Crítica sobre concepcións oportunistas actuais respecto o Estado.

Contribución da Sección de Relacións Internacionais do Comité Central do KKE na XI Conferencia Anual Internacional
“V.I.Lenin, a Revolución de Outubro e o mundo contemporáneo”
A importancia e a vixencia da obra de Lenin sobre o Estado.

Hai 100 anos, poucos meses antes da Gran Revolución Socialista de Outubro, en condicións políticas particularmente difíciles e complexas, V.I.Lenin escribiu unha obra fundamental, “O Estado e a Revolución”, que foi publicada por primeira vez despois da Revolución de Outubro, en 1918.
Nesta obra, Lenin destaca a esencia e analiza a natureza clasista do Estado: “O Estado é produto e manifestación do carácter irreconciliábel das contradicións de clase. O Estado xorde no sitio, no momento e no grao en que as contradicións de clase non poden, obxectivamente, conciliarse. E viceversa: a existencia do Estado demostra que as contradicións de clase son irreconciliábeis.”[1]

Lenin na súa obra establece a necesidade e a vixencia da revolución socialista e do Estado obreiro.

Baseouse nas concepcións de K.Marx e F.Engels respecto a cuestión do Estado, expostas en varias obras como o “Manifesto do Partido Comunista”, o “18º Brumario de Luís Bonaparte”, “A guerra civil en Francia”, “Crítica do programa de Gotha”, a carta de Engels a Bebel de 18-28 de marzo de 1875, a introdución de Engels na terceira edición da obra de Marx “A guerra civil en Francia” etc., respecto a ditadura do proletariado. As conclusións de Marx e Engels do estudo e da xeralización da experiencia e dos ensinos das revolucións foi que a clase obreira pode conquistar o poder político e establecer a ditadura do proletariado só a través da revolución socialista, en cuxo curso se destrúe a máquina estatal burguesa e créase un novo aparello estatal. Así, podemos dicir característicamente que Marx na súa obra “Crítica do Programa de Gotha” sinalou que: “Entre a sociedade capitalista e a sociedade comunista media o período da transformación revolucionaria da primeira na segunda. A este período corresponde tamén un período político de transición, cuxo Estado non pode ser outro que a ditadura revolucionaria do proletariado.”[2]

Lenin demostrou a importancia fundamental deste asunto para os que se dan conta da existencia e do papel decisivo da loita de clases no progreso social, destacando que “…merece especial atención a observación extraordinariamente profunda de Marx de que a destrución da máquina burocrático-militar do Estado é “condición previa de toda revolución verdadeiramente popular”[3] e subliñando que “marxista só é el que fai extensivo o recoñecemento da loita de clases ao recoñecemento da ditadura do proletariado”[4].

Ademais, Lenin tratou de describir as características da formación socio-política comunista, os aspectos básicos do Estado socialista, mentres que exerceu unha crítica severa ao redor de cuestións en relación co Estado tanto ás concepcións oportunistas da dereita, como ás anarquistas.
Por suposto, esta obra de Lenin, así como toda a súa colección titánica de obras, non se pode abordar separadamente senón en conexión con outras obras por exemplo “A revolución proletaria e o renegado Kautsky”, e sempre en vinculación dialéctica cos acontecementos históricos. En todo caso, a aproximación leninista do Estado é un enorme legado para o movemento comunista internacional, que debe ser utilizado de maneira adecuada para confrontar as concepcións socialdemócratas e oportunistas sobre o Estado, que penetraron e seguen penetrando no movemento comunista internacional. O obxectivo desta contribución non é presentar as posicións leninistas ou expor citas apropiadas de Lenin, senón responder as concepcións oportunistas contemporáneas a través da concepción marxista-leninista do Estado. Aínda máis hoxe, cando moitos das cuestións que Lenin debateu na súa época, xurdiron de novo con novas ou vellas formas.

Concepción aclasista “neutra” do Estado.

