Que facer ante a crise capitalista e a ofensiva imperialista?

DISCURSO de Giorgos Marinos, membro do Buró Político do CC do KKE
no 18º Encontro Internacional de Partidos Comunistas e Obreiros en Vietnam sobre o tema:

A crise capitalista e a ofensiva imperialista - Tácticas e estratexia dos Partidos Comunistas e Obreiros na loita pola paz, os dereitos obreiros e populares, polo socialismo”.


Estimados camaradas:

O Partido Comunista de Grecia saúda o 18º Encontro Internacional de Partidos Comunistas e Obreiros e agradece cordialmente ao Partido Comunista de Vietnam pola hospitalidade.

O noso partido expresou a súa solidariedade internacionalista e mantívose durante moitas décadas a carón do pobo vietnamita na súa loita contra o colonialismo francés e xaponés, contra a intervención imperialista e os crimes de EE.UU.

A gloriosa vitoria da clase obreira, do pobo de Vietnam baixo a dirección do Partido Comunista e do seu dirixente, camarada Ho Chi Minh, foi unha gran vitoria de importancia internacional e demostrou que cando o pobo está decidido, ben organizado e armado, pode vencer a inimigos fortes e dinastas e romper as cadeas da explotación e da opresión.

A historia do movemento comunista está chea de páxinas heroicas e é unha fonte valiosa para o estudo e para sacar conclusións que fortalecerán aos comunistas para que poidan facer fronte ao desafío das condicións complexas da loita de clases, loitando polo derrocamento da explotación capitalista e pola construción do socialismo-comunismo.


Estimados camaradas:

A crise capitalista internacional sincronizada de sobreacumulación de capital que se manifestou en 2008-2009 aínda deixa a súa pegada nos acontecementos e as súas causas atópanse na propiedade capitalista dos medios de produción, no ánimo de lucro que é a forza motriz do crecemento desordenado, na agudización da contradición fundamental entre o carácter social da produción e do traballo e a apropiación capitalista dos seus resultados.

As forzas burguesas e oportunistas gardan silencio acerca das verdadeiras causas da crise e presentan como causas, por exemplo, a xestión neoliberal, os bancos e os banqueiros, creando confusión, fomentando ilusións respecto a posibilidade dunha xestión do capitalismo a favor do pobo.

En realidade, independentemente de se a forma da manifestación da crise está conectada ás perturbacións no sistema bancario-financeiro, a “burbullas” e outros fenómenos similares, a crise nace no proceso de produción no terreo de explotación do traballo asalariado polo capital.
As cúpulas das organizacións imperialistas están de novo inquietas. A máquina capitalista non está a avanzar, os estudos da burguesía están a revisar a niveis máis baixos as taxas de crecemento, a crise continúa nos países de posición intermedia no sistema imperialista, como Grecia, así como en países máis fortes, como Rusia e Brasil. Obsérvase un estancamento na UE e na zona euro e unha desaceleración da economía chinesa.

As avaliacións para o próximo período toman en conta o impacto das organizacións e das guerras imperialistas, a situación problemática das institucións financeiras (Deutsche Bank, bancos italianos etc.), as consecuencias do Brexit.

Nestas condicións, a análise dos comunistas sobre as verdadeiras causas da crise, así como o carácter clasista do desenvolvemento capitalista adquire gran importancia para a preparación do movemento obreiro e popular e para o fortalecemento da loita de clases para que a clase obreira entenda a importancia da organización socialista da produción que é o único camiño para erradicar as causas da crise e a explotación capitalista.


Estimados camaradas:

No noso país, a crise capitalista (2009-2016) é profunda e prolongada, e no seu transcurso tense implementado a política de xestión de todos os gobernos burgueses que en cooperación coa Unión Europea (UE), o Banco Central Europeo (BCE) e o Fondo Monetario Internacional (FMI), amplamente coñecidos como a Troika, puxeron as cargas da crise sobre a clase obreira e as capas populares, promovendo unha estratexia de aumento da competitividade e da rendibilidade das grandes empresas.

