[Grover Furr] Stalin e a loita pola reforma democrática (1/2)

PARTE PRIMEIRA

Introdución

1. Este artigo subliña as tentativas de Stalin, desde os anos 30 até a sua morte, por democratizar o governo da Unión Soviética.

2. Esta afirmación, e o artigo, surprenderá a moitos, e escandalizará a algúns. De feito, foi a miña surpresa ante os resultados desta investigación o que me levou a escreber este artigo. Suspeitei durante moito tempo que a versión tipo "guerra fria" da história soviética tiña importantes lagoas. Mália isto, non estaba preparado para a magnitude das falsedades das que tiven coñecimento.

3. Esta história é ben coñecida polos rusos, onde o respeito e incluso a admiración por Stalin é común. Yuri Zhukov, o principal historiador ruso que avanzou o paradigma de "Stalin demócrata", e cuxos traballos son a principal fonte individual, mália que non a única, deste artigo, é unha figura recoñecida, relacionada coa Académia de Ciéncias. Os seus traballos son amplamente coñecidos.

4. Porén, esta história, así como os feitos nos que se asenta, é virtualmente descoñecida fora de Rúsia, onde o paradigma da Guerra Fria "Stalin, malvado" domina tanto o publicado que os traballos aquí citados son escasamente nomeados. Por isto moitas das fontes utilizadas no artigo só son acesíbeis en ruso.(1)

5. Este artigo non só informa aos leitores de novos feitos e das suas interpretacións sobre a história da URSS. Constitue unha tentativa de achegar aos leitores non-rusos o resultado de novas investigacións, baseadas nos arquivos soviéticos, sobre o periodo de Stalin e sobre o mesmo Stalin. Os feitos discutidos neste artigo son compatíbeis con determinado rango de paradigmas históricos soviéticos, na medida na que axudan a desbotar un determinado número de interpretacións. Serán inaceitábeis por completo (incluso escandalosos) para aqueles cuxas perspectivas políticas e históricas se basean nunhas nocións erradas, baseadas na Guerra Fria, sobre o "totalitarismo" soviético e o "terror" estalinista.(2)

6. A interpretación khrucheviana de Stalin como un ser sedento de poder, traidor ao legado de Lenin, foi unha criazón necesária para os intereses da nomenclatura do Partido Comunista nos anos 50. Pero amosa moitas semellanzas e comparte moitas premisas co discurso canónico sobre Stalin herdado da Guerra Fria, que estivo ao servizo do desexo das elites capitalistas de apresentar as loitas polo comunismo, ou calquer loita da clase obreira polo poder, como un camiño que dirixe necesáriamente a algún tipo de horror.

7. Axusta-se tamén á necesidade do trotskismo de argumentar que a derrota de Trotsky, o "revolucionário auténtico", tivo que ser obra dun ditador que, dá-se por feito, violou cada un dos princípios polos que loitou a Revolución. Khruchevistas, anticomunistas da Guerra Fria, e os paradigmas trotskistas sobre a história soviética son cópias na sua dependéncia dunha demonización de Stalin, do seu liderazgo e da URSS durante o seu mandato.

8. A visión sobre Stalin apresentada neste ensaio é compatíbel con outros paradigmas históricos contraditórios. As interpretacións comunistas anti-revisionistas e pós-maoístas da história soviética contemplan a Stalin como un herdeiro lóxico e criativo do legado de Lenin, se ben fracasado en certos aspectos. Igualmente moitos nacionalistas rusos, que difícilmente aprobarian os logros de Stalin en tanto comunista, respeitan a sua figura como responsábel de facer de Rúsia unha poténcia industrial e militar. Stalin é para todos eles unha figura esencial, se ben desde distintas ópticas.

9. Este traballo non tenta "reabilitar" a Stalin. Estou de acordo con Yri Zhukov cando escrebe:

"Teño que dicer, sinceramente, que me opoño á reabilitación de Stalin, porque me opoño ás reabilitacións en xeral. Nada nen niguén debe ser reabilitado, senón que debemos descobrir a verdade, e dá-la a coñecer. Porén, desde os tempos de Khruchev as únicas vítimas das represións de Stalin das que ouvimos falar son aquelas que tomaron parte nelas, ou que as facilitaron, e que non se opuxeron a elas".

Tampouco quero afirmar que, no caso de que Stalin conseguira todas as metas, fosen resoltos os moitos e variados problemas da construción do socialismo e do comunismo.

10. Durante o periodo analisado neste ensaio, o liderazgo de Stalin preocupou-se non só de potenciar a democrácia no governo do estado, senón de favorecer tamén a democrácia interna no Partido. Este ponto, importante e relacionado, precisa dun estudo por separado, e non é o ponto central deste traballo. Mália ser coñecido o conceito de "democrácia", este ten un significado distinto no contexto dun partido guiado polo centralismo democrático, formado por membros voluntários, que no contexto dun grande estado de cidadáns no que non se poden dar por supostas bases de consenso político.(3)

11. Este artigo baseou-se en fontes de primeira man sempre que foi posíbel. Ainda que descansa con maior solidez nos traballos académicos de historiadores rusos que teñen aceso a documentos non publicados, ou de moi recente publicación, dos arquivos soviéticos. Moitos documentos soviéticos de grande importáncia só están a disposición de académicos con aceso privilexiado. Moitos outros permanecen completemante secuestrados e "clasificados", incluídos moitos do arquivo persoal de Stalin, os materiais pre-xudiciais de investigación dos procesos de Moscova de 1936-1938, os materiais de investigación sobre o caso Tukhachevski de 1937 e moitos outros.

12. Yuri Zhukov descrebe a situación dos arquivos do seguinte xeito:

"Co comezo da Perestroika, sendo un dos seus lemas glasnost..., o arquivo do Kremlin, antes pechado aos investigadores, liquidou-se. Os seus contidos empezaron a trasladar-se (a vários arquivos públicos G.F.). Este proceso encetou, pero non finalizou. Sen publicidade ou explicación, en 1996 os materiais máis importantes e esenciais foron reclasificados de novo, agachados no arquivo do Presidente da Federación Rusa. Pronto foron evidentes as razóns desta operación: permitir o rexurdimento dun dos vellos e lamentábeis mitos."

Zhukov está a falar dos mitos "Stalin o malvado" e "Stlain o grande líder". Só o primeiro destes mitos é familiar aos leitores da historiografia ocidental e anticomunista. Pero as duas escolas están ben representadas tanto na Rúsia como na Comunidade de Estados Independentes.

13. Unha das obras de Zhukov, fonte de moito do contido deste artigo, intitula-se Inoy Stalin - Un Stalin diferente, "diferente" dos mitos, máis perto da verdade, baseado nos recentemente desclasificados documentos de arquivo. A sua cuberta representa unha fotografia de Stalin e, fronte a ela, a mesma fotografia en negativo: o seu oposto. En poucas ocasións utiliza Zhukov fontes de segunda man. Maiormente cita documentos de arquivo non publicados, ou recentemente desclasificados e publicados. A sua descrición da política do Politburó de
1934 a 1938 é moi diferente de todo o que teña a ver cos mitos que rexeita.

14. Zhukov remata a sua Introdución con estas verbas:

"Non presumo de ter rematado a tarefa. Tento só evitar pontos de vista preconcebidos, evitar os dous mitos; tentar reconstruir o pasado, unha vez moi coñecido, pero agora esquecido intencionadamente, deliberadamente non nomeado, ignorado por todos".

Seguindo a Zhukov, este artigo tamén tenta manter-se á marxe dos dous mitos.

15. Sob estas condicións calquer conclusión ten que ter o carácter de tentativa. Esforcei-me por utilizar sensatamente todos os materiais, xa foran de primeria ou segunda man. Co gallo de non interromper o texto coloquei as fontes referenciais ao remate de cada parte.

16. A investigación que este artigo resume ten importantes consecuéncias para aqueles de nós que queremos levar adiante unha análise de clase da história, incluída a história da Unión Soviética.

17. Un dos mellores investigadores do periodo de Stalin na URSS, J. Arch Getty, denominou a investigación histórica realizada durante o periodo da Guerra Fria como "produto propagandísitico", "investigación" que non merece nen crítica nen emenda, senón que ten que ser feita de novo desde o comezo.(4) Coincido con Gretty, ainda que engadiria que esta investigación tendenciosa, "política" e desonesta continua hoxe en dia.

18. O paradigma Guerra Fria-Khruchevista foi o ponto de vista dominante da história dos "anos de Stalin". A presente investigación pode dar luz sobre a matéria, "un princípio desde o mesmo princípio". A verdade que xurde terá tamén un grande significado para o proxecto marxista de comprender o mundo para trocá-lo, da construción dunha sociedade sen clases, unha sociedade con xustiza económica e social.

