O capitalismo é paro e precariedade.


Xornadas como a de hoxe, con reivindicacións moi parecidas están a ter lugar día si e día tamén, en todo o mundo.

En países onde o salario medio é mellor que o noso e se manteñen dereitos que nós xa perdemos, e tamén en países onde o nivel de miseria e explotación é (polo de agora) máis dramático que o noso.

É sabido que o capital xoga, dende que o mundo é mundo (capitalista), a enfrontar uns pobos a outros, uns sectores da clase obreira a outros, e así sucesivamente para manternos divididos, e polo tanto, febles e distraídos.

Queixámonos, e con razón, das políticas de goberno que nos levan á miseria. Pero, acaso hai unha gran diferencia no que son os dereitos da nosa clase, entre o reaccionario Rajoy e o progre Tsipras en Grecia? É diferente a fame, o paro e a reaparición de enfermidades xa superadas alí e eiquí?

Gobernos socialdemócratas clásicos e da nova onda coinciden en dar vivas á democracia parlamentaria, esa de cuxos parlamentos o "demos" (pobo) é botado a porrazos ou a tiros cando se fai demasiado presente.
Claro que hai que pular pola presenza obreira nos parlamentos burgueses. Pero iso será de utilidade se paralelamente se retoma a folga xeral como única lingua que entende o explotador.

Necesitamos tamén elevar a solidariedade de clase aos planos estatal e internacional, xa que as políticas que sufrimos, galegos,  turcos e franceses, estadounidenses e nixerianos, emanan de órganos de poder supra nacionais e supra estatais.

Sabemos que o calzado que levamos posto, os alimentos que comemos, o noso móbil e o coche no que nos movemos condensan o esforzo dunha clase obreira que é internacional, que vive desigualmente pero que en todos os países capitalistas descende hoxe os círculos do inferno.

Non gaña nada a clase obreira de cada sector, de cada rama, de cada cidade, de cada nación nen de cada estado mirando con rivalidade aos traballadores que están de momento menos afundidos nese descenso.

Nada gaña pretendendo saír só desta.

Tampouco gaña virando a cara e esperando a que todo cambie.

Nin mirando de esgallo ao irmán de clase que vén fuxindo dos lumes do imperialismo, miralo como se fose el quen nos roubou o que non temos.

Todas estas reaccións, que son reais e están entre nós, son o mellor agasallo para os verdadeiros culpábeis.

Gañaremos algunhas batallas parciais máis se imos como ata o de agora, pero só gañaremos a guerra se pulamos por comprender as causas profundas dos nosos males, os da nosa clase social, a clase traballadora.

É necesario recoñecer finalmente a existencia dunha clase social inimiga, apátrida, co corazón gardado nunha caixa de seguridade dun paradiso fiscal. E esa clase pode chamarse Amancio Ortega.

En crise (unha crise que é real, e non unha ficción), a burguesía está incapacitada para facer políticas dirixidas a satisfacer unha soa das nosas necesidades sen perder poder económico e precipitarse ao baleiro na carreira entre monopolios.

Trátase de aprender de política, da política que se nos oculta porque non convén que a coñezamos.
Aprender da historia do movemento obreiro internacional.

É tempo de deixar de crer nos contos de fadas que nos prometen unha vida mellor sen derrocar e expropiar aos capitalistas, eses que levan séculos xa a expropiarnos a nós, cada día, mediante a explotación, mediante os continuos atentados aos nosos dereitos.

É tempo de berrar máis alto e máis claro pola saída inmediata da Unión Europea que arruinou xa pobos abondo, incluído o noso...en vez de seguir a facerlle carantoñas dende as chamadas esquerdas.

É, como sempre, necesario esixir o cese das guerras  que se alimentan de sangue infantil para distribuír o mundo entre os monopolios. Pero sería ético falar contra das guerras sen defender a saída inmediata da OTAN??

Non debemos acovardarnos diante da dificultade da situación nin equivocarnos de inimigo.

Se a clase obreira conquistou mediante duras e prolongadas loitas novos dereitos e maiores cotas de organización baixo a ditadura franquista, nós debemos de recuperar ese legado e acrecentalo.

O inimigo é o explotador e a explotadora. Se non erramos as alianzas e si estreitamos lazos entre nós, venceremos a explotación, venceremos o capitalismo.

E as discriminacións e desigualdades de dereitos que hoxe parecen estar aí para sempre, e as crises e as guerras serán apenas unha mala lembranza.

Organízate e loita!

Comunistas da Galiza-PCPE
Colectivos da Mocidade Comunista (CMC)