O partido liberal da ND e o partido socialdemócrata do PASOK implementaron dous memorandos con medidas antipopulares moi duras que provocaron a intensa indignación do pobo. Nun terreo de pobreza e de altas taxas de emprego, creceron as ilusións a prol da opción do “mal menor” e as falsas expectativas fomentadas por SYRIZA, un partido oportunista cunha etiqueta de “esquerda”, que é unha “mestura” de renegados do movemento comunista e de cadros do PASOK socialdemócrata, e formou un goberno xunto co partido nacionalista ANEL (Gregos Independentes).

SYRIZA ascendeu no goberno en xaneiro de 2015 co respaldo de sectores poderosos do gran capital e demostrouse na práctica que se trata dun partido socialdemócrata que serve os intereses dos monopolios, aplica unha política antipopular moi dura, utiliza todos os medios ao seu alcance para enganar ao noso pobo e preséntase no estranxeiro como unha forza de resistencia, tratando de desorientar aos pobos cunhas consignas de esquerda falsas.

O goberno de SYRIZA-ANEL co apoio dos demais partidos burgueses aprobou o terceiro memorando co cal implementa a estratexia do capital, as reestruturacións capitalistas reaccionarias da UE e ten como obxectivo a intensificación da taxa de explotación da clase obreira, a destrución do campesiñado, a quebra das capas medias urbanas.
Recentemente, o goberno aprobou a través do parlamento duras leis antipopulares desmantelando dereitos obreiros e populares, co fin de superar a avaliación do terceiro memorando pola troika.

Atacou o carácter social da seguridade, reduciu drasticamente as pensións e aumentou a idade de xubilación.

Impuxo ao pobo impostos directos e indirectos insoportábeis.

Privatizou portos, aeroportos e procede á privatización de empresas de importancia estratéxica en materia de enerxía, auga etc.

Segue o camiño trazado polos gobernos anteriores, mantén as leis que aboliron os convenios colectivos e reduciron drasticamente os salarios, promove medidas para abolir os dereitos laborais, reforza as formas de traballo flexíbeis, utiliza a represión contra as loitas obreiras.
O desemprego é superior ao 25% e entre os mozos por encima do 50%; en lugar de apoiar os desempregados, proporciona aos empresarios os beneficios respectivos.

Estes días, no marco da segunda avaliación do terceiro memorando, está a prepararse para impor novas medidas duras contra os traballadores, despedimentos masivos, peches patronais, restricións sobre o dereito á folga etc.

A política clasista do goberno de SYRIZA-ANEL implica o financiamento de grandes empresas, novas exencións de impostos para o gran capital, etc.
Neste período, utiliza o desenvolvemento capitalista “xusto” como unha ferramenta para desorientar ao pobo.

É posíbel que haxa un débil crecemento económico pero en esencia este crecemento será antipopular, terá como criterio o aumento das ganancias dos monopolios, basearase na destrución de dereitos e formará as condicións para unha nova crise económica.

Cabe destacar que as directivas e as medidas antipopulares implementadas en Grecia a través dos memorandos son parte da estratexia antipopular máis xeral da Unión Europea e que se aplican en todos os países de Europa, independentemente de se se impuxo un memorando ou non, independentemente de se gobernan os partidos liberais ou socialdemócratas.

A propaganda burguesa sobre o “Acervo Europeo” foi refutada pola realidade capitalista do alto desemprego e da pobreza, da intensificación do traballo etc.

A política exterior do goberno de SYRIZA-ANEL é moi perigosa. Promove os intereses dos monopolios enredando sistematicamente o país nos plans imperialistas a través da política de “Fortalecemento Xeoestratéxico de Grecia”.

Ofrece bases militares para as necesidades agresivas da EE.UU. e da OTAN na súa guerra en Siria, Libia e Iraq, mantén forzas militares en misións imperialistas no estranxeiro, desenvolve unha ampla cooperación militar con Israel, convidou a forzas da OTAN no mar Exeo, participa na implementación das recentes resolucións moi perigosas do Cume da OTAN en Varsovia.

