O sexenio de Peña Nieto é de fame e miseria, de terrorismo de Estado e violación dos dereitos humanos, de sobreexplotación laboral e de gran corrupción.
Aumenta a represión contra os traballadores; aumentan os orzamentos públicos destinados a fortalecer os diversos instrumentos represivos –Exército, Mariña, Policía Federal, Xendarmería, Policías Estatais, Policías Municipais e grupos paramilitares-, así como a infraestrutura xudicial e carceraria. Aumentan os presos, os desaparecidos, os mortos. Ríos de sangue e fosas por todas as partes son provocados pola plutocracia que encabeza as listas de Forbes.
Efectuáronse nestes anos, desde o Goberno Federal, o Poder
Lexislativo e a Suprema Corte, unha serie de modificacións constitucionais e
regulamentarias que van na dirección de limitar o accionar político dos
traballadores e sectores populares organizados, ante o previsíbel incremento
das súas respostas ás medidas de choque enfocadas a desvalorizar o traballo que
se aprobaron en anos recentes no contexto da crise económica do capitalismo.
Reforma laboral, reforma educativa, reforma xudicial, reforma fiscal, conforman
en esencia un ataque aos dereitos laborais e sindicais conquistados nos últimos
100 anos pola loita proletaria, coa fundamental intervención dos
revolucionarios e os comunistas; significaron tamén, unha política económica
orientada a conservar e aumentar as ganancias, os beneficios dos monopolios, á
conta da pulverización do nivel de vida dos traballadores, da pauperización da
clase obreira e as súas familias.
Cun desemprego crecente, coa miseria alcanzando aos traballadores e as súas
familias, cun sistema educativo e de saúde no abandono, con deterioradas
condicións de traballo que propician os crimes industriais, cos despedimentos
masivos no sector público e privado, é de esperar a mobilización, paro e folga
dos traballadores das distintas ramas e sectores da industria e os servizos,
así como mobilizacións e loitas que haberán de adquirir formas novas, en
contido e radicalidade, para confrontar efectivamente ao poder dos monopolios.
Por iso, ademais do reforzamento do aparello represivo hai un endurecemento
dos secretarios de Estado e os distintos funcionarios que substitúen as
manobras e enganosas negociacións con ameazas de despedimento e cárcere coas
que buscan prohibir a loita de clases. Exemplo destes cans-policías, son
Aurelio Nuño, Secretario de Educación Pública, Rafael Moreno Valle, Gobernador
de Puebla, Miguel Angel Mancera, Xefe de Goberno da Cidade de México e Ricardo
Monreal, Xefe Delegacional en Cuauhtémoc. Se un é do PRI, outro do PAN, o outro
do PRD e o último de MORENA, iso non ten importancia, pois todos defenden a
sangue e lume a conservación da orde, o Estado de dereito, esa envoltura de
legalidade para un réxime criminal sustentado na explotación, o refugallo, en
chupar o sangue de millóns de proletarios día a día.
Xornalistas e traballadores da comunicación son asasinados con total
impunidade por sicarios ao servizo do Estado para impedir a difusión da verdade
e para que as únicas noticias que circulen se convertan nunha muralla que
invisibilice a realidade. Bandas do narcotráfico entrelazadas co goberno
executan a loitadores populares. Os mecanismos represivos son orientados a
inmobilizar e desmobilizar, sementando o medo e a desesperanza. O mesmo
detense, desaparece, asasina, a sindicalistas que a comunistas, a mulleres ou
homes, novos ou nenos. Non detén o terrorismo de Estado ningunha normatividade
internacional, nin a observación nacional ou internacional de dereitos humanos.
A represión é o mesmo exercida polas administracións do PRI, que polas
emanadas do PAN, PRD, MORENA, PVEM, PT e calquera outro partido rexistrado. A
pesar das súas diferenzas, en interese supremo do Estado –a defensa da
propiedade privada, a explotación do traballo asalariado, a extracción da
plusvalía- únense, coordínanse, protéxense. A aplicación do Estado de dereito é
o común programático de todos eles. Nesa mesma dirección amplíase a
participación das candidaturas “independentes” como vehículo no que poidan
atopar representación política directa os encargados do tráfico de drogas,
ademais dos propios partidos rexistrados no INE, que son maquinarias de lavado
dos diñeiros quentes. A nova socialdemocracia é tamén promocionada,
como barreira de contención das loitas dos sectores populares, e chama a
atención a específica política de alianzas de MORENA para gañar ao equipo de
dirección maxisterial para o voto no seu favor, desviando a loita e sementando
a desconfianza no potencial da actividade política extraparlamentaria e fóra
dos carrís da institucionalidade.
