xustiza Histórica contra as calumnias nas que se cimenta o discurso contra o Socialismo na URSS, e o período no que o camarada Stalin foi Secretario Xeral do PCUS.

Polo momento tan só hai edición en ruso (a orixinaria), inglés, vietnamita e turco. Agora tamén en galego, e desde xá, é posíbel reservar exemplares escribindo a forxagz@gmail.com ou directamente ao correo da editorial: edicionsba@gmx.com.