As guerras imperialistas arrincan a millóns de refuxiados e inmigrantes dos seus fogares, lonxe dos seus países e atrapan a miles de familias de persoas perseguidas en Grecia onde viven en condicións miserábeis, mentres que o seu destino son outros países europeos. Nestas condicións, o KKE ten unha postura de principios internacionalistas, loita contra as guerras imperialistas, condena as políticas represivas da Unión Europea, está á beira dos refuxiados e dos inmigrantes, contribúe á organización da solidariedade popular, enfróntase ao racismo e á xenofobia, contra a organización criminal fascista do “Amencer Dourado”.

En base á experiencia da política antipopular de SYRIZA, confirmouse de novo que os chamados gobernos de esquerda socialdemócratas foron elixidos polo capital para facer o traballo sucio”, para promover a política que serve os intereses dos monopolios e para asimilar ao movemento obreiro e popular nos seus obxectivos.

O exemplo de SYRIZA e moitos outros exemplos demostraron que os chamados “gobernos de esquerda” son mecanismos de xestión e de reprodución da explotación capitalista, fomentan ilusións de que o capitalismo se pode humanizar, e unha expectativa perigosa de que nas condicións de explotación capitalista se poden resolver os problemas do pobo e que se poden satisfacer as súas necesidades.

A experiencia demostrou que estes gobernos impiden o verdadeiro radicalismo da clase obreira, que coa súa política antipopular fracasaron ante os ollos dos pobos, reforzan puntos de vista de que “todos son iguais”, de que a súa política fortalece as forzas conservadoras e dá lugar ao regreso de gobernos de dereita.

O exemplo dos “gobernos de esquerda” en Europa e en países de América Latina confirman esta avaliación.

Os partidos comunistas que participan ou apoian gobernos de xestión burguesa ofrecen unha coartada á socialdemocracia. A súa postura utilízase en moitos aspectos para atrapar á clase obreira no marco da xestión capitalista, para reducir as demandas dos pobos e atrasar a loita anticapitalista.

Os partidos comunistas que apoiaron ou seguen apoiando SYRIZA teñen graves responsabilidades. A súa postura é utilizada no ataque contra o noso pobo, e diríxese contra a loita do KKE e do movemento de clase.

O KKE foi sempre fiel ao principio do internacionalismo proletario de maneira moi responsábel. Apoia as loitas da clase obreira contra o capital e o capitalismo. Expresa a súa solidariedade internacionalista cos pobos de América Latina, de Asia, de África, cos pobos en todo o mundo.

Hoxe pódense extraer conclusións significativas respecto da postura de principios do KKE deixando ao descuberto o papel da nova socialdemocracia, destacando o perigosa e corrosiva que é a participación dun partido comunista nun goberno de xestión burguesa.

O KKE está na primeira liña dunha loita dura e cada día busca fortalecer os seus lazos coa clase obreira, os campesiños pobres, os traballadores autónomos da cidade, as mulleres e os mozos de familias populares.

As organizacións do Partido, as organizacións da Mocidade Comunista (KNE) levan a cabo unha actividade ideolóxica e política constante, libran batallas nas fábricas, nos centros de traballo e nos barrios populares para organizar a loita obreira e popular. Céntranse sobre todo na construción de organizacións partidistas nas fábricas, en sectores estratéxicos da economía. Confrontan as súas debilidades e deficiencias.

As forzas do partido, os amigos do partido, a KNE e os seus amigos organizaron aos longo deste ano centos de eventos de masas para o 100 aniversario do KKE en 2018, levaron a cabo eventos moi importantes para o 70 aniversario da fundación do “Exército Democrático de Grecia” (DSE) e para a súa loita heroica durante o enfrontamento contra a burguesía, contra o imperialismo británico e estadounidense na guerra civil, na maxestuosa loita armada de 1946-1949.

As e os comunistas apoian as loitas da Fronte Militante de Todos os Traballadores (PAME), do movemento de orientación de clase en que participan decenas de Federacións, Centrais Rexionais de Traballo, centos de sindicatos e comités de loita, miles de sindicalistas.

É de particular importancia a iniciativa das forzas de clase a través da cal centos de organizacións sindicais están a organizar a súa loita para a abolición das medidas antiobreiras, para os convenios colectivos de traballo satisfactorios, para a recuperación das perdas que sufriron os traballadores durante a crise.

