Novo goberno; novos axustes.


As políticas de axuste –recortes- son unha necesidade intrínseca do sistema capitalista español, que continúa instalado na profunda crise económica que estalou no verán de 2007. Expresión desta liña estratéxica foi, no ano 2011, o apresurado acordo PP-PSOE para elevar a rango constitucional a prioridade do pago da débeda aos acredores.
A ditadura da Unión Europea esixirá a España, até o ano 2018, axustes por un importe total próximo ao trinta mil millóns de euros. Ningún dos gobernos, hoxe posíbeis, desobedecerá este mandato.

A crise na base material trasladouse, nestes anos, a unha profunda crise na superestrutura, que hoxe se evidencia, entre outras cousas, nas dificultades para acordar un goberno. Esta prolongada situación de provisionalidade política en España supón unha redución do prazo do que disporá o novo goberno para a aplicación dos axustes, que de forma implacábel dita a UE, e que se han executar desde esta data até o ano 2018.

O importe da cantidade total a axustar (recortar), sitúase na orde do 3% do PIB, nun prazo que non chega ao tres anos.

As consecuencias da aplicación destes axustes recaerán, de novo, directamente sobre as maltreitas condicións de vida da clase obreira e dos sectores populares. Os recortes irán directamente, entre outros, a sanidade e educación; isto é, irán a aumento das listas de espera, redución de medicamentos subvencionados, aumento de cocientes nas aulas, menos profesorado de substitución, etc. E, tamén, a maiores e novas privatizacións destes e outros sectores.

Tamén as pensións, que teñen un problemático horizonte no ano 2018, veranse afectadas por estes axustes impostos pola Unión Europea.

Na lóxica das clases dominantes non se reducirá o gasto militar, e non se reducirán outros capítulos que forman parte da lóxica imperialista da política española. Tampouco, calquera goberno novo que se forme, esixirá a devolución por parte do capital financeiro dos máis de cincuenta mil millóns de euros que se lles entregaron, das arcas públicas, para salvar ás entidades bancarias do naufraxio.
Como veñen facendo todos os gobernos, desde o mesmo estalido da crise capitalista, a totalidade do peso desta crise lánzase sobre as costas da clase obreira e dos sectores populares, que soportan cada día condicións de vida máis penosas e extremas.

As necesidades do capitalismo español, na súa actual fase imperialista, veñen priorizadas polo fortalecemento dos monopolios. Soamente grandes actores económicos poden participar na competencia internacional capitalista depredadora. Por iso calquera goberno subordina todas as súas políticas ao fortalecemento destes emporios parasitarios, cuxa acumulación de capitais só é posíbel sobre a base do incremento da explotación, a redución de salarios e o refugallo da clase obreira e do pobo.

Ningún dos gobernos, hoxe posíbeis, se enfrontará a esta situación desobedecendo o mandato da Comisión Europea. Calquera deles, con maior ou menor capacidade de engano, aplicará estas directrices económicas con rigor.

Por iso a clase obreira e os sectores populares non deben manter ningunha esperanza en relación á formación dunha ou outra combinación de goberno. Calquera que sexa o goberno que se forme, con terceiras eleccións ou sen elas, asumirá o ditado do proxecto imperialista da UE e cargará, de novo, todo o peso da crise contra o pobo.

A única esperanza de solución a estas políticas de axuste imperialistas está na loita obreira e popular, na mobilización de masas, na loita en cada centro de traballo e en cada barrio e/ou pobo. A esperanza está na loita pola saída do euro, da Unión Europea e da OTAN.

O PCPE chama á clase obreira, á mocidade traballadora, ás mulleres que soportan dobremente o peso da crise, ao amplo colectivo de pensionistas, a levantarse contra as políticas de axustes e de recortes que impón a Unión Europea, e que aplicará o próximo goberno que se forme.
Se non nos organizamos, se non loitamos, as parasitarias clases dominantes, os banqueiros e os grandes monopolios, arrebatarannos todo. Sometendo á maioría social a condicións de vida cada día máis duras, sen futuro para a mocidade, e co aumento da pobreza e a marxinalidade social para amplas capas do pobo.

Non é hora de esperar, é hora de loitar!

Declaración do Secretariado Político do PCPE