Os CUO-Galiza no 1º de Maio.

Baixo o lema “É hora de arrancar! A por unha FOLGA XERAL de 48 horas!”, os CUO-Galiza desenvolveron o traballo axitativo previo ao Día do Internacionalismo Proletario, e participaron nas manifestacións convocadas polas distintas organizacións sindicais, na mañá do 1º de Maio, en distintas comarcas galegas.







 


Foi en Ferrol, cidade de gran tradición obreira, onde os Comités para a Unidade Obreira tiñan convocada unha concentración, xunto cos compañeiros e compañeiras de CNT.


Complicacións anecdóticas, como foi a circunstancia da denegación de última hora do permiso para o “punto de luz” para a megafonía, solicitado ao Concello en tempo e forma estipulados, non fixeron que a concentración convocada para as 18:00 horas, baixo o lema “Contra o capital: Folga Xeral de 48 horas”, transcorrera con total normalidade e cunha asistencia próxima ao centenar de persoas, que berraron consignas contra o pacto social, a crise capitalista… e a favor da clase obreira, a loita revolucionaria e pola Folga Xeral.



A través dunha brillante intervención, un compañeiro de CNT sinalou, entre outras cousas, os efectos da profunda crise estrutural e sistémica do capitalismo que leva ás clases traballadoras ás condición de vida do século XIX, e fixo especial fincapé na necesidade da unidade de clase para afrontar a loita consciente e decidida contra os explotadores, o reformismo, a monarquía…, e pular por un futuro digno.

Após esta intervención, tomou a palabra un compañeiro dos CUO, que pode escoitarse no vídeo que compartimos a continuación, pese á mala calidade da gravación e do audio:



O acto finalizou cos himnos da “Internacional” e “A las barricadas”.


Cómpre seguir a pular pola unidade clasista desde as fábricas e os centros de traballo, desde todos e cada un dos barrios obreiros e populares, para fortalecer unha contundente resposta contra os intereses dos monopolios e o sistema capitalista  que está na súa fase terminal e nada ten que ofrecer ás clases taballadoras máis que paro, miseria e sobreexplotación.