Diante da causa arquivada de José Manuel Baltar por acoso sexual.


O pasado día 23 de Maio a persoa titular dos xulgados en materia de Violencia de Xénero de Ourense concedíalle o indulto ao presidente do Partido Popular e da deputación de Ourense, José Manuel  Baltar, denunciado por tráfico de influencias, suborno e acoso sexual, o que implica o cesamento da investigación sobre a súa persoa en relación a uns feitos que nin sequera o xulgado nega que se produciran.

Dende Comunistas da Galiza-PCPE e os Colectivos da Mocidade Comunista queremos denunciar a farsa de indulto que se lle concede ao presidente da deputación de Ourense, xa que en primeiro lugar atenta contra a dignidade da agredida e a reprodución ideolóxica do machismo e en segundo lugar pola evidente vinculación e influencia do presidente da deputación nesta institución. Estes feitos  evidencian unha vez máis a complicidade do sistema xudicial coa burguesía e os seus mamporreros políticos, que, aínda que existen probas de sobra para continuar coa investigación simplemente se obvian descaradamente, mantendo en liberdade e en cargo público a un corrupto e acosador como Baltar, froito dunha política burguesa completamente dexenerada e podre.

Non podemos consentir de ningunha maneira que estes feitos se traduzan en impunidade; por iso, dende o Partido Comunista e a Mocidade Comunista, faremos todo o que estea nas nosas mans para que estes feitos non caian no esquecemento e Baltar reciba unha resposta contundente por parte das traballadoras e traballadores de Ourense, que de ningunha maneira van padecer máis os abusos e excesos dos políticos burgueses nin dos propios capitalistas.

Sabemos que non podemos ter ningunha confianza no sistema xudicial burgués e tamén somos conscientes de que só a organización do pobo e a clase obreira pode facer xustiza e fronte aos seus abusos e excesos.

NINGUNHA AGRESIÓN SEN RESPOSTA!
ORGANIZADAS E ORGANIZADOS, NON CONSINTAMOS OS SEUS ABUSOS!