Unha “ferramenta” básica para que se debiliten aínda máis as características comunistas dos partidos comunistas e obreiros son actualmente as forzas do oportunismo europeo. Trátase de forzas que funcionan como vehículos da ideoloxía burguesa no movemento obreiro. En Europa estableceron o seu propio “centro” ideolóxico, político e organizativo, o “Partido da Esquerda Europea” (PEE – PIE en castelán-), en que se incorporaron algúns partidos comunistas, que previamente estaban profundamente influenciados polas ideas do eurocomunismo, como os partidos comunistas de Francia e de España. De Grecia participa SYRIZA que ten nas súas filas forzas que se separaron do KKE en 1968 influídas polo eurocomunismo, e en 1991, baixo a influencia do “Novo Pensamento” de Gorbachov, e a continuación xuntáronse con forzas do PASOK socialdemócrata.

Estas forzas afirman que: “O Estado, con todo, non é unha fortaleza, senón unha rede, unha relación e un campo estratéxico da loita política. Non cambia dun día a outro, senón máis ben a súa transformación imperativa presupón loitas continuas e constantes, implicación do pobo, democratización continua.”[5]

Como se desprende diso, o Estado burgués para estas forzas políticas non se considera pola súa propia natureza como un órgano de dominio da burguesía, senón un conxunto de institucións que se poden transformar en dirección favorable ao pobo. En base a este punto de vista arguméntase que o carácter das institucións do Estado burgués, o Estado burgués no seu conxunto, pódese configurar “adecuadamente”, a condición de que predominen os “gobernos de esquerda”.

Trátase dun punto de vista claramente enganoso, porque practicamente separa o Estado da súa base económica, das relacións económicas dominantes. Crea falsas ilusións aos traballadores de que o papel do Estado burgués e das súas institucións (por exemplo parlamento, goberno, exército, policía) depende de que forza política (de “esquerda” ou de “dereita”) é dominante neles.

Percepcións perigosas similares están a fomentarse hoxe en varios países de América Latina polo chamado “progresismo”, os diversos gobernos “progresistas” e de “esquerda” que despois da súa vitoria electoral pretenden fomentar ilusións de que o sistema pode cambiar a través das eleccións burguesas e plebiscitos.

En realidade, con todo, non existe ningunha suposta “neutralidade” clasista do Estado burgués e das súas institucións. O marxismo-leninismo demostrou que o Estado ten un contido claramente clasista e non pode ser utilizado a favor da clase obreira e do cambio social a través de procesos electorais e solucións gobernamentais burguesas.

Respecto a concepción do “Estado profundo”.

Ao acadar SYRIZA o goberno en Grecia fixo que varias forzas oportunistas en todo o mundo se alegraran. De feito, a súa cooperación co partido nacionalista ANEL no goberno foi interpretada por algúns[6] como un esforzo de “controlar” o “Estado profundo” de Grecia a través desta alianza política gobernamental. Respectivamente, as declaracións de A.Tsipras de que Grecia “pertence ao Occidente” e que non hai cuestión de retirada da OTAN, foron presentadas, mesmo antes das eleccións, como un manexo “intelixente”[7].

Pero a que serve esta “concepción fragmentada” do Estado burgués? É certo que no aparello estatal do Estado burgués existen estruturas con diferentes funcións e tarefas; isto, con todo, non xustifica a división do Estado en sección máis “dura” e sección máis “branda”. Así, por exemplo, os municipios, os servizos municipais son tamén parte integral da administración burguesa, a administración local, é responsábel de aplicar o marco lexislativo reaccionario e antipopular aprobado polo goberno burgués e a maioría parlamentaria. Os comunistas no noso país son activos na Administración Local, pretenden lograr a maioría nos municipios e lográrono en cinco municipios do país, entre eles na terceira cidade máis grande do país, Patras; con todo, non fomentan ás traballadores ilusións achega do carácter desta sección do Estado burgués. Pretenden, sexa da oposición, sexa da administración municipal, utilizar as súas posicións para desenvolver a loita de clases e non para “sanear” o capitalismo, é dicir o que sosteñen SYRIZA e outras forzas oportunistas.

A estas forzas oportunistas convenlles unha “separación en seccións” do Estado burgués. En primeiro lugar, porque deste xeito encóbrese o feito de que o aparello estatal, a pesar das funcións secundarias das diferentes seccións, está ao servizo da burguesía. En segundo lugar, porque así sementan entre os traballadores a ilusión de que gradualmente, empezando pola “periferia” do Estado burgués e dirixíndose cara ao “centro”, cara ao seu “interior”, podémolo “sanear”, transformalo nun Estado a favor do pobo.