19. Na sección final do ensaio subliñei algunhas áreas para unha posterior investigación apontadas polos resultados deste artigo.

Unha nova Constitución

20. En decembro de 1930, o VIIIº Congreso Extraordinário dos Soviets aprobou o borrador da nova constitución soviética. Convocou unha votación secreta e unhas eleizóns abertas. (Zhukov, Inoy 307-9)

21. Admitiron-se candidatos non só do Partido Bolchevique -chamado entón Partido Comunista da Unión (bolchevique)(5)- senón tamén doutros grupos de cidadáns baseados na zona de residéncia, filiación (como grupos relixiosos), ou organizacións dos centros de traballo. Isto nunca se levou á prática. Nunca houbo eleizóns abertas.

22. Os aspectos democráticos da Constitución foron incluídos ante a expresa insisténcia de Stalin. Xunto aos seus máis achegados colaboradores no Politburó do Partido Bolchevique, Stalin loitou para manter este proxecto (Getty, "State"). El, e eles, cederon só cando se enfrontaron ao rexeitamento total do Comité Central do Partido, e ante o pánico que criou o descobrimento de sérias conspiracións para derrocar o governo soviético coa colaboración do fascismo alemán e xaponés.

23. En xaneiro de 1935, o Politburó asignou o traballo de deseñar os contidos dunha nova constitución a Avel Ynukidze(6) quen, meses máis tarde, volveu coa idea de eleizóns abertas. Case imediatamente, o 25 de xaneiro de 1935, Stalin expresou o seu desacordo coa proposta de Yenukidze, insistindo nas eleizóns secretas. (Zhukov, Inoy 116-21)

24. Stalin fixo público este desacordo dun xeito moi notório en marzo de 1936, durante unha entrevista co magnate da imprensa americana Roy Howard. Stalin declarou que todas as votacións serian secretas. O voto teria unha base de igualdade, tendo o mesmo valor o voto dun campesiño que o voto dun obreiro(7); unha base territorial, como no Ocidente, no canto dunha base relacionada co estatus, como na época zarista. O voto seria directo: todos os Soviets serian elixidos polos cidadáns, non por representantes indirectos. (Stalin-Howard Interview; Zhukov, "Repressii" 5-6)

Stalin: "Adoptaremos a nosa nova constitución probábelmente a finais deste ano. A comisión encarregada de redixí-la esta traballando e rematará pronto o seu traballo. Como xa se anunciou, de acordo coa nova constitución, o sufráxio será universal, igual, directo e secreto". (Entrevista Stalin-Howard)

25. E o máis importante: Stalin declarou que en todas as eleizóns participarian diferentes forzas políticas.

"Vosté está confundido polo feito de que só un partido se apresentará ás eleizóns. E non pode ver como pode ter lugar unha contenda eleitoral nestas condicións. Evidentemente, os candidatos serán apresentados non só polo Partido Comunista, senón por toda clase de organizacións públicas, alleas ao Partido. E temos centenares. Non temos partidos máis que na medida na que temos unha clase capitalista en loita cunha clase traballadora que é explotada polos capitalistas. A nosa sociedade consiste exclusivamente en traballadores livres do campo e da cidade; traballadores, campesiños e intelectuais. Cada unha destas capas ten os seus especiais intereses, intereses expresados através das numerosas organizacións que existen".

Diferentes organizacións cidadáns apresentarian candidatos que competirian cos candidatos do Partido Comunista. Stalin declarou a Howard que os cidadáns tacharian os nomes de todos os candidatos agás os de aqueles a quen votasen.

26. Tamén salientou a importáncia dunhas eleizóns nas que existira competéncia como forma de loitar contra a burocrácia:

"Vosté poderia pensar que non haberá eleizóns. Pero si que haberá, e vexo campañas moi axitadas. Non son poucas as institucións no noso país que funcionan mal. Dan-se casos nos que este ou aquel governo local non son quen de satisfacer esta ou aquela das variadas e crecentes necesidades dos traballadores da cidade e do campo. Edificou-se unha boa escola ou non? Melloraron as condicións da vivenda? É vosté un burócrata? Axudou vosté a facer maís eficaz o noso traballo e a facer as nosas vidas máis cultivadas? Así serán os critérios cos que millóns de eleitores medirán o axeitado dos candidatos, rexeitarán aos non aptos, suprimirán os seus nomes das listas de candidatos e favorecerán e elexerán aos mellores. Si, as campañas eleitorais serán disputadas, e estarán centradas en numerosos e agudos problemas, sobretodo de natureza prática, de primeira importáncia para o povo. O noso novo sistema eleitoral reforzará todas as institucións e organizacións, que se verán obrigadas a mellorar o seu traballo. O sufráxio universal, igualitário, directo e secreto será un látego nas mans do povo contra os órgaos governamentais que funcionen mal. Na miña opinión, a nova constitución soviética será a constitución máis democrática do mundo".

27. Desde esta óptica, Stalin e os membros do Politburó máis cercanos a el, Vyacheslav Molotov e Andrei Zhadanov apoian unhas eleizóns abertas e secretas en todos os debates dentro do Partido. (Zhukov, Inoy, 207-10; Entrevista Stalin-Howard)

28. Stalin tamén insiste no feito de que moitos cidadáns soviéticos, que foran privados dos seus direitos, agora os recuperarian. Esto incluia membros das clases explotadoras, como os terratenentes, e aqueles que loitaron contra os bolcheviques durante a Guerra civil de 1918-1921, os coñecidos como "gardas brancos", así como aqueles condenados por crimes (como hoxe nos EEUU). Os grupos máis importantes e probábelmente máis numerosos entre os lishentsy (expropriados) foron dous: os kulaks, os principais obxectivos durante a colectivización, e os que violaran a "lei dos tres ouvidos"(8) (roubar propriestades estatais, a miúdo cereais, as veces simplesmente para combater a fame). (Zhukov, Inoy 187)

29. Estas reformas eleitorais serian inecesárias, a non ser que a dirección soviética quixera mudar os modos de governo da Unión Soviética. O que perseguian era expulsar ao Partido Comunista da dirección directa da Unión Soviética.

30. Durante a Revolución Rusa e os críticos anos que seguiron, a URSS foi governada por unha xerarquia eleita de soviets, desde o nível local ao nacional, co Soviet Supremos como órgao lexislativo, o Consello de Comisários do Povo o executivo, e o Secretário deste Consello como cabeza do Estado. Pero na prática, a todos os níveis, a eleizón destes estivo nas mans do Partido Bolchevique. Houbo eleizóns, pero o nomeamento directo por parte dos líderes do Partido, denominado "cooptazón" era tamén habitual. Incluso as eleizóns foron controladas polo Partido, xa que ninguén podia optar sen a aprobación dos dirixentes do Partido.

31. Para os bolcheviques isto era lóxico. Era a forma que tomaba a ditadura do proletariado nas condicións históricas específicas na Unión Soviética revolucionária e pós-revolucionária. Baixo a Nova Política Económica, ou NEP(9), o traballo e as capacidades dos explotadores foron necesárias. Ainda que só cando estiveran ao servizo da ditadura do proletariado, do socialismo. Non se deixou que reconstruisen as relacións capitalistas alén de certos límites, nen que recuperaran poder político.

32. Duranteos anos 20 e princípios dos 30, o Partido Bolchevique reclutou membros entre a clase traballadora de forma intensa. A finais dos anos
20, a maioria dos membros do Partido eran traballadores e unha alta porcentaxe dos traballadores estaban no Partido. Este reclutamento masivo e os grandes proxectos de educación política coincidiron coas enormes tensións do primeiro Plano Quinquenal, a industrialización a marchas forzadas, e a colectivizacion, normalmente forzada, das granxas individuais (pasando a constituir granxas colectivas -kolkhoz-, ou soviéticas -sovkhoz-). A dirección bolchevique foi tan sincera na sua tentativa de proletarizar o Partido como exitosa nos seus resultados. (Rigby, 167-8;184;199)

33. Stalin e os seus seguidores dentro do Politburó deron determinados motivos para apoiar a sua vontade de democratizar a Unión Soviética. Esas razóns reforzan a idea desa dirección de que se acadara un novo estado de socialismo.

34. A meirande parte dos campesiños estaban en granxas colectivas. Cun descenso progresivo de granxas individuais, a dirección soviética pensou que, obxectivamente, os campesiños xa non constituian unha clase sócio-económica independente. As semellanzas entre campesiños e traballadores eran maiores que as diferenzas.

