En apoio á Folga en Telemarketing.

Hai anos que traballadores e traballadoras de Telemarketing, modernamente denominados call centers, teñen conxelados uns soldos por baixo do IPC. Pero as diferentes multinacionais que forman esta patronal, non teñen suficiente, presionan e chantaxean para rebaixar o convenio existente e precarizar aínda máis as condicións laborais.

Esa é a tendencia en todos os sectores, o capitalismo en crise xeral imponnos a sobreexplotación e volatiliza dereitos no seu intento de evitar a caída tendencial na súa taxa de ganancia. Traballar por salarios de fame mentres as empresas que cotizan no IBEX-35 anuncian, sen ruborizarse, millonarios beneficios. A súa recuperación a costa das condicións de vida e laborais do pobo traballador.

Hai tempo que no Telemarketing instaláronse os mini jobs, os abusos de medias xornadas, horario flexíbel, xornadas parciais, contratos por obra e servizo, subcontratacións, remuneración por incentivos inalcanzábeis, salarios de miseria, falta de descansos durante a xornada laboral, produtividade, sancións e despedimentos por non vender o produto... Hoxe as preto de 100.000 persoas que traballan no sector uníronse e dixeron basta. Unidade sindical para iniciar a loita por un convenio digno, asembleas de traballadores e traballadoras para ir decidindo a negociación e as mobilizacións. É un primeiro paso para iniciar un camiño que enfronte o retroceso que a clase obreira vén sufrindo, como mínimo, desde o ano 2007. A loita é o camiño, pero hai que ir colocando obxectivos de avance, non só no convenio, senón máis aló, pois estas multinacionais oligárquicas non cesarán no intento de, ademais de estafar á clientela, levar aos seus traballadores e traballadoras a niveis de máxima explotación, ás cadeas se é necesario e lles deixamos. Calquera vitoria que a clase obreira consiga, o capitalismo oligárquico estará presto a arrebatárnola se non loitamos, iso xa o aprendemos tras todos estes anos de retrocesos, pois son eles -a clase parasitaria- ou nós -que todo o producimos-. Unidade obreira para enfrontar a unhas mega empresas agochadas nunha rede de subcontratas, que traspasan fronteiras, e solidariedade internacionalista que evite distinguir segundo o país de orixe. A unidade de clase na loita, a solidariedade tanto no sector como doutros, vencer o individualismo e o medo son pezas fundamentais para reverter a tendencia dun sistema que nos necesita pobres, traballando moitas horas, cobrando moitas menos e pouco e caladiños...

O caso último máis grave é o da empresa EXTEL- ADECCO Movistar que en plena negociación do convenio presenta un ERE aos 6000 traballadores e traballadoras que ten en todos os centros da península, motivos de organización cando Telefónica acaba de conseguir 1500 millóns de Euros cunha das súas filiais. Débese, e  pódese, loitar contra os ERE´s.

O capitalismo actual, o único posíbel, non ten solución positiva para a clase obreira e sectores populares, a súa única alternativa para a maioría social é maior precarización, peores condicións de vida e eliminar todos os dereitos que a clase obreira foi conquistando ao longo do tempo con duras loitas. Se todo o conquistamos loitando -pois o patrón nunca regalou nada-, o futuro de traballadores e traballadoras só poderá vir dunha loita continuada e acumulación de forzas que nos leve a darlle a volta á tortilla, ata conseguir o poder obreiro e o socialismo.

Desde o Partido Comunista e os Colectivos da Mocidade Comunista, chamamos ao conxunto do pobo traballador a apoiar os paros do sector os días 22 e 29 de setembro e a folga estatal do 6 de Outubro, así como a secundar as mobilizacións que o sector en loita suscite.

SOBRAN EXPLOTADORES, NON TRABALLADORES E TRABALLADORAS

SOLIDARIEDADE COA FOLGA ESTATAL DE TELEMARKETING

TODO PARA A CLASE OBREIRA!