Percepcións utópicas similares están fomentadas por forzas oportunistas mesmo respecto as unións capitalistas interestatais, como é a Unión Europea imperialista. Están a propagar que a realización de referendos ou o xurdimento de gobernos de esquerdas e socialdemócratas, supostamente crearase “unha estrutura democrática para o continente” con “respecto aos dereitos democráticos, soberanos dos pobos”[8]. En realidade, estes argumentos deliberadamente evitan o carácter clasista desta unión interestatal, que xorde do carácter clasista dos Estados burgueses que a constitúen e que desde a súa fundación, como “Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro” en 1952, serviu os intereses do capital.

 A expansión da democracia no Estado burgués como “un paso” cara ao socialismo.

Lenin enfrontouse ferozmente aos que, como Bernstein, argumentaban que é posíbel reformar o capitalismo, que é posíbel a transformación reformista gradual da sociedade. Posteriormente, en Europa tiveron un gran desenvolvemento os puntos de vista do eurocomunismo, que en esencia argumentaban que os comunistas mediante a vía parlamentaria e a ampliación da democracia poden transformar o Estado burgués a favor do pobo.

O KKE que combateu estes puntos de vista, estimou que avaliacións similares do PCUS que prevaleceron no movemento comunista despois do XX Congreso do PCUS e falaban de “transición parlamentaria”[9] fixeron un gran dano ao movemento comunista internacional. Por tanto, podemos considerar que os aspectos desenvolvidos nesta base, apoiando a abolición de principios básicos da revolución e da construción socialista, por exemplo respecto a “diversidade de formas de transición” ou da chamada “vía non capitalista de desenvolvemento” etc., son problemáticos.

O KKE sacou conclusións e rexeitou as “etapas cara ao socialismo”, que foron atormentando ao movemento comunista internacional até hoxe en día, posto que por unha banda a través das ”etapas” negan o papel do partido comunista, como forza de derrocamento do capitalismo, no nome das tarefas “candentes” no marco do sistema (por exemplo, restauración da democracia burguesa en caso de ditadura), e por outra banda fomentan ilusións acerca dunha “transición parlamentaria” ao socialismo.
O KKE estuda a súa historia, saca conclusións valiosas das loitas heroicas dos comunistas das últimas décadas. No Comunicado recente do Comité Central do KKE para o 50 aniversario da ditadura en Grecia, destácase entre outras cousas: “O KKE e o movemento obreiro e popular traballan e loitan para actuar nas mellores condicións posíbeis, o que facilita a súa loita e amplía en xeral o marco de intervención contra o capital e o seu poder. Loitan por liberdades e dereitos, para que non se obstaculice a súa actividade, para inhibir, na medida do posible, a represión estatal”[10]. Con todo, o noso Partido, ao estudar a historia, avalía que: “A ditadura proporciona unha nova experiencia respecto o carácter infundado da avaliación que mantiña o Movemento Comunista Internacional e o KKE, de que o camiño da loita para unha democracia burguesa avanzada é o terreo apropiado para concentrar forzas e achegarse ao proceso revolucionario, de que a loita pola democracia está dialecticamente ligada coa loita polo socialismo. Esta avaliación impediu que a xunta militar xurdise como unha forma de ditadura do capital, impediu a orientación da loita popular no seu conxunto contra o inimigo, a ditadura da burguesía e as súas alianzas imperialistas, como é a OTAN”[11].

Hoxe día, nas filas do movemento comunista están a fomentarse puntos de vista equivocados similares; falan de “etapas” no camiño cara ao socialismo, ou de “penetración” dos comunistas no poder, co fin, en ambos os casos, de “ampliar” a democracia, como unha primeira etapa cara ao socialismo.

Na práctica estes puntos de vista aprazan para o futuro afastado a loita polo derrocamento da explotación capitalista, atrapan e restrinxen o movemento obreiro no marco da loita por mellores condicións de venda da forza de traballo, negando a orientación da loita para a radicalización do movemento obreiro, o seu reagrupamento, a concentración de forzas sociais, que teñen interese en entrar en conflito cos monopolios e poden loitar por derrocar o capitalismo e construír a nova sociedade socialista-comunista.