35. Stalin argumentaba que, co rápido crecimento da indústria colectiva e, sobretodo, coa clase obreira controlando o poder político através do Partido Bolchevique, a verba "proletário" xa non era acaída. "Proletariado", declarou Stalin, define a clase traballadora baixo a explotación capitalista, ou traballando baixo relacións capitalistas de produción, como as que existian durante os primeiros anos da Unión Soviética, especialmente durante a NEP. Pero unha vez abolida a explotación directa dos traballadores polos capitalistas, a clase traballadora non se debe chamar "proletariado".

36. Segundo esta análise, os explotadores do traballo alleo xa non existian. Os traballadores, que agora dirixian o país no seu próprio interese através do Partido Bolchevique, non eran xa o clásico proletariado. Xa que logo, a "ditadura do proletariado" xa non era un conceito pertinente. Esas novas condicións supuñan un novo tipo de estado. (Zhukov, Inoy, 231;292; Stalin, "Draft" 800-1).

A Loita contra a Burocrácia

37. Os líderes do Partido tamén estaban preocupados polo papel do Partido neste novo estádio do socialismo. Stalin enfrontou a loita contra o "burocratismo" xa desde xaneiro de 1934, no seu Informe ao XVIIº Congreso do Partido.(10) Stalin, Molotov e outros dirixentes denominaron o novo sistema eleitoral como "arma contra a burocratización".

38. Os líderes do Partido controlaban o governo, tanto decidindo quen entraba nos Soviets como exercendo diversas formas de fiscalización sobre eles. Molotov, dirixindo-se ao VIIº Congreso dos Soviets, o 6 de fevreiro de 1935, afirmou que as eleizóns secretas "golpearán con grande forza aos elementos burocráticos, propinando-lles un útil toque de atención". O informe de Yenukidze non recomendaba, nen indicaba, eleizóns secretas nen a ampliación dos direitos civís. (Stalin, Informe ao XVIIº Congreso do P.C.; Zhukov, Inoy 124)

39. Os ministros e os seus colaboradores tiñan que coñecer os asuntos dos que se encarregaban se querian ser eficaces na produción. Isto significaba educacion, e tamén coñecimentos técnicos no seu campo. Pero os líderes do Partido fixeron a miúdo as suas carreiras só através do ascenso polos escalóns do Partido. Non se precisaba moito coñecimento técnico para esa clase de ascenso. Máis ben eran necesários critérios políticos. Estes funcionários do Partido exerceron o controlo, ainda que lles faltaban os coñecimentos práticos que, teóricamente, lles facilitarian unha óptima supervisión. (Stalin-Howard Entrevista, Zhukov, Inoy, 305; Zhukov, "Represii" 6)

40. Isto era, aparentemente, o que a dirección de Stalin entendia por "burocratismo". Mália ser visto como algo perigoso -no que coincidian con todas as correntes marxistas- non o considerában inevitábel. Coidaron que podia ser derrotado modificando o papel do Partido nunha sociedade socialista.

41. O conceito de democrácia que Stalin e os seus seguidores na dirección do Partido desexaban aplicar na Unión Soviética incluia un cámbio cualitativo no papel do Partido Bolchevique no seo da sociedade.

Os documentos postos a disposición dos investigadores permiten comprender que xa a finais da década dos 30, houbo intentos de separación entre o Partido e o Estado, e de limitar o papel do Partido na vida do país. (Zhukov, Tayny 8)

Stalin e os seus continuaron a loita contra a oposición doutros elementos no Partido Bolchevique, con resolución, ainda que con cada vez menos posibilidades de vitória, até a morte de Stalin en
1953. A decisión de Lavrentii Beria de continuar esta loita semella ser a auténtica causa da sua morte a man de Khruchev e os seus colaboradores, ben de forma xudicial, através dun proceso baseado en acusacións inventadas en decembro de 1953, ou ben -como moitas probas indican- mediante o simples asasinato, en xuño dese mesmo ano.

42. O Artigo 3 da Constitución de 1936 manifesta: "Na URSS todo o poder pertence aos traballadores da cidade e do campo, representado polos Soviets de Deputados Obreiros". O Partido Comunista menciona-se no Artigo 126 como "a avangarda da clase obreira na loita por reforzar e desenvolver o sistema socialista, é o núcleo dirixente de todas as organizacións de traballadores, tanto estatais como públicas". Noutras palavras, o Partido dirixia "organizacións", pero non os órgaos lexislativos ou executivos do Estado. (Constitución de 1936; Zhukov, Tayny 29-30)

43. Semella que Stalin coidou que, unha vez apartado o Partido do controlo directo sobre a sociedade, o seu papel debia limitar-se á axitación e á propaganda, e a participación na selección de cadros. Que significaria isto? Quizais algo como o seguinte:

- O Partido regresaria a sua función esencial de gañar á xente para os ideais do comunismo.

- Isto significaria a fin dos traballos cómodos, e o regreso ao estilo de traballo duro que caracterizou aos bolcheviques durante o zarismo, a Revolución, a Guerra Civil, o periodo da NEP e a non menos dura etapa dos planos de industrialización e colectivización. Era algo necesário para conseguir unha base real entre as masas. (Zhukov, KP Nov. 13 02; Mukhin, Ubiytvo)

44. Stalin insitia en que os comunistas tiñan que ser xente afeita ao traballo duro, cultos, capaces de facer unha contribución positiva á produción e á criazón da sociedade comunista. O mesmo Stalin foi un incansábel estudoso.(11)

45. Resumindo, as probas indican que Stalin consideraba o novo sistema eleitoral apropriado para cumprir os seguintes obxectivos:

- Asegurar que a dirección da produción, e de toda a sociedade soviética, estiveran nas mans de xente técnicamente preparada.

- Deter a dexeneración do Partido Bolchevique, e facer regresar aos militantes do Partido, especialmente aos seus líderes, ás suas función primárias: protagonizar o liderazgo no político e no moral, mediante o exemplo e a persuasión ao resto da sociedade.

- Reforzar o traballo do Partido entre as masas.

- Granxear o apoio dos cidadáns para o governo.

- Criar as bases para unha sociedade sen clases e comunista.

A Derrota de Stalin

46. Durante 1935, baixo o mandato de Andrei Vyshinski, Fiscal Xefe da URSS, moitos cidadáns que foran exilados, que foran encarcerados e -o fundamental para o noso estudo- foran privados do direito ao voto, recuperaron os seus direitos. Centenares de miles de antigos kulaks, granxeiros ricos que foran a diana da colectivización, e aqueles que foran encarcerados ou expulsados do país por opoñer-se á colectivización, foron liberados. Vyshinski critiou duramente ao NKVD (Comisariado Popular para Asuntos Internos) pola "enorme cantidade de erros e equivocacións" na deportación de case 12.000 peroas de Leningrado após o asasinato de Kirov en decembro de 1934. Declarou que en adiante o NKVD non poderia deter a ninguén sen autorización prévia do fiscal. A povoación con direito a voto medrou en centenares de miles de persoas que tiñan motivos para pensar que o Estado e o Partido foran inxustos con eles. (Thurston 6-9; Zhukov, KP Nov 14. 19 02 Zhukov, Inoy 187; Zhukov, "Represii" 7)

47. Orixinalmente, entre as intencións de Stalin para a nova Constitución non estaba a da participación de todas as forzas políticas. Declarou-no na sua entrevista con Roy Howard o 1 de marzo de 1936. No Pleno do Comité Central de xuño de 1937, Yakovlev -un dos membros do Comité Central que, xunto con Stalin, máis traballara no deseño da nova Constitución (Zhukov, Inoy 223)- afirmou que a idea de eleizóns abertas fora feita por Stalin. Esta suxestión atopou-se cunha ampla oposición por parte dos líderes rexionais do Partido, dos Primeiros Secretários, ou a "partitocrácia", como Zhukov os denominaba. Após a entrevista con Howard non houbo nen tan sequer un apoio nominal á declaración de Stalin sobre eleizóns abertas nos principais xornais, a maioria sob o controlo directo do Politburó. O Pravda publicou tan só un artigo, o 10 de marzo, e non mencionou o tema das eleizóns.

