LAB ocupa a sé patronal pola blindaxe dos convenios.


36 militantes de LAB ocuparon, o pasado 8 de maio, a sé da Confederación de Empresarios de Navarra para esixir a blindaxe dos convenios provinciais que están en risco pola reforma laboral de PP-UPN e a actuación da Patronal navarra. No exterior, un centenar de persoas apoiaron a acción e, tras a chegada da Policía e o desaloxo, recibiron entre aplausos aos activistas. Igor Arroio recordou que "o 29 de marzo do 2012 Navarra parou nunha xornada histórica de Folga contra a reforma laboral do PP; a Patronal navarra, co apoio de UPN, segue empeñada en impoñer esa reforma e por iso a clase traballadora debe saír novamente á Folga". Neste sentido, remarcou que a Folga Xeral do 30 de maio debe ser un punto de inflexión na defensa dos convenios provinciais e a reivindicación dun marco propio de relacións laborais.


En concreto, en Navarra hai 17 convenios que decaerían o 7 de xullo se non se renovan antes: comercio mixto de produtos químicos (500 traballadores); o do comercio do metal (2.500); comercio vario (500); comercio da pel (225); transporte de mercancías por estrada (975); derivados do cemento (400); industria da madeira (2.500); industria textil (1.000); oficinas e despachos (3.000); almacenistas de froitas (1.100); comercio de gandería (680); comercio de ópticas (300); servizos auxiliares (300); comercio da madeira e o corcho (1.200); transporte de viaxeiros por estrada (975); talleres de reparación de vehículos (4.500), empresas instaladoras de fontanería e calefacción (1.800) e panaderías. A estes convenios habería que sumar os de Metal e Limpezas, posto que malia existir un preacordo á baixa asinado por Patronal, UGT e CCOO, a día de hoxe tampouco se renovou formalmente o convenio.

LAB defende a necesidade de facer fronte a esta situación de urxencia de xeito unitaria e integral: primeiro, loitando pola blindaxe dos convenios provinciais; segundo, loitando para que no marco de empresa non se negocie por baixo do provincial e non se apliquen os aspectos máis lesivos da reforma laboral; e terceiro, traballando desde o ámbito sindical e o político polo dereito a dispoñer dun marco propio de relacións laborais.

[Fonte: LAB]