Loitemos polas pensións!


O velo da campaña propagandística que tenta de convencernos, día si e día tamén, do "éxito" das medidas gobernamentais para rematar co paro e a exclusión social, non é capaz de ocultar a crúa realidade:

A ditadura do capital non para de estreitar o lazo mortal que asfixia á clase obreira.

Unha das motivacións político-económicas profundas que impulsa e fai irrefreábel o noso empobrecemento como clase (a non ser que o deteñamos coa nosa propia loita) é o cumprimento sen fisuras dos obxectivos de déficit impostos pola Unión Europea.

De xeito moi especial, esta obediencia incondicional ás ríxidas directrices dos monopolios exprésase na contrarreforma das pensións, que di fundamentarse na suposta "insostibilidade" do sistema público das mesmas.

Como xa denunciaramos desde a Revista Forxa, a Unión Europea leva anos forzando a privatización do sistema de pensións, retirando subsidios de desemprego, impoñendo a xubilación anticipada, modificando a base de cotización, aumentando a idade de xubilación, alterando a fórmula de cálculo,  retirando o subsidio de paro a aquelas persoas cuxo cónxuxe cobre a “astronómica” suma de 980 euros.

Paralelamente é un feito a existencia de milleiros de familias que, carecendo dun posto de traballo, mesmo dun teito, dependen dos seus maiores.

Certo é que vimos dunha tempada longa de perda de dereitos. Pero é ben difícil, por non dicir imposíbel, afacerse a esta realidade.

Ben sabemos que, posto que estas medidas proveñen do mandado da Unión Europea, ningún cambio de goberno encabezado polos partidos que lle fan as beiras á UE -mesmo os que gardan un silencio covarde fronte á súa brutalidade antiobreira-, vai remediar esta situación.

Os e as comunistas promovemos e apoiamos no seo dos sindicatos de clase a convocatoria de todo tipo de accións, coa vista inevitabelmente posta na folga xeral, xa que a agresión afecta absolutamente todos os sectores da produción.

É vital secundar as accións sindicais que confrontan coas consecuencias da nosa actual situación, sen esquecer a súa orixe. A loita pola saída da UE é imprescindíbel e urxente. A loita polo socialismo é o único antídoto contra o ascenso -a costa das masas desorientadas e sen esperanza- do fascismo.