48. De todo isto, Zhukov deduce:

"Isto só podia significar unha cousa. Non só o "amplo liderazgo" (os Primeiros Secretários rexionais) senón cando menos unha parte do aparello do Comité Central, non aceitaron as inovacións de Stalin, e non quixeron aprobar, nen sequer de xeito nominal, as eleizóns, un perigo para moitos que, como se deducia das palavras de Stalin que o Pravda subliñou, ameazaba a posición e o poder dos Primeiros Secretários, os Comités Centrais dos partidos comunistas das nacionalidades, e os comités rexionais de cidade e de áreas.” (Inoy, 211)

49. Os Primeiros Secretários mantiñan os cargos, sen poder ser expulsados en nengunha eleizón. O imenso poder do que gozaban procedia do controlo do Partido sobre cada un dos aparellos económicos e estatais: koljoses, fábricas, educación, exército... O novo sistema eleitoral privaria aos Primeiros Secretários da sua condición de delegados nos Soviets, e impediria que pudesen elexer delegados ao seu gosto. Unha derrota deles, ou dos seus "candidatos" (os candidatos do Partido) nas eleizóns aos Soviets seria un toque de atención sobre o seu labor. Un Secretário cuxos candidatos perdesen fronte aos candidatos non pertencentes ao Partido evidenciaria a sua feble ligazón coas masas. Durante as campañas, os candidatos opositores centrarian as suas críticas en temas centrais como a corrupción, o autoritarismo ou a incompeténcia dos candidatos do Partido. Os candidatos derrotados amosarian as suas feblezas como comunistas, o que conduciria probábelmente á sua remozón no posto. .(Zhukov KP Nov. 13 02; Inoy 226; cf. Getty, "Excesses" 122-3)

50. Os líderes vetaranos do Partido acumulaban moitos anos de militáncia, veteranos dos perigosos dias do tzarismo, da Revolución, da Guerra Civil e da colectivización, cando ser comunista conlevaba numerosos perigos e dificuldades. Moitos deles tiñan unha pobre formación académica. A diferenza de Stalin, Kirov ou Beria, a meirande parte deles ou non tiñan ganas ou non podian "refacer-se a si mesmos" através da auto-educación. (Mukhin, Ubiystvo 37; Dimitrov 33-4; Stalin, Zastol'nye 235-6)

51. Todos estes militantes eran desde sempre os defensores das políticas de Stalin. Foran os que levaran adiante a dura colectivización do campesiñado, na que centenares de miles foran deportados. Durante os anos 1932 e 1933 moita xente, quizais tres millóns de persoas, morreron ou de fame, unha fame orixinada por causas naturais e non humanas que fixo ainda máis dura a expropriación e a colectivización do cereal para o campesiñado, ou morreron nos levantamentos armados dos campesiños (que tamén causaron moitas vítimas entre os bolcheviques). Estes líderes do Partido estiveran ao mando da industrialización acelerada, que se deu nunha pobres condicións de vida (poucos alimentos, pésimas vivendas, paupérrimos coidados médicos, salários baixos, etc.).

52. Agora, cunhas eleizóns nas que podian participar aqueles que até ese momento estaban privados do direito ao voto por ter combatido as políticas soviéticas, era probábel que moitos militantes veteranos temeran que estes novos eleitores votasen contra os seus candidatos ou calquer outro candidato bolchevique. A derrota dos seus candidatos puña en perigo o poder e os priviléxios cos que contaban. (Zhukov, KP Nov. 13 02; 1936 Const., Ch. X; cf. Getty, "Excesses" 125, sobre a importáncia do sentimento relixioso no país)

Xuízos, Conspiracións, Represión

53. Os planos para a nova Constitución e as eleizóns foran tratados polo Pleno do Comité Central de xuño de 1936. Os delegados aprobaron por unanimidade o borrador constitucional. Mais ninguén dixo nada a prol do mesmo. Este fracaso en dar cando menos un apoio ritual a unha proposta de Stalin indicaba certamente unha "oposición latente da dirección ampliada", unha "evidente falla de compromiso" (Zhukov, Inoy 232, 236; "Repressii" 10-11)

54. Durante o VIIIº Congreso dos Soviets de toda Rúsia, nos meses de novembro e decembro de 1936, Stalin e Molotov insitiron de novo na importáncia de ampliar o direito ao voto e dunhas eleizóns secretas e abertas. Na liña do espírito da entrevista de Stalin con Howard, Molotov realzou os efectos beneficiosos, para o Partido, de permitir candidatos non comunistas aos Soviets:

"Este sistema... non pode facer outra cousas que golpear a quen se move no burocratismo, facilitando a promoción de novas forzas... ten-se que potenciar para mudar os elementos máis atrasados ou burocratizados. Sob esa nova forma de eleizóns, é posíbel a elizóns de elementos inimigos. Mais incluso este perigo, en última instáncia, ten que axudar-nos, xa que servirá de látego para aquelas organizacións que o precisen, e para os traballadores (do Partido) que ficaron durmidos." (Zhukov, "Repressii" 15)

55. O próprio Stalin foi máis aló:

"Algúns din que isto é perigoso, xa que os elementos hostís ao poder soviético poderian chegar aos níveis máis altos, algúns dos antigos gardas brancos, kulaks, sacerdotes, etc. Mais, que hai que temer? Se tes medo dos lobos, non camiñes no bosque. Por unha banda, non todos os antigos kulaks, gardas brancos e curas son hostís ao poder soviético. Por outra, se o povo se decanta alí ou aquí por forzas hostís, isto significará que o noso traballo de axitación está pobremente organizado, e que merecemos esta desgraza.” (Zhukov, Inoy 293; Stalin, "Draft")

56. Novamente, os Secretários Primérios demostraron unha tácita hostilidade. O Pleno do Comité Central de decembro de 1936, cuxas sesións coincidiron coas do Congreso, reuniu-se o 4 de decembro. Pero non houbo nengunha discusión do primeiro ponto da orde do dia, o borrador da Constitución. O informe de Yezhov, "Sobre as organizacións antisoviéticas de direta e trotkistas" estaba moito máis perto das preocupacións dos membros do Comité Central. ("Fragmenty” 4-5; Zhukov, Inoy 310-11)

57. O 5 de decembro de 1936 o Congreso aprobou o borrador da nova Constitución, ainda que non houbo realmente discusión. Pola contra, os delegados (líderes do Partido) enfatizaron as ameazas dos inimigos exteriores e interiores. Máis que discursos de aprobación da Constitución, (tema principal sobre o que informou Stalin) os delegados Molotov, Zhdanov, Litvinov e Vyshinsky ignoraron virtualmente o tema da Constitución. Nomeou-se unha comisión para o posterior estudo do borrador constitucional, sen decidir nada sobre as eleizóns abertas. (Zhukov, Inoy 294; 298; 309)

58. A situación era efectivamente moi tensa. A vitória dos fascistas na Guerra Civil do Estado español era só cuestión de tempo. A Unión Soviética estaba arrodeada por poténcias hostís. Na segunda metade da década dos anos 30 absolutamente todos eses países eran reximes abertamente autoritários, militaristas, anticomunistas e antisoviéticos. En outubro de 1936, Finlándia disparou contra a fronteira soviética. Ese mesmo mes nace o eixo Berlín-Roma, entre Hitler e Mussolini. Un mes máis tarde, Xapón une as suas forzas á Alemaña nazi e á fascista Itália para formar o Pacto Anti-Komintern. Os esforzos soviéticos para formar alianzas militares contra a Alemaña nazi atopou o rexeitamento das capitais ocidentais. (Zhukov, Inoy 285-309)

59. Na época na que o Congreso trataba a nova Constitución, tiveron lugar os dous principais xuízos de Moscova. Zinoviev e Kamenev foron xulgados xunto a outros en Agosto de 1936. O segundo xuízo, en xaneiro de 1937, afectaba a algúns dos principais seguidores de Trotsky, dirixidos por Yuri Piatakov, que até habia ben pouco fora o Comisário Delegado de Indústria Pesada. (12)

60. O Pleno do Comité Central de fevreiro-marzo de 1937 puxo de manifesto as contradicións dentro da dirección do Partido: a loita contra os inimigos internos, e a necesidade de preparar eleizóns abertas e secretas baixo a nova Constitución para finais de ano. O descobrimento paulatino de máis e máis grupos conspirando para derrocar o governo soviético demandou accións policiais. Pero a preparación de eleizóns auténticamente democráticas, e a mellora na democrácia interior do Partido (tema continuamente apoiado polos máis cercanos a Stalin dentro do Politburó) requeria precisamente o contrário: impulso á crítica e á autocrítica, eleizóns secretas dos líderes do Partido e rematar coa "cooptazón" por parte dos Primeiros Secretários.

61. Este Pleno, o máis longo na história da URSS, prolongou-se duas semanas. Mais nada disto soubemos até 1992, cando a voluminosa transcrición do Pleno comezou a publicar-se no Voprosy Istorri, publicación que se prolongou durante catro anos.

