Atocha 55, que o seu nome non se borre da historia.

Por Raúl Martínez Turrero e Eduardo Corrales


Luns, 24 de xaneiro de 1977. Nun despacho laboralista da rúa Atocha celébrase unha reunión de coordinación de avogados de barrio, encargados da defensa dos problemas populares nas zonas máis castigadas de Madrid e de asesorar a máis dun centenar de asociacións de veciños. Entre as 22:30 e as 23:00 horas, alguén chama á porta. Dous pistoleiros fascistas, a quen esperaba un terceiro que facía as veces de condutor, preguntan polo dirixente sindical Joaquín Navarro, dirixente das Comisións Obreiras de transporte.

Joaquín non está. As mans no alto, os cables do teléfono cortados, escápase un disparo, logo dous refachos, finalmente o tiro de graza. Os letrados Javier Sauquillo, Luís Javier Benavides e Enrique Valdevira, o estudante de Dereito Serafín Holgado e o administrativo Ángel Elías Rodríguez, asasinados. Os avogados Miguel Sarabia, Alejandro Ruiz-Huerta, Luís Ramos Pardo e Dores González, resultan gravemente feridos. Os pistoleiros danse á fuga.

Son días de chumbo. O 20 de xaneiro finalizaba unha folga no transporte privado madrileño que arrincaba unha subida lineal de 5.250 pesetas, unha nova revisión salarial aos doce e dezaoito meses e un incremento revisábel do percibido polos traballadores en concepto de dietas. O día anterior foran detidos cinco folguistas. O poder do sindicato vertical cambaléase, e con el a coñecida como mafia do transporte. O movemento obreiro sae vitorioso.

As rúas arden. A crise económica golpea ás grandes maiorías obreiras do noso país: paro, inflación, represión… O 23 de xaneiro celébrase unha manifestación pola amnistía dos presos políticos. Nas proximidades de Callao é asasinado a tiros o estudante Arturo Ruiz García. Só tiña 19 anos. Os Guerrilleros de Cristo Rei son os responsábeis. Convócase de inmediato unha manifestación de protesta para o día seguinte, na que a policía armada fere mortalmente cun bote de fume á estudante María Luz Nájera, que falecerá un día despois.

Sucédense as conspiracións e medra a tensión. O 15 de decembro de 1976 aprobouse en referendo a Lei para a Reforma Política, a última das Leis Fundamentais do Reino, constituída como pivote legal que permitiría unha transición que, seguindo o consello de Torcuato Fernández Miranda, Presidente das Cortes franquistas, produciríase “da lei á lei a través da lei”. Un día si e outro tamén se fala sen cesar do ruído de sabres nos escuros cuarteis do franquismo. Os cambios que se perciben no horizonte non agradan á cúpula militar. A posíbel legalización do PCE atópase tras o pano de fondo. Grupos fascistas como Forza Nueva, os Guerrilleros de Cristo Rei ou a Triple A, en aberta complicidade con elementos da seguridade do Estado, tratan de sementar o terror.

En minas e fábricas, con todo, en oficinas e centros de traballo, institutos e facultades, nos barrios obreiros, en asociacións de veciños, culturais e deportivas traballa e crece o Partido. O Partido, nomeado así, sen necesidade de máis referencias. O Partido Comunista de España, clandestino pero tan presente que calquera sabe de que se fala ao falar ou ouvir falar del, aínda sen que se diga o seu nome. Tras corenta anos de loita clandestina contra o franquismo, o sindicalismo de novo tipo que representan as Comisións Obreiras gaña forza e termínanse por asociar indisolubelmente as reivindicacións máis inmediatas coa caída da ditadura.

Unha desas frontes, un deses espazos nos que avanzaba a liberdade, eran, precisamente, os despachos de avogados laboralistas, nos que, como sucedía en Atocha 55, novos avogados comunistas —estreitamente vinculados a CCOO—, atendían a centos de traballadores que facían cola ás súas portas, asesoraban ao movemento sindical dos grandes centros de traballo, ao movemento veciñal que gañaba forza nos barrios populares, etc. E alí, nunha das maratonianas sesións de traballo nas que retorcían até o imposíbel o ordenamento xurídico franquista, facendo avanzar a loita sindical, social e política o máximo que eran capaces, foron covardemente asasinados cinco compañeiros.

