Euro: doce anos ao servizo do capital monopolista.

Como cada un de xaneiro a “nosa” moeda única está de aniversario. Nesta ocasión a oligarquía imperialista europea ten que celebrar que leva doce anos ao seu servizo.
Partindo da premisa do carácter imperialista da UE, quedará rapidamente claro o carácter clasista da súa moeda única. O desenvolvemento da UE e as súas institucións non responde máis que á necesidade do capital de defender os seus intereses, os monopolios europeos que primeiro concibiron a UE como organismo de perpetuación do seu sistema de dominación capitalista perfeccionaron as ferramentas ao seu alcance. Así a burguesía conseguiu desenvolver o euro como unha ferramenta adicional para o espolio á clase obreira e para incrementar o seu nivel de explotación. A lóxica de acumulación e centralización do capital require do desenvolvemento desta ferramenta nun contexto de competencia entre bloques imperialistas.
Se no desenvolvemento lóxico do imperialismo a moeda única é un elemento de subxugación da clase obreira, en plena crise estrutural o seu papel vólvese aínda máis relevante. E hoxe, doce anos despois do seu nacemento a oligarquía monopolista avalía a súa utilidade e asistimos ao debate desde todas as posicións sobre o seu futuro: volta ás antigas moedas nacionais? mantemento da moeda única con restrición de países? etc. Neste sentido, as distintas forzas políticas tratan de ocultar o carácter de servizo ao imperialismo da moeda común, a súa trasfondo clasista e, xa que logo, tratan de colocar á clase obreira nunha batalla en pabellón alleo polo mantemento ou en contra do euro.
A este respecto os comunistas non analizamos, nin apostamos pola saída do euro querendo chamar a enganos á clase obreira: non se trata de saír do euro en beneficio dunha suposta soberanía, non se trata de volver á peseta como solución. Non queremos colocar o debate ou o dilema da clase obreira na elección entre o euro e a peseta. Non se trata de medir a nosa miseria, as nosas perdas de dereitos, nunha ou outra moeda.
A realidade da loita de clases e a crise estrutural do imperialismo confirman que o capitalismo é un sistema senil, que non ten solución algunha para a clase traballadora no seu seo e que nos conduce unicamente á barbarie. E este é o noso dilema.
A mocidade de extracción obreira e popular vivimos xa esta barbarie non como futuro que está por chegar, se non como realidade que condena a 942.800 mocidade ao desemprego, que nos expulsa por centos de miles da educación superior, que nos rouba todos os dereitos conquistados pola loita dos nosos pais... Esta é a realidade que o imperialismo nos ofrece: a da lóxica perversa de utilizarnos para incrementar o grao de explotación do conxunto da clase, e na que debemos de ter moi claro que viviremos a non ser que alcancemos a conquista do noso futuro coa construción do socialismo.
Porque se hai algo que a oligarquía incorporou é o anticomunismo, é vendernos que o capitalismo é o sistema definitivo e que non hai vida máis aló. É importante ante isto que tomemos un pouco de perspectiva, e que pensemos nas condicións desa mocidade que viviu e que vive no socialismo. Unha mocidade con acceso a unha educación gratuíta a todos os niveis; unha educación que non se coloca (ou se colocaba) ao servizo dos monopolios, se non ao servizo do pobo e a clase obreira e cuxo resultado é, por exemplo, que Cuba Socialista estea á vangarda dos tratamentos contra o cancro. Unha mocidade que vivía na única sociedade que garantiu o pleno emprego. A construción dunha sociedade socialista implica o desenvolvemento integral das persoas, cun acceso universal á cultura, ao deporte, ao lecer, a unha vivenda digna; cunha garantía dun sistema sanitario desenvolvido, etc. Cabe lembrar tamén, especialmente estes días, a garantía de diversos dereitos sociais conquistados co poder obreiro, como o aborto, sendo a URSS o primeiro país en legalizalo e en avanzar decididamente na loita contra o patriarcado; á vez que se garantía tamén o coidado dos nenos, a socialización das tarefas domésticas...
A contraposición de ambos sistemas faise evidente en todos os aspectos, e o feito de que o capitalismo sexa un sistema senil e agonizante non significa que vaia morrer e desaparecer por si só. Non nos espertaremos un día coa noticia de que o capitalismo morreu e que a partir de entón viviremos no socialismo, se non que o imperialismo debe ser derrotado. A forza da experiencia das construcións socialistas, a xusteza e a vixencia da análise marxista-leninista e a organización da clase obreira co fin de construír o socialismo-comunismo son as nosas armas.
Fronte a elas os monopolios utilizan todas as ferramentas que lles permiten manter a súa dominación como clase: estruturas como a UE imperialista, coa súa BCE, o seu €, o seu Consello de Europa... Institucións que non son alleas á realidade: ningún discurso pola "unidade da esquerda", pola conquista de maior soberanía, por unha Europa "social" ou dos "cidadáns" fai tremer os seus cimentos. A organización da clase obreira, o obxectivo do socialismo, do poder organizado dos traballadores, a fin da explotación do home polo home, e a democracia obreira (a ditadura do proletariado) son os únicos elementos que cuestionan a súa dominación; o ADN anticomunista destas institucións imperialistas é innegábel.
Agora ben, comezabamos cos doce anos do euro, e este 2014 as institucións europeas afrontan varios retos máis, o fundamental as próximas eleccións ao Parlamento europeo. Será un ano, xa que logo, en que o anticomunismo terá un punto álxido en todos os aspectos, en que oiremos con máis altofalantes que de costume os cantos de serea do oportunismo, en que os intentos por distraer á clase obreira da súa capacidade revolucionaria adoptarán as máis diversas formas. Fronte a isto os comunistas non queremos falar de medir a miseria da clase obreira e o pobo de novo en pesetas, de fortalecer as institucións do imperialismo... O único que lle prometemos á clase obreira é un posto de combate nunha trincheira que é a súa, e que só hai futuro para os seus intereses na ruptura coa UE e coa súa moeda, e no avance na construción dun modelo orientado ás necesidades dos traballadores e traballadoras e non dos monopolios.
Vanessa Rodríguez é membro do Secretariado do Comité Central dos
Colectivos da Mocidade Comunista.