62. O informe de Yezhov para continuar as investigacións sobre as conspiracións no país foi ensombrado por Nikolai Bukharin, quen, através de elocuentes confesións de pasadas deslealdades, tentaba distanciar-se dos seus antigos aliados, asegurando o seu compromiso co governo soviético, mais que só lle valeu para se culpar el mesmo posteriormente. (Thurston, 40-42; Getty e Naumov confirman este ponto.563)

63. Tres dias despois, Zhadanov falou da necesidade dunha maior democrácia tanto no país como no Partido, invocando a loita contra a burocrácia e a necesidade de lazos máis fortes coas masas.

"O novo sistema eleitoral dará un poderoso impulso cara a mellora no traballo dos organismos soviéticos, a liquidación de institucións burocráticas, a eliminación de defectos burocráticos e a deformación no traballo das organizacións soviéticas. Eses defectos, como vosté sabe, son moi importantes. Os organismos do noso Partido deben estar preparados para a loita eleitoral. Nas eleizóns teremos que tratar coa axitación dos inimigos e con candidatos inimigos." (Zhukov, Inoy 343)

64. Non hai dúvida, como voceiro da dirección estalinista, previa contendas eleitorais con candidatos non pertencentes ao Partido e opostos aos procesos que se daban na Unión Soviética. Só este feito xa afunde as versións da Guerra Fria e as explicacións khruchevistas.

65. Zhdanov tamén recalcou durante longo tempo a necesidade de desenvolver normas democráticas dentro do mesmo partido bolchevique.

"Se queremos o respeito dos traballadores soviéticos e do Partido ás nosas leis, das masas á Constitución soviética, temos que garantir a renovación do Partido sobre a base do estabelecimento das bases da democrácia interna, como se reflicte nos regulamentos do noso Partido.

"Enumero a continuación as medidas esenciais, xa contidas no proxecto de resolución do seu informe: a eliminación da cooptazón, a proibición das votacións a man alzada; garantir o direito ilimitado dos membros do Partido a apartar aos candidatos eleitos e o direito ilimitado para criticar a estes candidatos".
(Zhukov, Inoy 345)

66. O informe de Zhdanov afundiou-se, porén, entre as discusións doutros pontos da orde do dia, principalmente discusións sobre os "inimigos". Certo número de Primeiros Secretários respostaron alarmados que algúns dos candidatos que se preparaban ou se supuña que se preparaban para as eleizóns soviéticas eran contrários ao poder soviético: social-revolucionários, sacerdotes e outros "inimigos". (12)

67. Molotov replicou resaltando, máis unha vez, "o desenvolvimento e o reforzamento da autocrítica", opoñendo-se directamente á "busca de inimigos":

"Non ten sentido buscar culpábeis, camaradas. Se queredes, todos somos culpábeis, comezando polos órgaos centrais do Partido e acabando polas organizacións de base". (Zhukov, Inoy 349)

68. Mais as posteriores intervencións ignoraron o seu informe, teimando na procura de "inimigos", na denúncia de "sabotadores", e a loita contra a "sabotaxe". Na seguinte intervención de Molotov, este asombrou-se da nula atención que despertou o fondo da sua intervención, que volveu repetir, após resumir o que se estaba facendo contra dos inimigos internos.

69. O discurso de Stalin do 3 de marzo volvia recalcar a necesidade de mellorar o traballo do Partido, suprimindo aos incapaces, buscando novos camaradas. Como o de Molotov, o discurso de Stalin foi virtualmente ignorado.

Desde o comezo das discusións, os temores de Stalin foron comprensíbeis. Semellaba estar illado por unha parede xorda de incomprensión, de falla de vontade dos membros do Comité Central. que ouviron do informe tan só o que querian ouvir, e discutiron só o que querian discutir. Das 24 persoas que participaron nas discusións, 15 falaron principalmente sobre os "inimigos do povo", é dicer, os trotskistas. Falaron con convicción, con agresividade, como o fixeron tras os informes de Zhdavon e Molotov. Reduciron todos os problemas a un: a necesária busca de "inimigos". E ninguén retomou o principal ponto de Stalin, sobre o mal funcionamento do traballo nas organizacións do Partido e a preparación para as eleizóns do Soviet Supremo. (Zhukov, Inoy, 357)

71. No seu discurso final do 5 de marzo, último dia do Pleno, Stalin minimizou a necesidade de atopar inimigos, incluso trotskistas, moitos dos cais, segundo afirmou, regresaran ao Partido. O seu ponto principal foi a necesidade de impedir aos funcionários do Partido dirixir todos e cada un dos aspectos económicos, combater a burocrácia e elevar o nível político. É dicer, Stalin apostou por elevar o nível de crítica aos Secretários. "Algúns camaradas pensan que sendo eles Comisários Populares, saben todo o que hai que saber. Coidan que o posto, por si mesmo, garante grandes e inacabábeis coñecimentos. Ou ben pensan: "se son un membro do Comité Central, non o son por accidente, xa que logo, significa que o sei todo". Iso non é así.” (Stalin, Zakliuchitel'noe; Zhukov, Inoy 360-1)

72. Algo que soaba ameazante para todos os dirixentes do Partido, incluíndo aos Primeiros Secretários, foi a afirmación de Stalin de que deberian elexer dous cadros para reemprazá-los namentres participaban no curso de educación politica que teria lugar durante seis meses. Esta substitución era perigosa para os Secretários do Partido, que temian que durante ese espazo de tempo fosen destinados a outros lugares, rachando deste xeito a estrutura do seu "clan" (outros dirixentes ao seu servizo), unha das primeiras causas da burocrácia. (Zhukov, Inoy 362)

73. Thurston define o discurso de Stalin como "notábelmente suave", defendendo "a necesidade de aprender das masas, e de emprestar atención ás críticas de abaixo". Incluso a resolución no informe de Stalin tocaba só superficialmente o tema dos "inimigos", trantando principalmente dos erros na organización do Partido e na sua dirección. Segundo Zhukov, que menciona esta resolución non publicada, nen un só dos seus 25 pontos estaba relacionada principalmente cos "inimigos". (Thurston, 48-9; Zhukov, Inoy 362-4)(14)

74. Após o Pleno, os Primeiros Secretários protagonizaron virtualmente unha rebelión. Primeiro Stalin, e despois o Politburó, emitiron mensaxes lembrando a necesidade de efectuar votacións secretas no seo do Partido, opor-se á conduta de cooptazón favorecendo as eleizóns, e a necesidade de xeralizar a democrácia interna no Partido. Os Primeiros Secretários continuaron a facer as cousas como antes, independentemente das resolucións do Pleno.

75. Nos meses posteriores, Stalin e os seus colaboradores máis achegados tentaron que a caza dos "inimigos" non fose a principal preocupación dos membros do Comité Central, insistindo na loita contra a burocrácia no Partido, e en preparar as eleizóns ao Soviet. Mentres "os líderes locais do Partido fixeron todo o que a disciplina do Partido lles permitia, e as veces un chisco máis, para suspender ou retrasar as eleizóns". (Getty, "Excesses" 126; Zhukov, Inoy 367-71)

76. O repentino descobrimento, en abril, maio e primeiros dias de xuño de 1937, do que aparentemente era un amplo compló militar e policial fixo medrar o pánico no governo de Stalin. Genrikh Yagoda, director da seguridade e Ministro de Interior, foi arrestado a finais de marzo de 1937, empezando a confesar en abril. En maio e princípios de 1937, militares de alto rango confesaron a sua conxura co alto mando alemán para derrotar ao Exército Vermello no caso dunha invasión por parte de Alemaña e dos seus aliados. Tamén confesou as suas relacións de natureza conspirativa con políticos, incluídos moitos que ocupaban posicións destacadas. (Getty, "Excesses" 115, 135; Thurston, 70, 90, 101-2; Genrikh IAgoda)(15)

77. Esta situación era moito máis séria que todas as anteriores. Durante os xuízos de Moscova de 1936 e 1937, o governo tomou-se o seu tempo para preparar os procesos e organizar uns xuízos públicos dotados da máxima publicidade. Pero esta conxura militar foi tratada de xeito moi diferente. Pouco máis de tres semanas pasaron desde a data de detención de Mikhail Tukhachevsky, finais de maio, até o xuízo e execución deste e doutros sete militares de alto rango os dias 11 e 12 de xuño. Durante este periodo, centenares de miles de mandos militares foron requeridos en Moscova para escoitar as probas contra os seus colegas -os seus superiores, para a meirande parte deles- e para escoitar as alarmantes análises de Stalin e do mariscal Voroshilov, Comisário do Povo para a Defensa, o militar de maior gradazón no país.

