Nós producimos, nós decidimos: Aborto libre, seguro e na sanidade.

O aborto non é un dereito nas sociedades capitalistas. É un negocio. A maioría de interrupcións de embarazos (IVE) fanse en centros privados no noso país, noutros, mesmo aínda que o aborto sexa ilegal, as mulleres de alto nivel socio económico teñen ao seu alcance, sempre tiveron, o diñeiro e os médicos privados para facerse abortos; mentres as mulleres das capas populares deben enfrontar a decisión de levar a termo un embarazo non desexado ou arriscar as súas vidas nun aborto inseguro e ilegal. Segundo datos da Organización Mundial da Saúde (OMS) as complicacións dun aborto mal practicado constitúen unha das principais causas de morte materna, ao redor de 70.000 mulleres ao ano.

O aborto segue sendo ilegal en moitos países, tamén no noso, aínda que contemos cunha lei de prazos xa que se mantén no código penal, o que constitúe unha agresión aos dereitos humanos das mulleres, ao seu dereito a decidir sobre o máis básico, o seu corpo, e sobre o máis xeral, a súa vida. No caso das máis novas, desde o ano 2015 deben contar co consentimento dos proxenitores.

A saúde sexual e reprodutiva constitúe un capítulo minusvalorado na sanidade pública, que dedica escasísimos recursos á atención desta faceta da vida das persoas. Así, o prezo dos anticonceptivos afástase bastante de estar ao alcance das traballadoras e das súas fillas, a atención xinecolóxica foi desaparecendo das prestacións do sistema público, ou prestándose moi deficientemente e os dereitos reprodutivos están concibidos como un negocio nas sociedades capitalistas. O lugar central entre eses dereitos está ocupado polo aborto, decisión delicada e extrema que as mulleres non toman con frivolidade nin lixeireza e que contén enorme carga emocional e presión social.

Exemplifícanse na regulación do aborto as políticas represivas de xestión da crise. O capitalismo, este moribundo que aínda non logramos enterrar, “necesita” man de obra barata e corpos nos que probar os seus novos armamentos e medicamentos. Por iso “debemos” as mulleres parir. Igual que se “deben” pagar os impostos, ser dócil ou vivir e morrer sen loitar. Exponse un maior control ideolóxico patriarcal, onde a apropiación do corpo das mulleres é un modo de garantir a acumulación e o espolio á clase obreira. O control sobre o corpo das mulleres e a reprodución segue sendo un mecanismo de control ao servizo das clases dominantes.

O PCPE reivindica que se garanta a práctica das interrupcións voluntarias do embarazo no sistema sanitario público, que se garanta o seu carácter universal e se normalice como prestación sanitaria para toda muller que decida interromper o seu embarazo, independentemente da súa orixe e a súa situación legal. A rede sanitaria pública é a única garantía de que o dereito ao aborto non se confunda cos intereses das clínicas privadas que o practican. O libre exercicio dos dereitos sexuais e reprodutivos debe ser garantido socialmente.

Nunca os dereitos afectivos, os dereitos sexuais, o dereito ao aborto, a autonomía sobre o propio corpo terán cabida no capitalismo decadente, que é o único posíbel hoxe. A única saída para as mulleres explotadas, as mulleres da clase obreira, é a unidade ao redor dun proxecto clasista que integre as reivindicacións do feminismo de clase.

NON SOMOS APARELLOS REPRODUTIVOS AO SERVIZO DO CAPITAL
>>> POLO DEREITO A DECIDIR <<<
ABORTO LIBRE, SEGURO E GRATUÍTO!