Chamamento do CC do PCPE para o 1º de Maio.

Obreiros e obreiras, traballadoras e traballadores autónomos, parados e paradas, traballadores e traballadoras do campo, pensionistas, mulleres e mozas do pobo traballador:

O Comité Central do Partido Comunista dos Pobos de España quere compartir convosco as súas reflexións ante a proximidade do 1º de Maio, día intencional da clase obreira.


Loitemos contra as políticas do Goberno capitalista.

Durante a última década os capitalistas e os seus gobernos dirixiron un duro ataque contra a clase obreira e contra os traballadores e traballadoras en xeral. Mentres a riqueza producida co noso traballo concéntrase cada vez en menos mans, as maiorías traballadoras están sendo duramente golpeadas: despedimentos, redución salarial, precariedade na contratación, impago de horas extraordinarias, sinistralidade laboral, etc.

A crise capitalista descargou sobre os ombreiros da clase obreira. Están arrasando os nosos dereitos laborais e sociais. O dereito á educación e a unha sanidade, pública e de calidade, ou o dereito á xubilación e a unha pensión digna, corren un serio risco.

Os capitalistas tratan de aumentar os seus beneficios a costa de incrementar a nosa explotación. Por iso cada vez son máis os sectores nos que se pagan salarios de miseria que nen sequera permiten chegar a fin de mes, por iso ao noso arredor crece a pobreza, a marxinalidade e a exclusión social, con todos os problemas asociados que conlevan.

A propaganda do Goberno do Partido Popular preténdenos convencer de que o peor xa pasou e de que nos achegamos a unha etapa máis próspera. Menten conscentemente. A súa política diríxese a configurar un novo escenario no que poidan extraer da clase obreira a máxima plusvalía, e para iso necesitan terminar cos nosos dereitos e desactivar a nosa loita.

O movemento obreiro e sindical debe confrontar abertamente co Goberno capitalista, non cabe realizar nin a máis mínima concesión. Hai que loitar para derrotar a súa política reaccionaria e para recuperar os dereitos perdidos. É necesario iniciar un novo ciclo de loitas obreiras, unha nova etapa á ofensiva.

Ningunha confianza nas forzas da socialdemocracia.

Debemos aprender do sucedido durante os últimos anos, nos que amplos sectores da clase obreira e do pobo depositaron a súa confianza nas forzas da vella e a nova socialdemocracia. As importantes loitas obreiras e populares libradas dende o estourido da crise entraron en dique seco. Debilitouse a confianza na nosa forza e todas as esperanzas foron depositadas nun cambio na correlación de forzas no parlamento burgués.

Ningunha forza socialdemócrata, chámese PSOE ou Podemos, vai solucionar os nosos problemas. Vimos como, unhas eleccións tras outras, e malia chegar ao Parlamento novas forzas políticas que prometían reverter as políticas do Goberno, as nosas condicións de vida e traballo non fixeron outra cousa que empeorar. Pretenden enganar á clase obreira, reducir a nosa loita a unha loita electoral. En Grecia comprobouse que, quen en nome da nova socialdemocracia representada polo Goberno de Syriza, prometían un futuro próspero e de xustiza social para o pobo, traizoaron aos traballadores e aplican con man de ferro as mesmas políticas capitalistas que dicían combater.

A clase obreira só pode contar coas súas propias forzas, coa súa organización, coa súa capacidade de loita. Debemos establecer unha alianza social con todos aqueles sectores sociais enfrontados, dunha ou doutra forma ao poder do capital; tecer unha fronte obreira e popular que partindo da defensa dos nosos intereses inmediatos (traballo, salarios dignos, dereitos laborais e sociais, vivenda, etc.) se conforme nunha forza social capaz de contrapoñer ao capitalismo un modelo de sociedade radicalmente distinto, unha sociedade na que o poder estea en mans de quen todo o produce, libre de explotación capitalista e de calquera forma de opresión, unha sociedade socialista-comunista.

Intensifiquemos a loita en todas as frontes.

Só así se verán recoñecidos os nosos dereitos, só así mellorarán sustancialmente as nosas condicións de vida e traballo. Para iso é imprescindíbel que incrementemos a loita en todas as frontes, comezando pola loita obreira, sen a que toda reivindicación social está condenada á derrota.

O Partido Comunista chama á clase obreira a organizarse, a afiliarse masivamente aos sindicatos, aos que o poder dos empresarios e o seu Goberno levan anos colocando no punto de mira, ameazando ata con cárcere a sindicalistas. Se os sindicatos seguen debilitándose, continuarán debilitándose os nosos dereitos laborais e sociais. O Partido Comunista chama aos e ás sindicalistas a defender no seo dos sindicatos unha posición clasista e combativa, que asente a organización sindical nos centros de traballo, que organice á clase obreira para a loita e incremente a participación e a unidade da clase obreira a través das asembleas de traballadores; un movemento sindical enfrontado aos capitalistas e ao capitalismo.

É necesario que o movemento sindical confronte decididamente coa explotación, é imprescindíbel que derrotemos as sucesivas reformas laborais (tanto as aprobadas polo PSOE como polo PP) e abramos unha nova etapa, á ofensiva, na que avancemos nas nosas reivindicacións.

Xunto á loita no centro de traballo e nos sectores produtivos, debemos implicarnos con decisión en todas as cuestións que afectan ás condicións de vida do noso pobo. Habemos de defender os máis básicos dereitos á liberdade de expresión e opinión. A loita nos terreos da educación, a sanidade e os dereitos de seguridade social (réxime de xubilación, réxime de incapacidades, dereito ás prestaciones de desemprego, etc.), serán importantes campos de batalla no próximo periodo... Os capitalistas necesitan novos sectores económicos nos que obter beneficios e o Goberno capitalista non está dubidando en aprobar as políticas privatizadoras que o permitan.