78. Nas datas do Pleno, fevreiro e marzo, nen Yagoda nen Tukhachevsky foran ainda arrestados. Stalin e o Politburó tiñan como obxectivo que a Constitución fose o principal ponto da axenda, colocando-se á defensiva ante o feito de que a maioria dos integrantes do Comité Central, ignorando este ponto, insistiran na batalla contra os "inimigos". O Politburó planexou que as reformas constitucionais forsen tamén o ponto esencial do seguinte pleno a celebrar en xuño de 1937. Pero a situación en xuño era moi diferente. O descobrimento de complós na dirección do NKVD e entre moitos destacados líderes militares para derrubar o governo e matar aos seus dirixentes, mudou totalmente o clima político.

79. Stalin puxo-se á defensiva. No seu discurso do 2 de xuño á sesión ampliada do Soviet do Exército (reunido do 1 ao 4 de xuño), descrebeu as recentemente descobertas conspiracións(16) como "limitadas", e tratadas cun grande éxito. Tamén no Pleno de fevreiro-marzo, el e os seus apoios no Politburó minimizaron as amplificadas preocupacións dos Primeiros Secretários sobre os "inimigos internos".
Mais, como subliña Zhukov, a situación "lenta pero decisivamente ia escapando das suas mans (de Stalin)". (Stalin, "Vystuplenie"; Zhukov, Inoy Ch. 16, passim; 411)

80. O Pleno do Comité Central de xuño de 1937 (17) empezou coas propostas de reprobación, en primeiro lugar, de sete integrantes do Comité Central e candidatos por "falta de confianza política", e despois coas de 19 máis por "traición e actividades contrarrevolucionárias". Estes 19 foron arrestados polo MKVD. Outros dez membros máis do Comité Central foron expulsados por acusacións da mesma natureza.

81. Yakovlev e Molotov criticaron o fracaso dos dirixentes do Partido en organizar eleizóns independentes aos Soviets. Molotov defendou incluso a medida de apartar do camiño a revolucionários distinguidos de non estaren preparados para as tarefas do momento. Insistiu en que os dirixentes dos Soviets non eran "traballadores de segunda fila". Evidentemente, os dirixentes do Partido estaban a tratá-los dese modo.

82. Yakovlev argumentou e criticou o fracaso dos Primeiros Secretários á hora de efectuar eleizóns secretas para os postos do Partido, apoiando-se, polo contra, nos nomeamentos ("cooptazón"). Destacou a necesidade de que os membros do Partido eleitos nos Soviets non estiveran ás ordes de grupos do Partido, fora dos Soviets, que condicionaran as suas posicións. Que o seu voto non fose o sinalado polos seus superiores no Partido, como os Primeiros Secretários. Tiñan que ser independentes. Yakovlev utilizou os termos máis duros para se referir á necesidade de "botar man da moi rica reserva dos novos cadros para subtituir a aqueles corrompidos ou burocratizados". Todas estas afirmacións constituen un ataque explícito aos Primeiros Secretários.(Zhukov, Inoy 424-7; Tayny, 39-40, citando documentos de arquivo)

83. A Constitución foi finalmente completada, fixando-se o 12 de decembro de 1937 como data das primeiras eleizóns. Os dirixentes achegados a Stalin argumentaron, máis unha vez, as avantaxes da loita contra a burocrácia e de criar lazos coas masas. Porén, todo isto foi posterior á expulsión sumária e sen precedentes dos 26 membros do Comité Central da que falamos no ponto 80. (Zhukov, Inoy 430)

84. Quizais o máis revelador sexa a seguinte observación de Stalin, comentada por Zhukov:

"Finalizando as discusións, cando o tema era a busca dun método máis fiábel para o reconto de papeletas, (Stalin) comentou que en Ocidente, grazas a un sistema multipartidista, este problema non existia. Imediatamente despois, murmurou unha frase bastante rara para un encontro dese tipo: "Nós non temos partidos políticos diferentes. Afortunada ou desafortunadamente temos só un partido." (Subliñado por Zhukov) Para pasar a propoñer, anque só provisionalmente, utilizar para o reconto e supervisión a membros de todas as organizacións sociais existentes, menos as do Partido Bolchevique... O desafio á autocrácia do Partido estaba sobre a mesa". ( Zhukov, Inoy 430-1; Tayny 3)

85. O Partido Bolchevique padecia unha grave crise, sendo imposível pensar que as cousas se desenvolverian con suavidade. Era a peor situación posíbel para organizar unhas eleizóns democráticas (secretas, universais, abertas). A idea de Stalin de reformar o governo soviético e o papel do Partio Bolchevique nesa reforma estaba condenado.

86. Finalizando o Pleno, Robert Eikhe, Primeiro Secretário da rexión do Krai, no oeste siberiano, falou en privado con Stalin, como tamén o fixeron outros Primeiros Secretários. Probabelmente, solicitaron os poderes que pouco despois obtiveron: a autorización para formas troikas, grupos de tres dirixentes organizados para combater a posibilidade de conxuras contra o governo soviético nas suas rexións. (Estas troikas receberon o poder de execución sen apelación. Impuxeron-se límites no número de executados e prisioneiros baseando-se no poder destas troikas. Cando estes límites foron esgotados, os Primeiros Secretários solicitaron límites superiores, petición que foi concedida. Zhukov pensa que Eihke podia estar representando a un grupo informal de Primeiros Secretários. (Getty, "Excesses" 129; Zhukov, Inoy 435)

87. Quen foron os obxectivos destes draconianos xuízos por parte destas troikas? Zhokov pensa que foron os lishentsy, aqueles cuxos direitos de cidadania, incluindo o direito a voto, foran recentemente restaurados, e que supuñan potencialmente o maior perigo para a continuidade no poder dos Primeiros Secretários. Zhukov descarta totalmente a existéncia de conspiracións reais. Pero os documentos de arquivo recentemente publicados evidéncian que, como mínimo, a dirección central estaba continuamente recebendo informes de conspiracións, incluindo transcricións de confesións. Stalin e outros, certamente, acreditaron nestas conspiracións. A miña opinión é que cando menos algunhas das conspiracións foron reais, e que os Primeiros Secretários creron nelas.(Zhukov, KP Nov. 13 02; Inoy, Ch. 18; "Repressii" 23; Lubianka B)

88. Outra hipótese é que calquer que estivera relacionado con calquer clase de movimento opositor era clementemente contemplado como "inimigo", e suxeito a detención e interrogatório por parte do NKVD, un de cuxos membros era sempre parte da troika. Outro grupo eran aqueles que expresaron abertamente desconfianza ou ódio cara ao sistema soviético en conxunto. Thurston cita probas de que estes indivíduos eran imediatamente arrestados. Porén, aqueles que manifestaban críticas aos líderes locais do Partido non eran molestados, mentres que os criticados, incluindo membros do Partido, ás veces si que o eran. (Thurston, 94-5)

89. Por tanto, contra aqueles que argumentan que as conxuras foron ilusións na mente paranoica de Stalin ou, ainda peor, mentiras destinadas a reforzar a sua obsesión megalómana co poder, hai probas de abondo que demostran a existéncia de conspiracóns reais. Os relatos dos conspiradores que conseguiron sair máis tarde da URRS confirman isto. A numerosa documentación policial sobre estas conspiracións, moi pouca publicada, é un poderoso argumento contra a teoria de que todo foi unha montaxe. É máis, as anotacións de Stalin nestes documentos reafirman o feito de que pensaba que eran certas. (Getty, "Excesses" 131-4; Lubianka B)

90. Getty resume esta contradición da seguinte maneira:

“Stalin ainda non era partidário de retirar as eleizóns, e o 2 de xullo de 1937 o Pravda desautorizou claramente aos secretário rexionais publicando o primeiro decreto das novas reglas eleitorais, animando e apoiando as eleizóns secretas e universais. Pero Stalin lanzou un compromiso. O mesmo dia que se publicou a lei eleitoral, o Politburó aprobou unha campaña masiva contra, precisamente, os elementos dos que se queixaran os líderes locais, e horas máis tarde, Stalin enviou un telegrama aos líderes provinciais do Partido ordenando a Operación Kulak (contra os lishentsy, G.F.). É difícil evitar a conclusión de que a cámbio de obrigar aos líderes locais do Partido a participar nas eleizóns, Stalin decidiu axudá-los a gañar dando-lles licenza para eliminar ou deportar a centenares de miles de "elementos perigosos". ("Excesses" 126)

91. Independentemente de cal fose a história destas purgas, execución extra-xudiciais e deportacións, parece que Stalin pensaba que se estaban criando as condicións para unhas eleizóns livres e abertas. Porén, estas accións minaron calquer posibilidade dunhas eleizóns de calquer tipo.