A nacionalización das empresas capitalistas como un “paso” para cambiar a natureza do Estado.

Confusións similares existen ademais en temas da economía. Durante moitos anos, o movemento comunista internacional foi, e en gran medida segue sendo, atrapado na lóxica das “etapas” cara ao socialismo, considerando o fortalecemento do sector estatal do Estado burgués como un “paso” cara ao socialismo.

De feito, até hoxe día, a frase de que “o capitalismo monopolista de Estado é a preparación material máis completa para o socialismo, a súa antesala, un banzo da escaleira histórica entre o cal e o banzo chamado socialismo non hai ningún banzo intermedio”[12], se malinterpreta para xustificar o apoio activo e a participación dos comunistas nunha xestión burguesa cun sector estatal ampliado da economía. Por tanto, o capitalismo monopolista-estatal enténdese erroneamente como a existencia dun sector estatal forte na economía e non como imperialismo, como fase superior do capitalismo, segundo describiuno Lenin.

A vida demostrou que o capitalismo, segundo as súas necesidades, poida que pretenda que gran parte da economía do país estea baixo dirección estatal. Así, por exemplo, na década de 1970 e 1980 a maior parte da economía grega estaba en mans do Estado; con todo, este feito non cambiou o carácter do Estado burgués. Tampouco significa que unha política de nacionalización gradual de empresas privadas, cando os capitalistas simplemente pasan as súas débedas ao Estado, pode cambiar o seu carácter. Mentres que o poder está en mans da burguesía, o Estado (cun sector estatal máis forte ou máis débil) será burgués e a clase dominante funcionará como un “capitalista colectivo” da propiedade estatal.

O nome do Estado como concepción da natureza do Estado.

Lenin describiu os aspectos básicos do Estado obreiro. Non podemos pechar os ollos ante a análise de Lenin e orientarnos simplemente aos adxectivos que acompañan o nome dun Estado. Hoxe, por exemplo, xurdiron a “República Popular de Lugansk” e a “República Popular de Donetsk”. Cal é o carácter destas autoproclamadas “Repúblicas Populares”? Neste punto quixésemos lembrarlles que existe, por exemplo, a chamada “República Democrática do Congo” onde nenos traballan nas minas e en condicións terribles para que os monopolios estranxeiros adquiran o cobalto e o cobre.

Nós consideramos que non podemos xulgar un Estado e a nosa postura ante isto, soamente en base a como se define a si mesmo e as súas declaracións. O criterio básico debe ser que clase posúe os medios de produción e o poder nun Estado concreto. Que tipo de relacións de produción predominan neste país? E isto é porque o Estado para os marxistas-leninistas é unha “máquina represiva” que obxectivamente na nosa época, no século 21, na época de paso do capitalismo ao socialismo, inaugurada pola Revolución de Outubro, estará ou en mans da burguesía, ou en mans da clase obreira. Non hai un camiño medio.

Non debemos esquecer que como sempre, hoxe as clases burguesas buscan ocultar os seus obxectivos, ocultar o carácter clasista do Estado. Un método “clásico” que utiliza a burguesía para “camuflar” o Estado, é destacar o seu carácter “nacional”, presentando o seu Estado como unha “arma” de defensa de toda a nación. Hoxe día, a burguesía non dubida en utilizar diversas “armas” de propaganda para someter “baixo as súas bandeiras” ao movemento obreiro. Os comunistas, o movemento obreiro en total, deben ter un alto grao de vixilancia cando os políticos burgueses, que contribuíron coa súa postura á restauración capitalista na antiga URSS, utilizan hoxe o “papel” do “antifascismo”.

