O 30 de Maio Folga Xeral en Euskal Herria: Unidade, Organización e Loita por PCPE-EK

Por Gorka S.
O dia 30 de Maio, os traballadores e as traballadoras de Hego Euskal Herria estamos convocados a unha nova Folga Xeral. As cúpulas sindicais elixiron esta data, baixo o lema Euskal Herriak eredu propioa. Eskubide sozial eta laboral duinak (Por un modelo propio para Euskal Herria. Dereitos sociais e laborais dignos), profundando deste xeito nun modelo de Folga dabondo coñecido. Desde unha óptica nacionalista de esquerdas, obvian o papel do estado nunha sociedade dividida en clases e suscitan a independencia sen ter en conta o lugar que ocupa a clase obreira na sociedade capitalista. Descoñecen a esencia das crises de superproducción baixo o capitalismo e pensan que un estado propio no que os pérfidos españois non nos dominen será garantía de xustiza social.
Din que chegou o momento de esixir un modelo social propio, pero esquéceselles dicir que as burguesías sen estado nestes momentos libran unha loita por manter o seu estatus dentro do estado español, e que para reforzar a súa situación deben garantir a neutralidade da clase obreira. En Euskal Herria as cúpulas dos sindicatos convocantes desta Folga Xeral estanse botando aos brazos da burguesía nacional á que lle propoñen un pacto social que consiste en ser unha clase obreira con privilexios e domesticada a cambio da ausencia de loita.
Este é o motivo de que todas estas convocatorias partan desde o desánimo. Elixir a data en función a intereses sindicais e non ao calor de loitas obreiras que ao unificarse e xeneralizarse son enfocadas cara unha Folga Xeral, sen un labor previo que conclúa no día convocado cun espírito de loita some ás masas na desorientación primeiro, e na impotencia despois.
A propia convocatoria está concibida dun xeito na que a clase obreira desempeña unha función secundaria. Lóitase por paralizar os centros de distribución e venda, esquecendo os centros de produción. Nin sequera se loita por paralizar os portos e aeroportos, que como centros de distribución si supoñen unha repercusión importante. Con todo, lóitase por pechar a pequena burguesía, clase que deberiamos manter neutral nestes momentos. Se non se é capaz de pechar todos os sectores pero se mantén a presión sobre esta clase social, abonamos o camiño a que esta clase vacilante acabe apoiando incondicionalmente a burguesía nacional.
Este é un modelo de folga que se repite, convocatoria tras convocatoria, independentemente de quen convoque e das honrosas excepcións de sectores da clase obreira e das bases dos propios sindicatos que de xeito desorganizada intentan avanzar cara a posturas de loita.
Os comunistas aprendemos a dolorosa lección de que esta ruptura sistemática da unidade sindical por parte das cúpulas de todas as centrais imposibilita unha convocatoria con posibilidades reais de éxito. Uns, porque defenden o pacto social, e outros, porque priman a cuestión nacional sobre a cuestión de clase, todos desde o reformismo dividen á clase obreira.
Os comunistas tamén aprendemos a lección de que, malia esta realidade, non podemos opoñernos a estas convocatorias, porque o único que conseguiriamos sería romper aínda máis a xa de por si maltreita loita da clase obreira e caer nun esquerdismo estéril que nos illaría das masas. Habemos de estar alí. Só así seremos capaces de desenvolver a única ferramenta eficaz para superar ás cúpulas sindicais: a organización de novas estruturas para a loita desde a unidade da clase obreira. O noso labor é acudir xunto con eses sectores da clase obreira que estean pola loita e a unidade para ser capaces de organizalos, sendo exemplo para eles. Elevar a conciencia da clase obreira significa ir un paso por diante dela sen perder xamais o norte revolucionario e nestes momentos iso necesariamente pasa por facer un chamamento á clase obreira a integrarse nos Comites para a Unidade Obreira (CUO).
Aqueles que tratan de facernos crer que é posíbel un estado dividido en clases sen explotación, que é posíbel o retorno a un capitalismo social ou crear un estado capitalista novo con rostro amábel están vendendo ás masas cantos de sereas. Agora o realmente necesario é dar unidade a esas loitas que están xurdindo por todas as partes, dotándoas de maior entidade, colaborando cos obreiros que participen nelas, e esixindo ás cúpulas sindicais que non fraccionen a unidade da clase obreira. Hai que pedir unha Folga Xeral unitaria e afastarse de actos aventureiros de boikot á Folga que desorientan aínda máis ás indefensas masas e xeran división.
Fronte ao reformismo sindical do pacto social, hai que reivindicar a unidade para a loita. Fronte ao reformismo sindical do nacionalismo de esquerdas, hai que reivindicar a unidade da clase obreira de todo o estado para a loita.
Esa é a nosa loita inmediata, por iso o 30 de maio, os comunistas de Euskal Herria estaremos na Folga Xeral, intentando acumular forzas e loitando pola unidade de clase obreira, porque se algo temos claro en Euskal Komunistak-PCPE é que a vangarda ha de estar alí onde están as masas, para organizalas e elevar a súa conciencia.
[Fonte: GKK/CJC]