A represión debe ser confrontada na súa orixe, como unha das columnas que
sosteñen á clase dominante e o seu sistema social de explotación e opresión, é
dicir, cun enfoque anticapitalista e antimonopolista.
As represións nos últimos días contra os traballadores da educación,
incluída a súa expulsión da Cidade de México, violatoria das garantías
individuais, provoca algunhas lecturas equivocadas sobre o carácter do Estado:
novamente xorde a errónea apreciación de considerar fascismo calquera
manifestación de violencia e represión.
É conveniente sinalar que na Praza de Santa Domingo, compartindo a loita e
os riscos, xunto aos traballadores da educación se atopaba un continxente de
militantes e cadros do Partido Comunista de México e da Federación de Jóvenes
Comunistas, e a pesar de sufrir en carne propia as arbitrariedades e a
represión, a pesar de que cinco camaradas do PCM foron asasinados no que vai do
sexenio de Peña Nieto, de que varios dos nosos camaradas atópanse no cárcere,
de que continúa desaparecido en Tamaulipas o camarada Enrique López, membro do
Comité Central do PCM, de que a diario enfrontamos a persecución e o acoso, non
imos incorrer no erro de facer avaliacións desproporcionadas, pois para que a
loita sexa eficiente, acertada, conducida cunha estratexia e táctica correcta,
a análise debe axustarse á realidade, sen esaxeracións nin tremendismos, como
adoitan facelo forzas de “esquerda” carentes de seriedade e que se guían pola
especulación e a falsa alarma.
Grupos e organizacións populistas, confusos ideoloxicamente, levan anos
sinalando que o fascismo vén, que o fascismo xa chegou, que o fascismo xa está
aquí. Coa mesma falta de seriedade que chaman folga xeral a calquera
mobilización e sen esforzarse minimamente por procurar a paralización da
produción, o que significa un esforzo organizativo en cada centro de traballo.
A banalización da caracterización, a trivialización do discurso político
conduce a loita de erro en erro, de derrota en derrota. Os comunistas sabemos
moi ben o que o fascismo é e significa, máis tamén o que é o socialfascismo.
Non foi sinxelo caracterizalo, atopar os trazos que o distinguen e que o
diferencian doutras formas da xestión burguesa, foron anos, case unha década de
debate na Internacional Comunista para chegar á conclusión que expresou o seu
VII Congreso.
A ditadura de clase da burguesía en México procura aínda manter a fachada
democrática pois sabe que así a súa rendibilidade será maior; sabe que aínda
pode acudir ao sistema xurídico en vigor para así garantir estabilidade ao modo
de produción capitalista, para manter intacta a organización económica, política
e social que tantos beneficios xera ao poder dos monopolios. Esa fachada
democrática lexitima o terror, a tortura, o escurantismo, o anticomunismo, sen
necesidade de diluír a institucionalidade democrático-burguesa. Autoritarismo e
democracia burguesa van da man.
Quen insiste en caracterizar inapropiadamente como fascista ao goberno
mexicano está a buscar unha coartada para que todos encartemos as nosas
bandeiras e obxectivos en favor da nova socialdemocracia, e que dunha ou outra
maneira concentremos forzas en reforzo da democracia burguesa, atenuando
expresións radicais de antagonismo coa ilusión de resolver electoralmente os
graves problemas, de que posterguemos as manifestacións de poder popular para
preservar a institucionalidade.
Desde o Partido Comunista de México chamamos á loita franca e aberta contra
o poder dos monopolios. Confiamos na potencialidade dos traballadores
mexicanos, na súa capacidade de organización e combate, no poder das masas
explotadas e oprimidas, como demostrou en Atenco, en Oaxaca durante a APPO, en
Chiapas nas escaramuzas recentes do maxisterio contra as forzas federais.
A táctica utilizada polas forzas oportunistas de
mobilización-negociación-mobilización é cousa do pasado. Os traballadores
debemos loitar por conformar a nosa unidade nunha fronte antimonopolista,
anticapitalista e antiimperialista co obxectivo programático de derrocar o
poder dos monopolios. Esa é a tarefa.
Proletarios de todos os países, unídevos!
Fonte: O Buró Político do Comité Central do PCM
Traducido ao galego por Comunistas da Galiza-PCPE