As e os comunistas desempeñan un papel dirixente na loita do campesiñado pobre e mediano, dos traballadores autónomos da cidade, dos mozos e das mulleres.

Unha cuestión básica é que a loita ideolóxica, política e de masas apunte contra o verdadeiro inimigo, é dicir a burguesía e o seu estado e non limitarse aos partidos e gobernos burgueses, que contribúa ao desenvolvemento da conciencia de clase.

A través da loita cotiá, as folgas, as protestas, as ocupacións, as decenas de mobilizacións multiformes, o movemento de clase dá pasos respecto a organización da clase obreira. Contribúe ao crecemento do nivel de esixencias dos traballadores para que se fortaleza a fronte contra o capital e a política antipopular do goberno e das demais forzas burguesas, e para que se reforce o enfrontamento contra o sindicalismo patronal e gobernamental e a idea perigosa do consenso e colaboración clasista entre explotadores e explotados.

As e os comunistas loitan para o reagrupamento do movemento obreiro, para fortalecer a liña da loita de clases, para que os sindicatos sexan masivos con fortes bases nos centros de traballo, para que se fortaleza a liña de loita con dirección e demandas ligadas coas necesidades populares e obreiras contemporáneas, para que cambie a correlación de forzas.

Un movemento obreiro forte será o corazón dunha gran alianza popular social da clase obreira, do campesiñado pobre e mediano, dos traballadores autónomos urbanos. Unha alianza que reunirá e mobilizará forzas organizadas, intervirá de maneira decisiva na loita cotiá en dirección antimonopolista-anticapitalista, con miras ao derrocamento da barbarie capitalista e á conquista do poder obreiro.

O pobo grego librarase das cadeas da explotación capitalista e das unións imperialistas dunha vez por todas, soamente cando a clase obreira cos seus aliados leve a cabo a revolución socialista e avance á construción do socialismo-comunismo.

O cambio revolucionario en Grecia será socialista. Isto é obxectivamente necesario. Actualmente, a correlación de forzas negativa e o atraso do factor subxectivo, non cambian o carácter da revolución.

As forzas motrices da revolución socialista serán a clase obreira, como forza dirixente, os semiproletarios, as capas populares oprimidas dos traballadores autónomos na cidade e os campesiños pobres.

O KKE en condicións non revolucionarias dedica as súas forzas para a preparación do factor subxectivo co fin de responder ás súas tarefas históricas cando se crea a situación revolucionaria – os “de abaixo” non queren e os “de arriba” non poden seguir vivindo á antiga etc.

As nocións (no movemento comunista internacional) que subestiman a loita antimonopolista-anticapitalista e a necesidade da plena preparación para o derrocamento do poder do capital, non toman en conta a posibilidade de agudización dos acontecementos e de manifestación dunha situación revolucionaria, que como fenómeno obxectivo se pode crear nas condicións de crise capitalista e de guerra imperialista.

Hai que extraer ensinos da experiencia histórica que resalta que os partidos comunistas non se viron preparados nas condicións de escalada da loita de clases e non puideron cumprir coas súas tarefas históricas.


Estimados camaradas:

É ben sabido que o movemento comunista está a sufrir unha crise ideolóxica, política e organizativa, e que está profundamente afectado pola contrarrevolución e pola forte influencia do oportunismo nas súas filas.

Despois da restauración do capitalismo na Unión Soviética e nos estados da construción socialista en Europa Oriental e Central, o predominio das relacións capitalistas de produción en China, o fortalecemento das relacións capitalistas en Vietnam e en Cuba, as condicións na República Popular Democrática de Corea, a situación no movemento comunista internacional deteriorouse.

Nestas condicións, a loita polo reagrupamento do movemento comunista internacional é unha tarefa de importancia decisiva e o KKE considera necesario abrir unha discusión esencial sobre os graves problemas respecto a estratexia e a táctica, considerando que calquera demora agrava a situación e entraña graves perigos.

En primeiro lugar, as e os comunistas deben centrar a súa atención na cuestión do imperialismo xa que é un tema de discusión máis xeral.

