DIANTE DA VAGA DE LUME NA NOSA TERRA.

Diante da sinistra vaga de lume que durante este verán acadou proporcións de inferno dantesco lembrando o 2006, desde Comunistas da Galiza-PCPE denunciamos:

Os lumes que arrasaron milleiros de hectáreas dos nosos montes cercando as nosas vilas e cidades, afogando e desaloxando ás familias traballadoras das súas casas, non foron unha catástrofe natural.


A culpa non foi do vento do nordés nin de catro "pirómanos".

Os executores directos dos lumes son unha arma na man dos grandes beneficiarios e culpábeis deste inferno.

Isto é posíbel "grazas" á:

  • Eucaliptización salvaxe que, á par que favorece a propagación do lume, expulsa á flora autóctona e devasta os recursos naturais empobrecendo a terra, mentres impide o desenvolvemento doutras actividades económicas máis rendíbeis, que deterían o despoboamento do rural galego e daríanlle un futuro real.
  • O abandono absoluto, a falta de planificación e perspectiva do agro galego no seu conxunto. A salvaxe forestalización do agro galego que comezou xa na ditadura e que se agudizou coa entrada de Galiza na UE, a falta de aproveitamento do monte e a ausencia dunha planificación económica do agro galego. Aquí só priman os intereses dos monopolios e a reserva de Galiza como produtora de pasta de papel da que a UE é deficitaria.
  • A aprobación da Lei de Montes para a recalificación de terreos incendiados.
  • A precarización e privatización dos servizos de extinción de incendios (BRIF e Bombeiros).
  • As Comisións de servizo e manobras militares en tarefas de mera vixilancia sen efectuar labores reais de extinción de lumes nin moito menos de prevención dos mesmos.
  • A anulación das competencias dos Axentes medioambientais e forestais en prol do SEPRONA da Garda Civil.

A desfeita á que asistimos é un CRIME DE CLASE que favorece os intereses económicos especulativos das grandes empresas capitalistas.

A solución pasa pola defensa do carácter público dos servizos de prevención e extinción de incendios, a defensa decidida das condicións de traballo e dereitos laborais dos traballadores da extinción de incendios, a nacionalización e control obreiro sobre os medios de produción, a terra e os montes e a xestión colectiva dos nosos recursos e forzas produtivas.

NO CAPITALISMO NON HAI FUTURO PARA A NOSA TERRA
NIN PARA A NOSA XENTE

OU EL€S OU NÓS!

#TomaPartido