Hoxe día, mentres que a burguesía está a reforzar tamén a forzas fascistas, algunhas das cales pretenden desempeñar incluso un papel gobernamental, por exemplo en Ucraína, están a fortalecerse as reclamas para que se formen novas “frontes antifascistas” e alianzas, mesmo de Estados burgueses, que aparecen cun “manto antifascista”. Con todo, como sinalou o KKE na súa Declaración do Comité Central do KKE para o 70 aniversario do fin da II Guerra Mundial Imperialista e a gran vitoria antifascista dos pobos: “Nin o estado burgués reaccionario nin a alianza do movemento obreiro e popular con forzas políticas burguesas, poden ou queren atacar o nazismo de raíz. Só o desenvolvemento da loita de clases, cuxo obxectivo será pór fin ao poder dos monopolios, ao sistema capitalista pode enfrontar o nazismo.”[13]

Ademais, o KKE considera que hoxe non se debe deixar de lado o obxectivo do poder obreiro por outro obxectivo gobernamental de transición no terreo do capitalismo, no nome da deterioración da situación da clase obreira e das capas populares, por mor da crise económica prolongada e profunda, da guerra imperialista, da intimidación aberta cara ao partido comunista e o movemento obreiro por organizacións nazi-fascistas, as provocacións, a intensificación da violencia estatal.[14]

A construción socialista e o Estado no socialismo.

Durante décadas, os socialdemócratas e os oportunistas, entre outros, están a levar a cabo un esforzo sistemático para cancelar calquera aproximación científica do socialismo e do seu Estado. Lemos por exemplo no material do “centro” oportunista de Europa, o PEE, que defende “a perspectiva dun socialismo democrático”. E esta “perspectiva socialista” defínese polo PEE como “unha sociedade de xustiza que se basea na concentración da riqueza e dos medios de produción e a soberanía da elección democrática en harmonía cos recursos limitados do planeta”. Nos últimos anos multiplicáronse confusións similares e aproximacións antiamarxistas respecto a sociedade socialista cos diversos “socialismos” de América Latina. Do chamado “Socialismo do século XXI” de Chávez, ao chamado “socialismo do bo vivir” no Ecuador, onde se utiliza como moeda nacional o dólar estadounidense.

O seu obxectivo é que ignoremos que na base de cada formación socio-económica hai un modo de produción particular, que é unha unidade dialéctica de forzas produtivas e de relacións de produción. As relacións de produción no seu conxunto en todas as fases do proceso de reprodución –produción, distribución, intercambio, consumo- constitúen a base económica da sociedade. Ao abordar esta cuestión cientificamente, Lenin sinalou que: “Na produción social da súa vida, o home establecen determinadas relacións necesarias e independentes da súa vontade, relacións de produción que corresponden a unha fase determinada de desenvolvemento das forzas produtivas materiais. O conxunto destas relacións de produción forma a estrutura económica da sociedade, a base real sobre a que se levanta a superestrutura xurídica e política e á que corresponden determinadas formas de conciencia social”.[15]

J.V.Stalin destacou: “Hai dous tipos de produción: o tipo capitalista, que inclúe en capitalismo de Estado, onde hai dúas clases, onde a produción efectúase para render beneficios ao capitalista; e hai outro tipo, o tipo de produción socialista, onde non existe a explotación, onde os medios de produción pertencen á clase obreira e onde as empresas non traballan para render beneficios a unha clase allea, senón para ampliar a industria en proveito de todos os obreiros”.[16]

Por iso o KKE rexeita as diversas interpretacións do socialismo que non teñen nada que ver coa concepción marxista-leninista e -como subliñou varias veces nos Encontros Internacionais de Partidos Comunistas- cos puntos de vista do PEE ou os diversos “socialismos” de América Latina, que se tratan en esencia de promoción da posición oportunista de “humanización” do capitalismo, da utopía de democratización do Estado burgués, mentres que a economía capitalista “mixta” preséntase como o novo “modelo” do socialismo. Nesta dirección utilízase a “lóxica das particularidades nacionais” que foi o vehículo do “eurocomunismo” para renunciar as leis científicas da revolución e a construción socialista e hoxe día o problema maniféstase cos mesmos ou similares argumentos. (…) para xustificar a substitución do camiño revolucionario polo parlamentarismo, o descenso do socialismo en cambios gobernamentais de xestión burguesa, como fai por exemplo o Foro de São Paulo e outras forzas. A construción socialista é un proceso unificado que empeza coa toma do poder pola clase obreira para que se cre un novo modo de produción que predominará coa abolición completa das relacións capitalistas e da relación capital-traballo asalariado. A socialización dos medios de produción e a planificación central son as leis científicas da construción socialista, as condicións necesarias para a satisfacción das necesidades populares.”[17]