Segundo a tese leninista o Imperialismo é a fase superior do capitalismo en que predominaron os monopolios e o capital financeiro, e a exportación de capitais é de especial importancia. Neste marco leva a cabo unha loita entre os diversos monopolios e estados capitalistas para a repartición dos mercados.

A tese que limita o Imperialismo á política exterior agresiva de EE.UU. e á doutros estados capitalistas fortes, non toma en consideración a base económica do sistema nos nosos días, os monopolios, as grandes empresas accionistas que se desenvolveron en todos os países.

Consideramos que esta tese non ten unha visión global do sistema imperialista (capitalista), tal como está, cos estados capitalistas como elos que se difiren entre si e por mor da súa desigualdade teñen posicións diferentes no sistema segundo a súa forza económica, militar e política.

En segundo lugar, tratamos a cuestión do carácter da nosa época e do carácter da revolución. 
Esta cuestión é de suma importancia.

Estamos no século XXI; o poder burgués derrocou o feudalismo hai moitos séculos. O capitalismo desenvolveuse e a fase imperialista levou á gran socialización da produción e do traballo cuxos froitos goza a burguesía.

As grandes empresas monopolistas teñen bases e redes en todo o globo; desenvolvéronse as ciencias, a tecnoloxía, a infraestrutura multiforme, os medios de transporte etc.

Sen dúbida, maduráronse as condicións materiais que determinan o carácter da nosa época como a época de transición do capitalismo ao socialismo que hoxe é máis necesario e vixente que nunca para a clase obreira, as capas populares, para o futuro dos mozos.

A Gran Revolución Socialista de Outubro, que terá o seu 100 aniversario en 2017, mostra o camiño. Esta Revolución Socialista a principios do século 20 nun país agrícola atrasado onde o desenvolvemento do capitalismo creou as condicións materiais para a construción da nova sociedade socialista, deu un impulso ao desenvolvemento das forzas produtivas.

A contrarrevolución e o cambio negativo na correlación de forzas non invalidan o feito de que o socialismo foi construído, nin tampouco anulan o carácter da nosa época que foi inaugurada pola Revolución de Outubro como época de transición do capitalismo ao socialismo. As condicións que pon de relevo o esgotamento dos límites históricos do capitalismo (crise, guerras, desemprego, pobreza etc.) intensificáronse e o carácter socialista da revolución expresa a necesidade urxente de resolver a contradición básica do sistema entre o capital e o traballo asalariado.

O capitalismo deu luz ao seu propio enterrador; a clase obreira é a clase dirixente da sociedade e o carácter da revolución como socialista expón a cuestión de que esta clase debe reclamar e conquistar o poder.

En moitas ocasións faise referencia á tese de Lenin sobre “a ditadura democrática revolucionaria do proletariado e dos campesiños” para corroborar a posición anticuada das etapas intermedias, pero hai que deixar claro que esta tese corresponde ás condicións da Rusia zarista, durante a revolución de 1905, mentres que despois do derrocamento da autocracia o partido bolxevique seguiu adiante e traballou nos soviets co fin de conquistar mediante a revolución o poder obreiro, a ditadura do proletariado (Tese de abril, 1917).

Conseguintemente, a celebración do 100 aniversario da Gran Revolución Socialista de Outubro debe dar un impulso ao estudo da estratexia dos partidos comunistas para que se adapte ás necesidades da nosa época, á dirección leninista que expresou a forza da Revolución bolxevique e destacou que “a abolición do capitalismo e dos seus vestixios e o establecemento das bases da orde de clase comunista constitúen o contido da nova época da historia universal que comeza agora”.

En terceiro lugar, os estados capitalistas participan en alianzas imperialistas para servir de maneira eficaz os intereses das clases burguesas no antagonismo capitalista internacional, para fortalecer o poder do capital e confrontar ao movemento obreiro de maneira coordinada.
Estas alianzas interestatais non poden negar a organización en base estado-nación ou as contradicións interimperialistas que se manifestan mesmo dentro da propia alianza, xa que cada estado imperialista funciona en base aos intereses dos seus propios monopolios.

