Os gobernos da burguesía agochan e acosan aos pobres no canto de combater a pobreza.

En Vigo está a ter lugar unha acampada contra a pobreza.


Após 120 días, o alcalde de Vigo mandou retirar a tenda habilitada como cociña e que era máis visíbel de todas. Ante a negativa por parte da acampada, a policía local desmantelouna brutalmente sen ter en conta que alí tiñan alimentos.
O motivo probábel de tan repentino desaloxo pode radicar en que comezara a circular o bus turístico e xa se sabe... no escaparate do capitalismo hai que esconder aos pobres e a pobreza existente na nosa cidade castigada polas sucesivas reconversións industriais, o paro e a crise capitalista.

En resposta a isto, as compañeiras e compañeiros trasladaron o total da acampada ao medio da praza do Concello.

Varias forzas políticas e organizacións sociais prestaron de xeitos diversos o seu apoio a esta medida, entre elas o noso Partido.

Con tal motivo, entendemos que é moi importante dar a coñecer a lectura e a diagnose que facemos as e os comunistas dun problema de tan dramática actualidade: o da pobreza, un fenómeno cada vez menos marxinal e máis visíbel, que afecta a cantidades crecentes de traballadores e traballadoras.

A pobreza é unha consecuencia directa da apropiación privada da riqueza, o resultado necesario das condicións da explotación no capitalismo.

Constitúe un valioso fondo de reserva de man de obra barata para os patronos, que, canto máis numerosa e máis pobre, máis puxa á baixa no mercado laboral.

A pobreza é, xunto coa guerra, unha das caras máis expresivas e auténticas do capitalismo, das que en maior grao denuncian a súa esencia vampírica, inaceptábel e inhumana.

Unha cara que nos países capitalistas desenvolvidos, a burguesía intentou manter oculta aos ollos do mundo durante o período anterior á actual crise.

Isto deuse de xeito moi especial nos decenios do Socialismo do Leste europeu, onde -este si- erradicara a pobreza creando as condicións para o pleno emprego.

Tratábase dun exemplo “perigoso” para a burguesía, e a fixo recuar diante da loita obreira e veuse obrigada a aceptar certas medidas sociais que por un tempo paliaron algúns dos aspectos máis crús da pobreza.

Neste sentido, o Socialismo do Leste europeo foi un gran aliado e apoio para as reivindicacións populares do Occidente e un freo para o empobrecemento da súa clase obreira.

No entanto, as multitudes do chamado Terceiro Mundo, tanto desempregadas coma con emprego, endexamais deixaron de ser masivamente pobres, inocultábel e inevitábelmente pobres.

Como, de non ser por esa multitudinaria pobreza, se terían amasado as inmensas fortunas? Como se tería levado a cabo o espolio (nunca interrompido) das inmensas riquezas naturais dos seus países polos monopolios?

Coa crise iniciada nos 70 do século pasado, a pobreza tornouse e tórnase progresivamente máis visíbel mesmo nos países do capitalismo desenvolvido. Pero o capital só pode ver a pobreza como o que eles chaman unha "oportunidade" (de negocio).

Emulando ás igrexas ou en estreita asociación con elas, e utilizando a mesma hipocrisía coa que trataron antes o fenómeno da pobreza no chamado terceiro mundo, as grandes corporacións sementan hoxe as modernas "misións", chamadas ONGs, na terra arrasada pola pobreza da que esas corporacións son culpábeis, desde os países do capitalismo desenvolvido.

ONGs cuxa propia definición denuncia que están aí para substituír os gobernos burgueses no cumprimento dos seus deberes democráticos máis elementais. ONGs que incumpren contratos laborais e sementan golpes de estado.

Un negocio que periodicamente ten os seus escándalos nos que o "negocio" da "solidariedade" se rebela como o que é, Robin Hoods ao revés, que rouban aos pobres para maior riqueza dos ricos; ou falsos pacificadores que en realidade organizan a guerra.

O espolio de recursos naturais alleos e as guerras que acompañan ese espolio son o principal factor que empurra millóns de seres humanos cara aos países chamados "desenvolvidos". É dicir, cara os estados do centro imperialista, responsábeis directos do seu espolio e masacre, nomeadamente EEUU e estados membros da UE.

Chegan ás portas destes países tentando refacer as súas vidas e convértense en presa fácil de superexplotación e abusos de todo tipo.

E é a pobreza a que empurra nalgúns casos aos nosos traballadores e traballadoras cada vez máis agredidas e desposuídas, máis empobrecidas, a errar o inimigo e culpar ao seu propio irmán de clase chegado de fóra, da situación desesperada que sofre.

As e os comunistas sabemos que non vai haber unha redistribución da riqueza dentro do capitalismo. Estamos convencidos e convencidas de que calquera que declare crer na fin da pobreza baixo o capital, ou está moi equivocado ou mente moi cinicamente.

A Historia e a realidade amosan que a única solución definitiva para a pobreza é a fin da explotación. E temos claro que a fin da explotación non pode, non vai ter lugar baixo o poder da burguesía.

Loitamos por un sistema no que todo o poder sexa para as clases traballadoras e onde a pobreza desapareza, de verdade e para sempre.

Lotamos polo socialismo!
Loitamos por un país para a clase obreira!

[Artigo elaborado por Comunistas da Galiza-PCPE para a Revista FORXA]