- POR UN
TRANSPORTE PÚBLICO AO SERVIZO DO POBO TRABALLADOR -
Milleiros
de aldeas e lugares de Galicia poden verse incomunicadas pola perda do servizo
de transporte público de viaxeiros por estrada a partir de agosto. Case 600
núcleos de poboación ven ameazadas as súas liñas de autobús. As grandes
empresas monopolistas do transporte a quen representa o goberno de Feijóo poden
abandonar por "deficitarias", tras este verán, case 600 liñas de
autobús, asestando un golpe de morte ao pobo traballador do rural galego, xa de
seu esnaquizado e despoboado polas agresivas políticas da Unión Europea e a PAC
capitalista.
Paradoxalmente
moitos concellos recortan os servizos básicos ao pobo, mentres invisten os
cartos públicos na construción de estacións "intermodais" que en
absoluto van solucionar o problema
principal que é o aumento das frecuencias das liñas regulares, a conexión do
ferrocarril co transporte urbano e interurbano ou o abaratamento do servizo,
senón que beneficiarán coma sempre, ao capital especulativo realizando obras
faraónicas e de deseño, espazos comerciais e tendas de luxo.
Milleiros
de pequenos núcleos de poboación veranse illados en aras de engordar os
beneficios dos grupos empresariais e de personaxes coma o dono do monopolio
Monbus, Raúl López, detido en marzo de 2015 por branqueamento de capitais,
tráfico de influencias e delitos contra a facenda pública; denunciado polas
organizacións sindicais por coacción aos traballadores cambiándolles as rutas e
obrigándoos a realizar xornadas que superan as 12 horas e coñecido por aplicar
o despedimento e a persecución contra os traballadores e nomeadamente os
sindicalistas.
Sen dúbida,
a supresión das liñas de servizo (autorizada pola administración autonómica
competente) implicará tamén axustes dos cadros de persoal e máis despidos.
As grandes
fortunas dos señores do capital amásanse coa explotación e abuso sobre
traballadores e usuarios baixo o amparo dos gobernos ao seu servizo.
DEFENDAMOS UN TRANSPORTE
PÚBLICO E DE CALIDADE AO SERVIZO DO POBO TRABALLADOR
O PÚBLICO É SERVIZO, O
PRIVADO É BENEFICIO.
LOITAR ATA DERROTAR AS
POLÍTICAS ANTIPOPULARES DA PATRONAL E O GOBERNO.
POLA NACIONALIZACIÓN DO
TRANSPORTE!
POR UN PAÍS PARA A CLASE
OBREIRA!
Comunistas da Galiza-PCPE
Colectivos da Mocidade Comunista (CMC)