[9M] A clase traballadora e o estudantado, unidos pola folga xeral educativa.

A Plataforma Estatal pola Escola Pública convocou, para o día 9 de Marzo, unha Folga Xeral Educativa ante o acordo do Consello de Ministros polo que o Goberno acudirá ao Tribunal Constitucional para tentar anular o acordo do Congreso sobre a paralización da LOMCE.



Esta nova demostración do goberno do Partido Popular de manter a liña de privatización da educación pública e de expulsión dos fillos e fillas da clase obreira dos estudos superiores, esixe indubidabelmente dunha resposta popular a través da mobilización e a organización. Non se celebraba unha Folga Xeral de toda a comunidade educativa desde o 2013, e por iso ante este escenario histórico os comunistas chamamos á participación activa de todos os sectores implicados (profesorado, familias, estudiantado, traballadores/as de administración e servizos…), e chamamos á súa vez ao resto da clase obreira e dos sectores populares a apoiar masivamente a loita da comunidade educativa.

Chamamos aos e as traballadoras do sector do ensino porque non queremos máis reducións de persoal, non queremos máis aumentos dos horarios, non queremos conxelación salarial, non queremos recortes na democracia interna dos centros, non queremos a penalización económica das baixas laborais, non queremos máis contratos temporais e precarios -caso dos interinos-, nin queremos subcontratas privadas na xestión dos servizos dos centros educativos.

Chamamos ao estudiantado porque non queremos máis aulas masificadas, non queremos semanas sen profesores porque non hai substituto, non queremos centros sen calefacción, non queremos gastar cada vez máis diñeiro en materiais que deberían estar cubertos polo Estado, non queremos recortes en bolsas, non queremos máis segregación, non queremos máis prácticas sen remuneración algunha, non queremos a eliminación de modalidades de bacharelato, nin queremos ver como día a día se deteriora a educación pública e favorécese a educación privada.

Chamamos a nais e pais, porque non queremos ver como os servizos de comedores empeoran notabelmente coa súa xestión privada, non queremos a redución de actividades extraescolares, non queremos perder capacidade de decisión nos centros, nin queremos máis peches de centros en zonas menos poboadas coas dificultades que iso leva.

Porque todos e todas rexeitamos a deterioración da educación pública, o empeoramento das condicións laborais e de estudo e as dificultades que isto está a causar nas familias traballadoras, é imprescindibel que o pobo traballador participe masivamente nesta convocatoria. É necesario, á súa vez, que sinalemos directamente á raíz do problema, que non está exclusivamente na LOMCE ou no PP, pois a primeira non é máis que un paso máis dun plan de privatización marcado dende hai anos pola UE e cumprido con gusto polos diversos gobernos en España, e o segundo non é máis que o xestor e executor dos mandatos da mesma Unión Europea e da oligarquía. É necesario que sinalemos ao capitalismo como sistema socioeconómico que imposibilita a realización dunha educación realmente pública.

Os e as comunistas chamamos a loitar por unha verdadeira educación pública, por unha educación construída por e para a clase traballadora, fóra da UE, afastada dos intereses políticos e económicos dos gobernos capitalistas de quenda e as grandes empresas, cuxo fin non sexa o enriquecemento económico, senón o enriquecemento social e cultural. En definitiva: loitemos por unha educación ao servizo da clase obreira.

O 9 de marzo, contra a privatización da UE
Pola educación ao servizo da clase obreira!


Fonte: CJC
Tradución a galego e cartel por Comunistas da Galiza-PCPE