92. O Politburó intentou nun primeiro momento limitar a campaña de represión ordenando que rematase en cinco dias. Ainda que non sabemos a razón, se foi por convencimento ou por ver-se obrigados, o certo é que o NKVD tivo permiso para ampliar este periodo a catro meses, de agosto a decembro. Foi polo alto número de detidos? Polo convencimento da existéncia de numerosas conxuras que constituian unha grande ameaza interna? Non coñecemos os detalles desta represión masiva.

93. Iste era precisamente o perido no que ia ter lugar a campaña eleitoral. Pésie a que o Politburo continuou a organizar estas eleizóns, regulamentado o sistema de votación e informando aos funcionários de como tiñan que actuar, os xefes locais controlaban a represión. Así, estes podian determinar que oposición ao Partido (a eles mesmos) se podia considerar "leal" e cal era merecedora de represión. (Getty, "Excesses," passim.; Zhukov, Inoy 435)

94. Existen documentos orixinais que demostran que Stalin e os seus achegados no Politburó estaban convencidos de que os conspiradores antisoviéticos estaban activos, e de que se tiñan que enfrontar a eles. Isto foi o que afirmaron os líderes rexionais do Partido durante o Pleno de fevreiro-marzo. Nestas datas a dirección de Stalin minimizaba o perigo, e mantiña a atención na Constitución, na necesidade de preparar eleizóns e o recámbio do burocratizado e vello liderazgo por outro formado por novos líderes.

95. Para o Pleno de xuño, os secretários rexionais estaban nunha posición desde a que podian dicer: "Estabas avisado. Tíñamos razón, e ainda a temos; hai perigosos conspiradores activos, listos para utilizar a campaña eleitoral co propósito de provocar revoltas contra o governo soviético". Foi así como sucederon as cousas? Semella posíbel, pero non podemos estar seguros.

96. Stalin e a dirección central non coñecian a extensión destas consiparicóns. Non sabian o que podian facer os nazis alemáns e os fascistas xaponeses. O 2 de xuño, no Encontro ampliado do Soviet Militar, Stalin afirmou que o grupo de Tukhachevsky proporcionara ao Alto Mando alemán os planos operativos do Exército Vermello. Isto significaba que os xaponeses, unidos por unha alianza militar (o Eixo) e unha alianza política anticomunista (o Pacto Anti-Komintern; en realidade, un pacto antisoviético) coa Itália fascista e a Alemaña nazi, tamén os terian.

97. Stalin dixo aos líderes militares que os conxurados querian converter á URSS noutro Estado español, é dicer, unha Quinta Coluna coordenada cun exército fascista invasor. Dado este terríbel perigo, a dirección soviética estaba decidida a reaccionar cunha determinación brutal. (Stalin, "Vystuplenie")

98. Ao mesmo tempo, moitas probas apontan a que o mando central (Stalin) queria reducir a represión das troikas impulsada polos Secretários rexionais e continuar integrando as eleizóns na nova Constitución. Do 5 ao 11 de xullo a maioria dos Secretários copiou a iniciativa de Eikhe de comunicar cifras precisas dos represaliados, meiante execución (categoria 1) ou encarceramento (categoria 2). De supeto, o 12 de xuño, o Comisário delegado do NKVD, Frinovskii, enviou un telegrama urxente a todas as oficinas da policia local: "Non inicien operacións de represión contra antigos kulaks, Repito, non as inicien". (Getty, "Excesses" 127)

99. Despois de que os xefes locais do NKVD foron reclamados en Moscova para conferenciar, foi emitida a orde número 447. Esta longa e detallada instrucción ampliaba o campo de represión (basicamente curas opostos con anterioridad ao sistema soviético e criminais), ainda que, polo xeral, "diminuia os límites e as cifras requeridas polos secretários provinciais".(19) Todas estas vacilacións fan pensar en desacordos e loitas entre o "centro" -Stalin e os seus achegados no Politburó- e os Secretários provinciais. Non hai dúvida de que Stalin non tiña o mando. ( Order No. 00447; Getty, "Excesses" 126-9)

100. O Pleno do Comité Central de outubro de 1937 foi o da suspensión definitiva do proxecto para unhas eleizóns abertas. Un modelo de candidaturas, con diversos candidatos, fora xa deseñada. Conservan-se bastantes en diferentes arquivos.(20) Como substitución estabeleceu-se que, para as eleizóns aos Soviets de decembro de 1937, os candidatos do Partido compartirian as listas cunha porcentaxe de candidatos alleos ao Partido de entre o 20 e o 25%. Zhukov localizou nos arquivos o documento orixinal no que Molotov, o 11 de outubro ás seis da tarde, cancelaba as eleizóns abertas. Esto representou unha derrota para Stalin e os seus seguidores no Politburó.(Zhukov, KP 19 Nov. 02; Zhukov, Tayny. 41; Inoy 443)

101. Foi tamén no Pleno do Comité Central cando se pronunciou a primeira protesta contra a represión masiva, por parte do Primeiro Secretário de Kursk, Peskarov:

"Eles (o NKVD?, as troikas? G.F.) condenan á xente por minudéncias... ilegalmente, e cando nós levamos a cuestión ao Comité Central, recebemos o decidido apoio dos camaradas Stalin e Molotov, que envian unha brigada de funcionários da Corte Suprema e da Oficina do Fiscal para revisar estes casos... Co resultado de que, após tres semanas de traballo desta brigada, o 56% destas senténcias en 16 rexións son consideradas ilegais. Ainda máis, no 45% destas senténcias non existiron probas de que se cometera nengún delicto". (Zhukov, Tayny, 43)

102. No Pleno de xaneiro de 1938, Makenkov apresentou unha punxente crítica da gran cantidade de membros do Partido expulsados e de cidadáns xulgados, a miúdo incluso sen proporcionar listas de nomes, senón só indicando o número de expulsados. Postyshev, Primeiro Secretário de Kuybyshev, foi eliminado como candidato ao Politburó por manter que "non habia nengún elemento honrado" entre todos os funcionários do Partido.

103. Semella que o NKVD funcionaba independentemente, cando menos nalgunhas zonas. Sen dúvida, os Primeiros Secretários tamén o facian así. (Zhukov, KP 19 Nov. 02; Tayny, pp. 47-51; Thurston 101-2; 112) Porén, a preocupación dos líderes do Politburó era a existéncia de conspiradores. A magnitude dos abusos do NKVD non foi recoñecida. Como indica Zhukov, o informe de Malenkov (culpando aos arrivistas no interior do Partido das expulsións masivas e detencións) foi continuado por Kaganovich e Zhadanov, quen seguiron insistindo na loita contra os inimigos e emprestaron só unha lixeira atención á "inxenuidade e ignoráncia" no traballo dos "bolcheviques honrados".

104. O Pravda, baixo controlo dos seguidores de Stalin, facia ainda chamamentos para afastar o Partido do manexo directo dos asuntos económicos, e a necesidade de promocionar a xente non militante aos postos de liderazgo.(Zhukov, Tayny 51-2) Mentres Nikita Khrushev, que en 1937 pedira competéncias para poder executar a 20.000 persoas cando era xefe do Partido en Moscova, foi trasladado a Ucránia, onde, no prazo dun mes, reclamou poderes para reprimir a 30.000 persoas. (Zhukov, Tayny 64, ver n. 23)

105. Parece ser que Nicolai Yezhov, substituto de Genrikh Yagoda en 1936 no mando do NKVD, estaba estreitamente relacionado cos Primeiros Secretários.(21) A masiva represión dos anos 1937-1938 estivo tan ligada ao seu nome que ainda se coñece como a "Yezhovshchina". Yezhov deixou o seu posto o 23 de setembro de 1938 (22), sendo substituido en novembro dese ano por Lavrentii Beria.

