[8M] Contra toda explotación a tarefa é a Revolución!



Compartimos o comunicado da FSM sobre o Día Internacional da Muller Traballadora
(8 de Marzo do 2017)

Baixo a lema:
“MULLER TRABALLADORA SEMPRE EN PRIMEIRA LIÑA
DAS LOITAS SOCIAIS E DA VIDA E ACCIÓN DA FSM”

A Federación Sindical Mundial por un ano máis honra o aniversario do 8 de marzo 2017, 160 anos despois do levantamento das obreiras en Nova York, esixindo mellores condicións de traballo, igualdade e unha vida con dereitos.


Enviamos os nosos máis calorosos saúdos a todas as mulleres sindicalistas que seguen a loita destas mulleres pioneiras, dentro do seo do movemento sindical clasista e da FSM, e felicitámolas pola súa audacia e a súa acción militante. Saudamos ás mulleres traballadoras en todo o mundo, ás mulleres dos estratos populares pobres, esforzándose cada día por sobrevivir e soster ás súas familias. Saudamos ás mulleres inmigrantes e refuxiadas, que deixaron os seus países debido ás guerras imperialistas.

Dende a súa fundación até hoxe, a FSM apoiou firmemente á muller traballadora mediante varias actividades e iniciativas. Sempre subliñou os problemas específicos cos que están enfrontadas as mulleres, como un grupo social máis afectado pola agresión do sistema capitalista, explotación, intervencións imperialistas. Tales problemas son a falta do necesario apoio social pola maternidade, os salarios máis baixos, as formas de emprego máis flexíbeis, as discriminacións no mercado laboral e a falta do lecer que xeralmente impide a participación nas actividades sindicais. Ademais, a miúdo a muller traballadora é vítima de violencia patronal e de presións racistas. As mulleres inmigrantes e as refuxiadas sofren varias presións e discriminacións que ocorren na súa contra.

A situación e posición da muller traballadora empeora aínda máis na recesión e crise económica que están a sufrir os traballadores nos últimos anos case en todo o mundo. A maioría das veces, a muller traballadora padece máis fortemente o desemprego, os recortes salariais e a violación dos seus dereitos fundamentais.

Con ocasión do Día Internacional da Muller Traballadora, reiteramos unha vez máis a nosa firme solidariedade coa muller de Palestina, de Siria, de Iraq, de Afganistán e de todo o mundo árabe, onde queira que sufran as intervencións dos EEUU e de Israel.

Queridas compañeiras e compañeiros,

Como movemento sindical clasista, tomemos iniciativas para incrementar o número e a porcentaxe de mulleres dentro das administracións dos sindicatos a todos os niveis. Con audacia e plan concreto, confiemos nas mulleres sindicalistas. A participación das mulleres e da mocidade traballadora darán un novo impulso á FSM e aos sindicatos militantes.

Chamamos a todos os sindicatos membros e amigos da FSM a honrar o Día Internacional da Muller Traballadora, a través de varias actividades e eventos, que demostrarán a necesidade por unha maior defensa dos dereitos das mulleres traballadoras e por unha reivindicación máis eficaz de medidas que mellorarán as súas condicións de vida e de traballo.

Fonte: FSM
Traducido ao galego por Comunistas da Galiza-PCPE