O KKE ten moita experiencia na loita contra a OTAN, o brazo armado do imperialismo contra os pobos.

O noso partido leva anos loitando contra a Unión Europea, a alianza interestatal imperialista que expresa os intereses dos grupos monopolistas europeos, contra a clase obreira, contra o campesiñado pobre e as demais capas populares de Europa, o cal expón ás forzas da socialdemocracia e do oportunismo que embelecen o carácter imperialista da Unión Europea, tal como fai o Partido da Esquerda Europea (PEE, PIE en castelán).

O KKE, con motivo do referendo en Bretaña e o Brexit, presentou as súas posicións que destacan as contradicións internas da Unión Europea, a desigualdade das súas economías e a loita entre os centros imperialistas que se agudizou en condicións de recesión económica.

As posicións que propoñen como solución o cambio de moeda ou a saída da UE no marco do capitalismo, obxectivamente non poden servir os intereses obreiros e populares. Ao contrario, levan á perpetuación do réxime de explotación do home polo home; o poder segue en mans da burguesía, os medios de produción seguen sendo propiedade capitalista.

O noso partido considera que a necesidade de condenar a UE e a OTAN, a loita polo desencadeamento do país dos organismos imperialistas para que sexa eficaz debe ser ligada co derrocamento necesario do poder do capital, debe ser ligada co poder obreiro e popular. A alianza social da clase obreira e das demais capas populares, o reagrupamento e o fortalecemento do movemento comunista internacional é unha condición para que abra o camiño de esperanza.

As alianzas interestatais non se limitan á OTAN e a UE nas condicións actuais.

Xunto a estas hai outras como por exemplo o grupo BRICS, a Organización de Cooperación de Xangai, a Organización do Tratado da Seguridade Colectiva, unións interestatais en América Latina etc. As diferenzas que existen derivan da posición que ocupan os estados capitalistas no sistema imperialista e dos obxectivos das clases burguesas. Con todo, existe unha base común e esta está determinada polo feito de que nestas alianzas interestatais participan estados capitalistas que representan os intereses dos monopolios.

Esta é a base de contradicións na UE ou entre EE.UU. e a UE, como se demostra por unha serie de acontecementos, como é a xestión da crise capitalista e da débeda, as negociacións sobre a Asociación Transatlántica de Comercio e Investimento que se dirixe contra os pobos etc. ou mesmo as contradicións que se manifestan na rexión de Asia e do Pacífico.

O noso partido segue con moita atención os acontecementos no Mar do Sur de China, unha rexión que é un paso importante nas rutas marítimas internacionais, rica en peixes e recursos enerxéticos. Grandes intereses monopolistas, tanto de devandita rexión e de máis lonxe (como mostra a implicación continua de EE.UU. e o seu “interese”) enfocaron o seu interese na explotación destes grandes recursos. O noso partido considera que as cuestións de diferenzas territoriais entre os estados (por exemplo respecto o establecemento das Zonas Económicas Exclusivas etc.), coa intervención mesmo dos movementos populares, deberíanse resolver de maneira pacífica, en base ao dereito internacional do mar, mediante negociacións e decisións multilaterais, cando varios países están involucrados neste asunto.

Nos últimos anos fálase do chamado “mundo multipolar” como un desenvolvemento favorábel ao pobo pero este tema debe ser examinado con máis coidado porque en esencia componse de “polos” capitalistas que se forman para promover os intereses dos grandes grupos monopolistas e expresan as contradicións interimperialistas.

A tarefa dos partidos comunistas é estar na primeira liña e abrir o camiño para que os pobos non se poñan baixo as bandeiras de ningunha burguesía, de ningunha alianza imperialista, senón que desenvolvan a súa loita en base aos seus propios intereses e necesidades.

En cuarto lugar, os últimos anos estiveron marcados polas intervencións e as guerras da OTAN, de EE.UU. e da UE en Iugoslavia, en Afganistán, en Iraq, en Libia, en Siria, en Ucraína, en países africanos.