A clase obreira debe prestar especial atención á agresividade capitalista contra as mulleres traballadoras. Vivimos unha vaga reaccionaria que trata de crebar os dereitos alcanzados durante máis dun século de loitas. As traballadoras, xunto aos seus compañeiros de clase, tamén debemos pasar á ofensiva. Nós padecemos como ninguén a intensificación da explotación capitalista e da opresión social. Debemos repeler a ofensiva reaccionaria, debemos loitar como ninguén polo noso dereito ao traballo en igualdade de condicións, polos dereitos laborais e sociais. A clase obreira non debe consentir nin un momento máis a violencia machista que anualmente masacra e asasina por centos ás mulleres no noso país. Aspiramos a unha sociedade de persoas libres e iguais en dereitos e na vida, unha sociedade incompatíbel con toda forma de opresión.

A mocidade obreira e o estudiantado tamén deben cumprir un importante papel no próximo periodo. Do mesmo xeito que as mulleres obreiras, a mocidade padece con especial intensidade a explotación. A eles e elas resérvanselles os traballos máis precarios, con menos dereitos e peor remunerados. Condenan á nosa mocidade á emigración económica, ao desarraigamento, e, no peor dos casos á exclusión e a marxinalidade. Sobre a mocidade técese toda unha rede de alienación e embrutecemiento dirixida a evitar a súa incorporación á loita social.

O estudiantado, unido aos traballadores e traballadoras do ensino, deu importantes pasos ao longo do último curso. As folgas no sector educativo marcan o inicio dun novo ciclo reivindicativo e demostran que só a través da loita se logra facer retroceder ao Goberno.

Loitemos contra a guerra imperialista.

O capitalismo dos nosos días, o imperialismo, vólvese cada día máis reaccionario. Por todas partes increméntase a violencia e a represión. E o máximo grao de violencia é a guerra imperialista que están estendendo por todo o planeta. A historia demostrou que non é posíbel terminar coa guerra sen derrotar ao sistema que a xera: o imperialismo.

As diferentes potencias capitalistas estanse rearmando, estanse preparando para unha gran confrontación mundial. Fronte aos plans de destrución e rapina dos capitalistas de todos os países, a clase obreira mundial debe dar unha resposta unida; debemos loitar contra toda expresión de racismo e xenofobia, de todo intento de utilizar a situación dos refuxiados, por parte dos gobernos e as organizacións de extrema dereita, para afondar na división da clase obreira. Hoxe cobra máis sentido que nunca o lema proclamado polos fundadores do comunismo: Proletarios de todos os países, unídevos!

Os últimos ataques criminais contra o pobo sirio partiron da base estadounidense de Rota. A nosa soberanía viólase utilizando o noso país como base para todo tipo de agresións imperialistas contra outros pobos do mundo, contra os nosos irmáns de clase. Hai que dicir basta, hai que loitar para terminar definitivamente coas bases militares no noso país, debemos loitar decididamente para a ruptura coa OTAN e coa Unión Europea do capital e a guerra, a única posible no capitalismo. Nin terra, nin mar, nin aire para os plans de agresión imperialista.

Pasemos ao contraataque!

Este ano a clase obreira internacional conmemora o centenario da Gran Revolución Socialista de Outubro de 1917. Hai cen anos a clase obreira rusa tomaba o ceo por asalto e, por primeira vez na historia, o proletariado creaba o primeiro Estado Socialista. Durante décadas demostrouse a superioridade do socialismo-comunismo: conquistáronse dereitos políticos, laborais e sociais impensábeis ata ese momento; desenvolvéronse todos os campos científicos e culturais e puxéronse ao servizo do pobo; sentáronse as bases para a emancipación das mulleres; derrotouse ao nazi-fascismo e destruíuse o sistema colonial; a Unión Soviética apoiou solidariamente a loita dos pobos e da clase obreira de todos os países, sentando as bases para a conquista dos importantes dereitos laborais, sociais, sindicais e políticos que hoxe nos son arrebatados.

Hai un século que se rompeu o xeo, que se mostrou o camiño a seguir. Non hai futuro algún para a clase obreira no capitalismo, a loita hoxe céntrase en repeler a agresión capitalista e en preparar as condicións que nos conduzan ao poder obreiro e popular: a unha República Socialista, baseada nunha unión libre de pobos libres, na que o poder estea en mans de quen todo o produce e a quen todo debe pertencer, un país para a clase obreira.

O Partido Comunista dos Pobos de España fai os seguintes chamamentos á nosa clase obreira neste 1º de Maio:

  • A intensificar a loita en todas as frontes para derrotar ao Goberno capitalista.
  • A non depositar confianza algunha nas forzas socialdemócratas e a quen promete un futuro mellor no capitalismo.
  • A fortalecer as organizacións sindicais e a organización popular.
  • A fortalecer co seu apoio ao Partido Comunista dos Pobos de España e aos Colectivos de Mozos Comunistas. 
Nin terra, nin mar, nin aire para os imperialistas!
Por un país para a clase obreira!
Proletarios de todos os países, unídevos!


Declaración aprobada polo V Pleno do Comité Central do Partido Comunista dos Pobos de España, 22 de abril de 2017.

Fonte: PCPE
Traducido ao galego por Comunistas da Galiza-PCPE