106. Sob o mando de Béria, moitos dos mandos do NKVD e Primeiros Secretários responsáveis de miles de execucións e deportacións foron xulgados, e moitas veces eles mesmos executados por levar á morte a xente inocente e facer uso da tortura contra os detidos. As transcricións dos xuízos dalgúns dos funcionários policiais que utilizaron a tortura foron publicadas. Numerosos presos e acusados, deportados ou enviados aos campos de traballo foron liberados. O próprio Béria manifestou que a sua misión era "acabar coa Yezhovshchina". Stalin dixo-lle ao enxeñeiro aeronáutico Yakovlev que Yezohv foi executado por asasinar a miles de inocentes. (Lubianka B, Nos. 344; 363; 375; Mukhin, Ubiystvo 637; Yakovlev)

107. Fixo-se un incalculábel dano á sociedade soviética, ao governo soviético e ao Partido Bolchevique. Hai moito tempo que sabemos isto, evidentemente. O que non sabiamos até agora é que a implantación das troikas e as cotas de execucións e deportacións se deben á insisténcia dos Primeiros Secretários, e non a Stalin. Zhukov pensa que a estreita relación entre isto e a ameaza de eleizóns abertas, e o feito de que o Comité Central conseguira forzar á dirección de Stalin e os seus colaboradores a cancelar esas eleizóns, indica que a forma de evitar esa "ameaza eleitoral" fora as detencisón masivas e as execucións da "Yezhovshchina". (23) (Zhukov, KP)

108. Ninguén pode absolver a Stalin e aos que o apoiaron das amplas responsabilidades que tiveron nas execucións, que foron de bastantes centenares de miles.(24) Se as vítimas fosen encarceradas no canto de executadas a maioria teria sobrevivido. Moitos verian revisados os seus casos, e liberados. Para os nosos obxectivos neste traballo, a pergunta chave é:

Por que cedeu Stalin ante as demandas dos Primeiros Secretários, demandas que lles concedian o destino de miles de persoas? Mália que non existen escusas, poden existir razóns.

109. Ningún outro governo está preparado para traicións simultáneas por parte de altos mandos militares, figuras de primeira fila do governo nacional e de governos rexionais, e da dirección da policia secreta e de fronteiras.

110. Un grave conxunto de conspiracións, que incluia tanto líderes do Partido actuais e anteriores, con ligazóns con todo o país, acababa de ser descoberto. O máis ameazante era a participación de destacados militares dos níveis máis altos, coa revelación dos planos secretos militares aos inimigos fascistas. A conspiración militar tiña contactos en toda a URSS, e nela estaban tamén os principais mandos do NKVD, incluindo a Genrikh Yagoda, quen dirixia este organismo entre os anos 1934 e 1936. É dicer, non se podia saber a amplitude da conxura e canta xente estaba implicada. O camiño prudente era pensar o peor.(25)

111. O Politburó e Stalin estaban no cume de duas amplas xerarquias, a do Partido e a governamental. O que sabian sobre o estado das cousas no país era o que os seus subordinados lles dician. No transcurso dos seguintes doce meses reprimiron a moitos dos Primeiros Secretários, indo a parar ao cárcere a metade deles. Na maioria dos casos, os cargos concretos e as transcricións dos seus interrogatórios continuan sen ser desclasificados, incluso na Rúsia pós-soviética e anticomunista. Pero agora contamos con bastantes probas das investigacións que efectuaron Stalin e o Politburó para facer-nos unha idea da alarmante situación á que se enfrontaban. (Lubianka B)

112. O Partido Bolchevique guiaba-se polo centralismo democrático. Mália a sua popularidade en toda a URSS, Stalin (como calquer outro líder do partido) podia ser derrotado por unha maioria do Comité Central. Non estaba en situación de ignorar presións e urxéncias por parte dun amplo número de membros do Comité Central.

113. Como ilustración da incapacidade de Stalin para impedir que os Primeiros Secretários se burlasen dos princípios que inspiraban as eleizóns democráticas, Zhukov menciona un incidente que tivo lugar no Pleno do Comité Central de outubro de 1937. Kravtsov, Primeiro Secretário do Kraikom (Comité Rexional G.F.) de Krasnodar foi o único en recoñecer o que os seus colegas fixeran secretamente as semanas anteriores. Fixo un perfil da selección de aqueles candidatos a deputados do Soviet Supremo que se axustaban aos intereses do "liderazgo amplo".

"Apresentamos os nosos candidatos ao Soviet Supremo", manifestou con sinceridade Kravtsov.
"Quen son estes camaradas? Oito son membros do Partido, dous non son membros nen do Partido nen do Komsomol. Así cumprimos coa porcentaxe de candidatos non membros do Partido que aprobou o Comité Central. Pola sua ocupación, estes camaradas clasifican-se en: catro empregados do Partido, dous empregados no Soviet, un secretário de Kolkhoz, un conductor, un tractorista, un traballador do sector do combustíbel...

Stalin: Quen son?

Kravtsov: Entre os dez está Yakovlev, Primeiro Secretário do Kraikom e secretário do Comité Executivo do Krai.

Stalin: Quen te aconsellou iso?

Kravtsov: Teño que dicer, camarada Stalin, que fun aconsellado aquí, no Comité Central.

Stalin: Quen?

Kravtsov: Aquí, no Comité Central, designamos o noso secretário do Comité Executivo do Krai, o camarada Simochkin, e contou coa aprobación do Comité Central.

Stalin: De quen?

Kravtsov: Non o sei, non podo dicer quen.

Stalin: É unha mágoa que non podas dice quen, porque te informaron moi mal." (Zhukov, Inoy 486-7)

114. Evidentemente, todos os Primeiros Secretários estaban facendo o que só Kravtsov afirmou, ignorar o princípio de eleizóns secretas ao Soviet, princípio que eles votaran nun anterior Pleno, pero que nunca aceitaron na prática. Isto sinala a derrota definitiva de Stalin neste tema, as reformas constitucionais e eleitorias que el e outros líderes centrais encabezaran durante dous anos.

115. A reforma democrática foi derrotada, e o antigo sistema político mantivo o seu sítio. O plano de Stalin para eleizóns abertas desapareceu para sempre: "Deste xeito, a tentativa de Stalin e do seu grupo de reformar o sistema político da Unión Soviética rematou nun rotundo fracaso". (Zhukov, Inoy 491)

116. Zhukov pensa que de rexeitar Stalin as esixéncias de poderes extraordinários por parte dos Primeiros Secretários, seria probábel que este fose destituido, detido por contrarrevolucionário e executado"... Hoxe Stalin estaria entre as vítimas da represión de 1937, e o "Memorial" e a comisión de A. N. Yakovlev estaria desde hai moito tempo reclamando a sua reabilitación". (Zhukov, KP 16 Nov. 02)

117. En Novembro de 1938, Lavrentii Beria colleu o posto de Yezhov como xefe do NKVD. As "troikas" foron abolidas. As execucións extraxudiciais acabaron e os responsábeis dos terríbeis excesos foron xulgados e executados ou encarcerados.(26) Mais a guerra estaba perto. O governo francés negou-se a continuar coa xa moi feble alianza franco-soviética (A URSS desexaba unha moito máis forte). Os aliados cederon Checoslováquia a Hitler e aos fascistas polacos, sen nengún tipo de loita. A Alemaña nazi acordou unha alianza co governo fascista de Polónia, coa idea de invadir a URSS. No Estado español, o bando republicano, a quen os Soviets tanto axudaran, estaba a piques de perder a guerra. Itália invadia Etiopia, sen que a Liga de Nacións fixera nada. Franza e Inglaterra, co apoio da maioria da Europa ocidental, animaba descaradamente a Hitler para que invadira a URSS. (Lubianka B, No. 365; Leibowitz)

118. Xapón, Itália e Alemaña tiñan un tratado de mútua defensa, e un pacto "Anti-Komintern", ambos os dous expresamente dirixidos contra a Unión Soviética. Todos os países europeus fronteirizos (Polónia, Rumania, Bulgária, Hungria, Finlándia, Estónia, Letónia e Lituánia) eran ditaduras militares de corte fascista. En 1938, un ataque xaponés en Khasan causou uns 1.000 mortos no Exército Vermello. Un anos despois, outro ataque xaponés, está vez en Khalkin-Gol, foi rexeitado polo Exército Vermello. As baixas soviéticas ascenderon a 17.000, incluindo case 5.000 mortos; mália as baixas, o triunfo soviético foi decisivo xa que Xapón non volveu atacar á URSS. Porén, nesas datas, o governo sovietico non podia saber isto. (Rossiia I SSSR v Voynakh)

119. Após 1938, o governo de Stalin non volveu tentar pór en prática o sistema democrático eleitoral reflectido na Constitución de 1936. Amosaba isto o ponto morto ao que se chegara entre Stalin e os Primeiros Secretários no Comité Central? Ou, pola contra, dominaba a idea que, cunha guerra ás portas, os esforzos democratizadores tiñan que agardar tempos máis pacíficos? As probas coas que contamos non permiten unha conclusión firme.

120. Porén, coa substitución de Yezhov por Beria (formalmente en decembro de 1938, na prática unhas semanas antes) tivo lugar un contínuo proceso de reabilitacións. Beria liberou a uns 100.000 prisioneiros de campos e cárceres. Isto foi seguido polos xuízos contra os dirixentes do NKVD acusados de torturas e execucións extraxudiciais. (Thurston 128-9)

[Fonte: Estoutras]