Un trazo característico das intervencións e as guerras imperialistas é o uso dunha serie de pretextos entre os que destacan a loita contra o terrorismo, a confrontación da organización terrorista do Estado Islámico e de organizacións similares que son creacións imperialistas e foron apoiadas pola EE.UU., fortes estados da UE, Turquía, Qatar e Arabia Saudita para promover os seus intereses no Oriente Medio, en África do Norte e na rexión máis ampla.

A nosa tarefa é destacar as verdadeiras causas das guerras que se atopan nas contradicións e os antagonismos interimperialistas en todo o planeta entre EE.UU., a OTAN, a UE, Rusia, China, outros estados capitalistas, sobre os recursos enerxéticos e as rutas de transporte, as rexións de importancia estratéxica, as rutas marítimas e o control dos mercados.

O Oriente Medio, África do Norte, a zona de Sahel, Caspia, o golfo Pérsico, os Balcáns, o Mar Negro, o mar do Sur de China e o Ártico son campos de contradicións imperialistas de particular importancia.

A OTAN transfire forzas militares e instala bases militares en países de Europa Este e Central. Romanía e Polonia son os centros para a instalación do sistema de mísiles de EE.UU. que apunta contra Rusia, mentres que no Pacífico se transferiu máis que o 60% das forzas navais de EE.UU.

Auméntase o perigo de conflitos rexionais xeneralizados e mesmo nos preocupa a posibilidade dunha guerra imperialista xeneralizada.

O movemento comunista ten tarefas importantes e ten que ampliar a discusión sobre a postura dos comunistas respecto ás guerras imperialistas, determinar os criterios e o papel significativo das guerras revolucionarias xustas.

O KKE pola súa banda contribuíu á organización da loita contra as intervencións e as guerras imperialistas, contra a implicación dos gobernos gregos, para o regreso das forzas militares gregas das misións imperialistas, para o peche das bases euro-atlánticas.

O noso partido considera que a loita pola defensa das fronteiras, dos dereitos soberanos de Grecia, desde o punto de vista da clase obreira e das capas populares, está indisolubelmente ligada á loita polo derrocamento do poder do capital. Calquera forma que sexa a forma de participación de Grecia nunha guerra imperialista, o KKE debe estar preparado a dirixir a organización independente da resistencia obreira e popular e conectala coa loita para a derrota da burguesía nacional e estranxeira como invasor.

En quinto lugar, o KKE no marco do longo estudo sobre a análise das causas e dos factores que levaron ao derrocamento do socialismo avaliou que a contrarrevolución na URSS se produciu “do seu interior e de arriba”, como resultado da mutación oportunista do movemento comunista e da dirección política respectiva do poder soviético, nun ambiente de intervencións múltiples polo imperialismo o que levou ao crecemento do oportunismo e o seu desenvolvemento en forza contrarrevolucionaria.

O derrocamento do socialismo estaba conectado coa utilización de ferramentas capitalistas para a confrontación de problemas na construción do socialismo.

A construción do socialismo inicia coa conquista revolucionaria do poder pola clase obreira e o modo de produción comunista créase a través da socialización dos medios de produción concentrados, a Planificación Central, a formación de institucións de control obreiro.

A loita da clase obreira continúa en condicións diferentes e con formas diferentes tanto no período en que sentan as bases da nova sociedade así como durante o desenvolvemento do socialismo nunha loita constante para a abolición de todas as formas de propiedade privada e grupal, para a ampliación da propiedade social e o fortalecemento da planificación central, das relacións de produción comunistas.

Estamos firmemente convencidos de que as posicións sobre diversos “modelos socialistas” no nome das particularidades nacionais non se basean nos principios do socialismo científico e nas leis da construción socialista.

Desafortunadamente isto non ten que ver soamente co marco pequenoburgués-socialdemócrata do chamado socialismo do século XXI que fomenta ilusións de que o capitalismo se pode humanizar, e perpetúa o poder burgués e a explotación capitalista, como o demostran os acontecementos, por exemplo en América Latina.

O problema é máis profundo.

Búscase substituír a necesidade da revolución socialista pola vía parlamentaria burguesa a través da xestión dos “gobernos de esquerda”. A socialización dos medios de produción substitúese por un sistema económico mixto con empresas capitalistas, mentres que a planificación central substitúese pola intervención estatal para a regulación do mercado capitalista.