O KKE ao estudar a experiencia da construción socialista considera equivocadas as reformas económicas de 1965 na URSS, que deron prioridade ás reformas de mercado e restauraron o papel da ganancia na economía socialista. Como resultado xurdiu nas empresas o interese propio non sempre en harmonía cos intereses da sociedade. As reformas equivocadas na economía combináronse con respectivas direccións equivocadas na superestrutura política (p.ex. o Estado do Pobo) e na estratexia do movemento comunista internacional (p.ex. política de “coexistencia pacífica”). O noso Partido non está de acordo coas avaliacións de partidos comunistas que foron arrastrados pola corrente nociva do “maoísmo” que consideran que dun momento a outro, inmediatamente despois do XX Congreso, deixou de existir o Estado obreiro ou mesmo que este se converteu supostamente en “socialimperialismo”, participando desta maneira na propaganda antisoviética. Ao contrario, o noso Partido e o movemento comunista e obreiro internacional defenden a contribución da URSS, consideran que na URSS construíuse o socialismo pero o XX Congreso do PCUS foi un “punto de inflexión” porque niso adoptáronse unha serie de posicións oportunistas sobre cuestións da economía, da estratexia do movemento comunista e das relacións internacionais.

Hoxe día, consideramos que despois de 30 anos aproximadamente da contrarrevolución na URSS, en Europa Central e Oriental, avanzouse a capitalización de China. Alí predominan as relacións de produción capitalistas. Ao mesmo tempo observamos que se continúa o fortalecemento de relacións capitalistas en países que pretendían construír o socialismo, como Vietnam e Cuba[18].

Algúns camaradas doutros partidos comunistas consideran que os acontecementos nestes países lembran á NEP do período de Lenin. Noutros textos[19] sinalamos as diferenzas entre a NEP e os cambios levados a cabo nestes países. O noso partido en base ao estudo da longa experiencia da Unión Soviética preocúpase moito polo resultado destes cambios. Iso é porque a socialización dos medios concentrados de produción e a planificación central na distribución da forza laboral e dos medios de produción, a abolición da relación de explotación do home polo home para a maioría dos traballadores, son condicións básicas e necesarias, non só para o inicio da construción socialista, senón ademais para a súa continuación.

Ademais, como destacou Lenin: “A ditadura do proletariado (…) non é só o exercicio da violencia sobre os explotadores, nin sequera é principalmente violencia. A base económica desta violencia revolucionaria, a garantía da súa vitalidade e éxito, está en que o proletariado representa e pon en práctica un tipo máis elevado de organización social do traballo que o capitalismo. Isto é o esencial. Niso radican a forza e a garantía do triunfo inevitable e completo do comunismo”[20]. Está claro que este “tipo avanzado de organización social” non pode ter ningunha relación co nepotismo. No informe do Comité Central do KKE para o 20 Congreso do Partido sublíñase que: “Pasos de fortalecemento das chamadas “zonas económicas libres”, de “mercado” deu tamén Corea do Norte onde o Partido dos Traballadores de Corea desde hai tempo abandonou o marxismo-leninismo, está a promover a teoría idealista de “Juche”, fala de “kimilsungismo-kimjongilismo”, violando todo concepto de democracia socialista, de control obreiro-popular, nun réxime de nepotismo”.[21]

En lugar dun epílogo: “A pechar os portillos” da II Internacional.

O KKE levou a cabo un profundo estudo das causas que levaron ao derrocamento do socialismo na URSS, seguindo o camiño do longo estudo e discusión no seo do Partido e dedicando o seu 18º Congreso (en 2009) para dar respostas completas sobre este asunto, sacando conclusións valiosas para o futuro. Sobre este esforzo, que se basea no marxismo-leninismo, o noso Partido enriqueceu a súa percepción programática respecto o socialismo, o cal foi reflectido no novo Programa, aprobado no 19º Congreso (2013).