O goberno de Adolfo Suárez teme unha reacción en cadea. Teme que, dunha ou outra forma, poida desatarse o que, como anunciara o Caudillo no seu discurso do Nadal de 1969, quedara “atado e ben atado”. Tratan de que o funeral se celebre na máis estrita intimidade, pero o Partido non acepta e sucede entón un deses feitos que só son posíbeis cando o vello e caduco non termina de morrer e o novo non termina de nacer. O Estado recoñece que non poderá garantir a seguridade no enterro e, entón, o Partido asume o mando e organiza o servizo de orde.

O funeral convértese nunha inmensa manifestación antifranquista na que máis de cen mil persoas berran contra o fascismo en silencio. Nunha serena exhibición de organización e disciplina, miles de militantes comunistas, aínda na ilegalidade pero arroupados por decenas de miles de traballadores de todo tipo e condición, despiden aos seus avogados, co puño no alto, entre unha infinidade de caraveis vermellos e rabia contida. Corenta anos despois, Madrid convertíase de novo en capital de loita, na capital do Non pasarán!

O 15 de marzo de 1977 detense aos asasinos, polo menos a parte deles. Comeza a instrución na Audiencia Nacional. Encárgase do asunto o maxistrado Rafael Gómez Chaporro, procedente do Tribunal de Orde Pública, encargado de axuizar o que o franquismo consideraba delitos políticos desde 1963 até ese mesmo mes de xaneiro de 1977. A cousa, como resultaba evidente, non podía terminar ben. Un dos asasinos foxe mentres se atopaba en prisión preventiva, aproveitando un permiso concedido polo citado xuíz en abril de 1979, por tanto, non chega a ser xulgado e, desde 1997, os cargos que se lle imputaban quedaron prescritos. Outro deles fuxiu a principios dos anos 90, aproveitando o réxime de liberdade condicional, para ser detido en Bolivia, en 1996, por tráfico de drogas.

Nunca se esclareceron completamente os feitos. O chamado Comando Hugo Sosa da Alianza Apostólica Anticomunista (Triple A) non podía actuar sen a complicidade e o soporte doutras instancias, pero os esforzos dos avogados da acusación atopáronse cun muro de silencio e con todas as trabas posíbeis. Con todo, en Italia, investigacións xudiciais relacionaron a matanza de Atocha coa coñecida como Operación Gladio, a rede clandestina que actuou contra o comunismo en Europa durante a Guerra Fría baixo dirección da OTAN e a CIA. Con todo, o Goberno do PSOE negou a extradición a Italia do terrorista que aparecía implicado nos feitos. Fontes xornalísticas sinalaron entón que Rafael Vera consideraba que o criminal italiano coñecía demasiado sobre os crimes cometidos polos GAL.

Pero, o importante aos corenta anos deste monstruoso crime, non son os asasinos, de cuxo nome non merece a pena sequera deixar constancia. O importante é reivindicar a quen representaron o mellor de toda unha xeración de loitadores antifascistas, que fixeron da súa vida exemplo de loita e deron voz, nas rúas e nos estrados, a aqueles aos que o poder lla negou. A quen representaban a loita que miles de homes e mulleres do noso país libraron durante corenta anos contra a ditadura fascista.

Algún día toda a verdade sairá á luz, por agora, nin as manipulacións nin o silencio cómplice de moitos logrou borrar os seus nomes da historia. O eco da súa voz, expresado no berro mudo que aínda retumba desde o seu enterro, segue alimentando a nosa conciencia e algún día terminará impoñéndose.


Foto: Funeral dos avogados de Atocha, Madrid, 26 de xaneiro de 1977, de A.G./Reuters.
Fonte: Drugstore
Traducido ao galego por: Comunistas da Galiza-PCPE