Estas posicións non teñen que ver cos restos do antigo sistema (capitalista) na nova economía socialista, nin tampouco coa pequena produción de mercadoría que pode continuar existindo para un certo período (e constitúe unha forza de mantemento ou de reaparición do capitalismo). Están relacionadas cunha liña política específica que se afasta das leis do socialismo, tendo como punta de lanza a posición perigosa de que se pode construír o socialismo coa presenza de empresas capitalistas e do capital que é unha relación social de explotación.


Estimados camaradas:

A Gran Revolución Socialista de Outubro é un fito histórico, unha magnífica creación da clase obreira, da loita de clases.

O Socialismo que se construíu no século XX a pesar das debilidades, os erros, a influencia e as desviacións oportunistas, caracterízase polo logro histórico da abolición da explotación do home polo home, grazas ao poder obreiro, a socialización dos medios de produción, a planificación central e o control obreiro, a participación de millóns de traballadores na construción da nova sociedade.

As principais vantaxes do socialismo son a abolición do desemprego e a salvagarda planificada de traballo para todos, os servizos de atención sanitaria e educación de alto nivel e gratuítos, o desenvolvemento da cultura popular e dos deportes, a igualdade das mulleres, a convivencia de diferentes nacionalidades, o apoio á loita dos pobos contra a agresividade e as guerras imperialistas, a abolición do colonialismo e moito máis.

O poder obreiro na Unión Soviética e os sacrificios do pobo soviético pon o seu selo na vitoria contra o eixo fascista na Segunda Guerra Mundial.

O achegamento histórico do socialismo no progreso social así como as verdadeiras causas que levaron ao seu derrocamento deben motivar os partidos comunistas, as e os comunistas en todo o mundo co fin de elevar o nivel de esixencia e responder de maneira decisiva contra as forzas reaccionarias anticomunistas e o oportunismo que aplaudiron e apoiaron a contrarrevolución, tal como fixeron as forzas que a continuación fundaron o Partido da Esquerda Europea e outras redes similares.

Os comunistas creen na forza da clase obreira, na loita de clases que é a forza motriz do progreso social. O carácter internacional da loita de clases require que fagamos os maiores esforzos posíbeis para formar as bases para conquistar a unidade programática e ideolóxica e unha estratexia revolucionaria unificada en conflito co capital, co sistema de explotación, co oportunismo.

As dificultades da nosa loita son grandes; a presión burguesa e oportunista é forte pero os comunistas deben mostrar gran resistencia e determinación na defensa da cosmovisión marxista-leninista, xogar un papel destacado cada día nas loitas obreiras e populares, na loita antimonopolista-anticapitalista, tratar de conquistar baixo todas as condicións a conexión da loita diaria coa loita polo poder obreiro revolucionario.

O KKE cun sentido de responsabilidade internacionalista desempeñou un papel principal para o inicio dos Encontros Internacionais de Partidos Comunistas e Obreiros (EIPCO), contribuíu a manter o seu carácter como espazo onde se atopan partidos comunistas, en contra de posicións que apuntan á participación de formacións socialdemócratas que se autoproclaman como “antiimperialistas”, de “esquerda”, “progresistas”.

O noso partido deixou claro desde hai tempo que o significativo hoxe é o intercambio esencial de puntos de vista nos EIPCO, a discusión e o debate ideolóxico e político sobre cuestións cruciais respecto a estratexia e a táctica, así como unha actividade común que podemos desenvolver para os intereses e os dereitos da clase obreira.

O KKE dedicará todas as súas forzas nesta dirección e ao mesmo tempo continuará xunto con decenas de partidos comunistas os esforzos para a coordinación da súa actividade con varias formas en Europa, nos Balcáns, na rexión ampla, e apoiará aínda máis o paso importante que supón a formación da “Iniciativa Comunista Europea” na que participa un número significativo de partidos comunistas e obreiros de Europa e a publicación da “Revista Comunista Internacional” (RCI) que estuda cuestións teóricas actuais.

Fonte: KKE
Traducción: Comunistas da Galiza-PCPE