En perigo o dereito de folga.

Transcorridos máis de seis anos desde o estoupido da crise capitalista, e da guerra desatada polo bloque oligárquico–burgués contra a clase obreira e o pobo, o Estado capitalista fixou un novo obxectivo: destruír o dereito de folga dos traballadores e traballadoras.

Un dereito conquistado pola loita obreira.
Os dereitos nunca caeron do ceo, nin foron outorgados graciosamente polas clases dominantes. Foron conquistados historicamente en constante e dura loita por quen non tiña nas súas mans o poder, a forza organizada do Estado. Iso sucedeu co dereito de folga. Foi a dura loita proletaria librada contra o fascismo a que obrigou a recoñecer o dereito de folga recoñecido polo Real Decreto–Lei 17/1977, de 4 de marzo, de Relacións de Traballo, posteriormente regulamentado no artigo 28.2 da Constitución de 1978 e interpretado pola Sentenza do Tribunal Constitucional de 8 de abril de 1981, que mantivo a vixencia do Real Decreto de 1977 aínda que anulando algúns preceptos inconstitucionais.
A concepción empresarial do dereito de folga.
Para a clase obreira o dereito de folga sempre foi o dereito obreiro a parar a produción, a atacar o beneficio capitalista extraído da explotación da forza de traballo. Con todo, no marco da democracia burguesa, o dereito de folga convértese nun dereito formal: vostede ten dereito de folga sempre que non pare a produción, isto é sempre que o exercicio do seu dereito non afecte aos beneficios empresariais. E neste marco debe analizarse o debate sobre os servizos mínimos e sobre a actuación dos piquetes.
Ata a data era habitual que a patronal e o Estado impuxesen uns servizos mínimos claramente abusivos. O obxectivo? Baleirar de contido o dereito a folga, converténdoo nun dereito formal e, con iso, protexendo os beneficios capitalistas. Eses servizos mínimos, polo xeral, eran impugnados xudicialmente polos sindicatos, obtendo na maior parte dos casos sentenzas favorábeis que declaraban abusivos os servizos mínimos meses logo de finalizar a folga, polo que o único que se obtiña era unha indemnización por terse vulnerado un dereito fundamental. Na práctica, os servizos mínimos abusivos eran combatidos pola acción dos piquetes, instrumentos defensivos da clase obreira ante os abusos patronais que trataban de impedir que os obreiros e obreiras parasen a produción a través da folga.
Todo depende da correlación de forzas.
E é que cando falamos de dereitos falamos fundamentalmente de correlación de forzas. A hexemonía da socialdemocracia e do oportunismo no seo das organizacións sindicais, reducindo as reivindicacións ao económico, ao inmediato, sen vinculación algunha cun proxecto emancipador vinculado á loita polo poder, desarmou terribelmente á clase obreira. Impúxose un sindicalismo burgués que terminou atrapado nas redes estatais tecidas para desmobilizar e corromper ás organizacións de clase. A dinámica mobilización–negociación, propia do pacto social, alterouse co estoupido da crise.
A patronal xa non está en condicións nin disposta a ceder, tal e como vimos tralas tres últimas folgas xerais. Ademais, os capitalistas son conscientes da extrema debilidade das organizacións sindicais, enredadas en casos de corrupción que son oportunamente lembrados pola campaña antisindical posta en marcha polos monopolios da comunicación, e sen máis proxecto que ofrecer que a vella monserga dun capitalismo con rostro humano que se torna imposíbel ante os ollos dunha clase obreira esnaquizada, que sofre a diario, que ve empeorar exponencialmente as súas condicións de vida e traballo e comproba nas súas carnes a esencia da ditadura capitalista. Non hai límites infranqueábeis na guerra actual á que se somete á clase obreira: convenios colectivos, dereitos de reunión e manifestación, dereitos de folga… Arrasarán con todo se non o impedimos.
Nós producimos, nós decidimos.
Non hai saída para a clase obreira no capitalismo. A única alternativa é organizar as forzas obreiras e populares para preparar un cambio no poder, para derrocar o capitalismo e levantar un modelo de sociedade protagonizado polas forzas do traballo: o socialismo–comunismo. É un camiño difícil e cheo de perigos, pero é o único camiño se non queremos seguir sendo os escravos do século XXI. E será aínda máis complicado se os monopolios e o seu Estado eliminan o dereito de folga. A única resposta posíbel é deixar claro ao inimigo de clase que só recoñeceremos como lei os intereses da clase obreira e dos sectores populares. Non nos someteremos, seguiremos loitando, seguiremos defendendo a vida fronte á condena a matar que significa a escravitude capitalista.
Non hai vías intermedias, cada día está máis claro nesta guerra de clases: ou eles ou nós.
RMT.
[Fonte: UyL]