Comunicado do Partido Comunista Obreiro Húngaro ante as novas medidas anticomunistas do goberno.

Aos partidos comunistas e obreiros do Mundo:

O Partido Comunista Obreiro Húngaro realizou o seu 25º Congreso Extraordinario o 11 de maio de 2013 en Budapest. Cambiamos o nome do partido. Agora a nosa organización chámase Partido Obreiro Húngaro. O cambio de nome do partido non significa ningún cambio político nin ideolóxico. Queremos continuar a nosa loita contra o capitalismo abertamente, e non ser forzados á ilegalidade. Por isto o congreso modificou o nome do partido para permitir o seu rexistro como Partido Obreiro Húngaro. Aínda que cambia o noso nome, os nosos principios non. Seguimos sendo un partido marxista-leninista e comunista en loita contra o capitalismo.

Fomos obrigados a reunirnos neste congreso porque o goberno húngaro lanzou un novo ataque, moi serio, contra o partido. O 19 de novembro do ano pasado, o parlamento en Budapest adoptou un novo estatuto prohibindo o uso público de nomes conectados cos “réximes autoritarios do século XX”.

Esta lei entrou en vixencia o 1 de xaneiro deste ano. De acordo coa Constitución húngara e a política do goberno actual, os “réximes autoritarios” son a ditadura fascista de Ferenc Szalasi, que existiu entre outubro de 1944 e abril de 1945, e todos os gobernos da construción socialista entre 1948 e 1990. Notarán que non se inclúe a ditadura de Miklos Horthy, de
1919 a 1944.

De acordo con iso, ningún partido político, compañía, medio de comunicación, rúa, praza ou sitio público pode incluír o “nome de persoas que xoguen un papel dirixente na fundación, desenvolvemento ou mantemento dos réximes políticos autoritarios do século XX, nin palabras, nin expresións, nin nomes de organizacións que poidan relacionarse directamente cos réximes políticos autoritarios do século XX”.

Isto significa que as 43 rúas Lenin, 36 rúas Karl Marx e seis rúas Estrela Roxa foron rebautizadas. Tamén o serán as 44 rúas Liberación, que conmemoraban a liberación de Hungría do fascismo hitleriano, e as 53 rúas Endre Sagvari, que honran ao mártir antifascista máis importante de Hungría, asasinado en 1944 pola policía fascista. O seu nome non se debe mencionar. Todas as rúas Exército Popular, Fronte Popular e República Popular deben desaparecer. A coñecida Praza Moscova de Budapest foi rebautizada hai pouco.

En efecto, o uso público de palabras e categorías tales como “comunista”, “socialista”, “liberación” e moitas outras tornaronse ilegais.

Por que as forzas pro-capitalistas atacan ao noso partido? Porque Hungría está en crise. Case 500 mil persoas están oficialmente rexistradas como desempregadas, algo máis do 11% do persoal. Unha cantidade parecida de mozas traballan noutros países da Unión Europea, principalmente Gran Bretaña, Austria e Alemaña, porque non atopan emprego no seu país. Aínda así, a taxa de desemprego xuvenil (menores de 25 anos) en Hungría está en máis do 28%.

O goberno do partido Fidesz -Unión Cívica Húngara-, dirixido polo primeiro ministro Viktor Orban coñece ben estes datos, mentres proclama o “milagre húngaro”. A realidade é que moita xente do común está peor ca nunca.

As forzas pro-capitalistas en Hungría saben moi ben que só o noso partido propón unha alternativa real ao desemprego masivo, a pobreza e a ocupación colonial de Hungría por parte das compañías multinacionais.

Cada vez máis xente esperta e dáse conta de que non só os gobernos capitalistas son culpábeis da súa difícil situación. É o sistema capitalista en xeral que non funciona, polo menos para eles. Tamén aprecian que os comunistas húngaros estamos á beira dos traballadores. O noso partido acumulou un considerábel capital moral na nosa sociedade.

Agradecemos a súa solidariedade coa nosa loita. Difundan a situación que vivimos en Hungría e saiban que poden contar cos comunistas húngaros.

Con saúdos de camarada.

Gyula Thürmer
Presidente