No Programa do KKE destácase entre outras cousas: “O poder socialista é o poder revolucionario da clase obreira, a ditadura do proletariado. O poder obreiro substitúe todas as institucións burguesas, esmagadas pola actividade revolucionaria, con novas institucións formadas polo pobo”[22].

Ademais, no Programa do KKE descríbense detalladamente:
  • A base material da necesidade do socialismo en Grecia,
  • As tarefas do KKE para a revolución socialista,
  • As súas tarefas particularmente en condición de situación revolucionaria,
  • O papel dirixente do Partido na Revolución,
  • O socialismo como primeira fase inferior do comunismo,
  • A cuestión da satisfacción das necesidades sociais,
  • Os principios fundamentais de construción do poder socialista.

O 20 Congreso do KKE, que se celebrou este ano, de 30 de marzo a 2 de abril de 2017, expuxo a tarefa do pleno fortalecemento ideolóxico, político e organizativo do Partido e da súa Mocidade, como partido do derrocamento revolucionario.

Hai 100 anos, ao final da súa obra “O Estado e a Revolución”, V.I.Lenin subliñou que a Segunda Internacional caeu de cheo no oportunismo, que a experiencia da Comuna foi esquecida e terxiversada e engadiu: “Non só non se inculcou ás masas obreiras que se achega o día en que deberán levantarse e destruír a vella máquina do Estado, substituíndoa por unha nova e convertendo así a súa dominación política en base para a transformación socialista da sociedade, senón que se lles inculcou todo o contrario e presentouse a "conquista do Poder" de tal modo, que se deixaban miles de portillos abertos ao oportunismo”[23].

Hoxe, 100 anos despois da Gran Revolución de Outubro e un ano antes do 100 aniversario da fundación do noso Partido, o KKE coas súas posicións e as súas accións, pretende pechar “portillos e xanelas” ao oportunismo. Isto é unha condición previa para que tomen carne e óso os ideais dunha sociedade sen explotación do home polo home.


[1] V.I.Lenin, “O Estado e a revolución”, Obras Completas t.33, p.7.
[2] K.Marx, “Crítica ao Programa de Gotha”.
[3] V.I.Lenin, “O Estado e a revolución”, Obras Completas t.33, p.38-39.
[4] V.I.Lenin, “O Estado e a revolución”, Obras Completas t.33, p.34.
[5] Do programa gobernamental de SYRIZA.
[6] The Real NewsNetwork, Entrevista (28/1/2015) con Leo Panitch, Profesor de Ciencias Políticasna Universidade de York, Toronto, Canadá.
[7] Artigo de Paul Mason (1/9/2015), antigo xornalista de BBC, antigo responsable da reportaxe política en Channel 4.
[8] 5º Congreso do PEE. Documento político: «Refundar Europa, crear unha nova converxencia progresiva”.
[9] Resolución do 18º Congreso do KKE sobre o Socialismo. Febreiro de 2009.
[10] Comunicado do CC do KKE sobre o golpe de estado militar o 21 de abril de 1967. “Rizospastis”, 5 de marzo de 2017.
[11] Ibid.
[12] V.I.Lenin. “A catástrofe que nos ameaza e como combatela”, vol. 34, p. 193
[13] Declaración do CC do KKE para o 70 aniversario do fin da II Guerra Mundial Imperialista e da gran vitoria antifascista dos pobos. Abril de 2015.
[14] ibid.
[15] V.I.Lenin, “Carlos Marx”. Obras Completas, v.26, p. 56.
[16] J.V.Stalin, Obras, vol. 7, p. 305.
[17] Discurso do KKE no 16º Encontro de Partidos Comunistas e Obreiros no Ecuador.
[18] Tese do CC do KKE para o 20º Congreso.
[19] Εlisseos Vagenas, “O papel internacional de China”, Kommunistikí Epitheorisi n° 6 de 2010.
[20] V.I.Lenin. “A gran iniciativa”, Obras Completas, vol. 39, p. 13.
[21] Informe do Comité Central do KKE no 20º Congreso do Partido, marzo de 2017.
[22] Programa do KKE, 2013.
[23] V.I.Lenin, “O Estado e a Revolución”, Obras Completas, vol. 33, p.119

Fonte: KKE
Traducido ao galego pola Revista FORXA