CIG, CCOO, UGT e USTG convocan Folga Xeral Comarcal en Ferrol para o 12 de xuño.

CCOO, UGT, CIG e USTG anunciaron unha folga xeral na comarca de Ferrol para o vindeiro 12 de xuño. Os sindicatos convocantes denuncian que o paro na bisbarra é do 32% e que a situación socioeconómica se deteriorou de xeito especial nos últimos meses por mor da crise que sofre o sector naval, con 2.200 despedimentos.

As catro organizacións lembran que se rexistran descensos continuados nos censos dos concellos por mor da emigración, entre cuxas causas están os constantes ERE nas empresas da comarca. Ademais, segundo explicaron os voceiros dos sindicatos, «os servizos sociais non dan feito» pola falta de recursos para atenderen cada vez máis persoas que precisan axuda.

CCOO, UGT, CIG e USTG acusan ao Partido Popular, que goberna en Galicia e no Estado, de incumprir as promesas electorais: «as súas políticas só provocan emigración e pobreza», denuncian.

Os convocadores iniciarán contactos co empresariado, comercio e asociacións para lograr unha participación masiva na folga. Haberá, ademais, unha manifestación ao mediodía desde a praza do Inferniño.

[Fonte: CCOO]


Con motivo do paro xeral, e baixo o lema “Ferrol esixe solucións”, haberá manifestación ás 12 horas dende o Inferniño.

As organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e USTG de Ferrol veñen de anunciar a convocatoria de Folga Xeral Comarcal para o mércores 12 de xuño, ante a situación de “emerxencia total” que sufre Ferrolterra. Con motivo do paro xeral, que as centrais sindicais agardan sexa un éxito en contra das "nefastas políticas do goberno estatal e da Xunta", está convocada tamén unha manifestación que partirá ás 12:00 horas dende o Inferniño e rematará na Praza do Concello.

A convocatoria foi feita pública este luns en rolda de prensa polos responsábeis comarcais de cada unha das centrais sindicais, que avanzaron que o paro xeral se desenvolverá baixo o lema “Ferrol esixe solucións”.  A este respecto,  o co-voceiro da CIG-Ferrol, Xesús Anxo López Pintos, apuntou que dende hai dous meses as catro organizacións sindicais veñen mantendo contactos co obxectivo de artellar unha resposta conxunta ante a alarmante situación socio-económica que arrastra a comarca dende a mal chamada reconversión do naval, agudizada agora polo actual contexto de crise global.

“Ferrol presenta as peores cifras de desemprego, no último ano pasamos dunha taxa de paro do 16% até o 22%; a maioría das empresas da comarca están afectadas por expediente de regulación de emprego, entraron en concurso de acredores ou directamente botaron o peche; os nosos sectores pesqueiros e agro-gandeiros están en claro retroceso e desaparición; non hai investimento público nin desenvolvemento das infraestruturas; e aínda por riba o naval,  sector estratéxico para a comarca, atópase na situación máis complicada da súa historia”, aseguraba López Pintos.

En canto á grave crise do naval, o co-responsábel comarcal da CIG, lembrou que, fronte as promesas electoralistas e os anuncios de supostos pedidos para os estaleiros por parte da Xunta do PP, nos últimos dous anos xa se perderon máis de 2.000 empregos na industria auxiliar,  nestes momentos non hai nova carga de traballo en carteira e nin sequera dende o Goberno español e galego se aposta pola construción do dique flotante como ferramenta de futuro e solución urxente á falta de actividade.

As centrais sindicais xa están a traballar para que a folga do próximo 12 de xuño sexa todo  un éxito. Para iso, teñen previsto iniciar unha rolda de contactos con representantes do movemento asociativo, o comercio e empresarios locais, co obxectivo de solicitar o apio á convocatoria. Así mesmo, celebraranse asembleas nos centros de traballo e accións de cara a concienciar á cidadanía das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal da necesidade de dar unha resposta contundente contra “as políticas nefastas do estado e a Xunta, que actúan contra o desenvolvemento de Ferrolterra”, aseveraba Pintos.
“Non nos queda máis que enfrontarnos contra estas políticas e esixir un cambio de rumbo a través da confrontación”, concluíu.

[Fonte: Avantar]