Os nosos traballos, con
plenos dereitos.
Os nosos barrios, para a
clase obreira.
O verán, lonxe do
que poida parecer, é un dos períodos máis duros para a clase obreira e o pobo
traballador, porque é o período en que se multiplican os contratos lixo e o
traballo precario que nos venden como redución do paro.
O 92% dos
contratos asinados en maio de 2017 para esta campaña de verán son temporais. En
hostalaría, o 40% dos contratos son temporais, e deles, o 42% é a tempo
parcial.
O sector
turístico, as rebaixas ou a cobertura de vacacións axudan a que moitos
traballadores e traballadoras, fundamentalmente novas, saian do paro durante
unhas semanas (a metade do emprego creado en 2016 foi en comercio e hostalaría,
ocupando a un de cada tres traballadores en España), pero nunhas condicións de
traballo que son, xeralmente, lamentábeis.
De entre todos os
sectores afectados, as condicións laborais, e de vida, dos persoais son
particularmente malas na hostalaría e no comercio. Na industria tamén se
detecta unha gran estacionalidade que vai ligada, fundamentalmente, á entrada
de novo persoal a través de empresas de traballo temporal con contratos de
semanas e até de días de duración.
Á precariedade
característica destes sectores sumáronse
as consecuencias das sucesivas contrarreformas laborais, que garanten total
flexibilidade e liberdade para o empresario mentres condenan ao traballador a
salarios máis baixos (en hostalaría un 40% inferior ao salario medio en
España), xornadas laborais máis longas, maior temporalidade, traballo sen
descanso en domingos e festivos, horas extras non pagas, aumento das baixas por
accidente laboral, traballos sen contrato nin cotización…
Se as condicións
de traballo máis duras xa están presentes nos establecementos onde se aplican
os convenios de hostalaría e comercio, agrávanse máis aínda alí onde a
liquidación en marcha da negociación colectiva ten propiciado incumprimentos e
descolgues. Agora mesmo hai 700.000 traballadores do sector de hostalaría sen
convenio. A contratación a tempo parcial, ou por obra ou servizo, fai posíbel
en todo momento o despedimento libre e practicamente gratuíto do traballador ou
traballadora.
As condicións
laborais da hostalaría son froito da vantaxe con que contan os empresarios nun
sector cuxa estrutura laboral se caracteriza por centros de traballo pequenos,
con moi poucos traballadores, con alta rotación de persoal e, moitas veces, co
propio patrón ou os seus familiares presentes a diario. Todo isto dificulta
manter calquera organización estable dos traballadores e traballadoras, o que
trae como consecuencia que as loitas sexan puntuais e pouco organizadas.
Por outra banda,
os 240.000 traballadores do sector de Grandes Almacéns pasaron catro anos cos
seus salarios conxelados, desde 2013 a 2016. Con todo, só en 2016, O Corte
Inglés aumentou os seus beneficios un 34%, Carrefour un 36%, Ikea un 46%, e
Leroy Merlin un 8%. A recente firma do novo convenio do sector non conseguiu
máis que un 2’5% de aumento salarial, quedándose lonxe de compensar a
conxelación mantida desde 2013. A liberalización de horarios comerciais —que
chega a ser total en comunidades como Madrid— xera unha máxima precariedade,
dificultando sobre maneira a conciliación da vida familiar e laboral. Un
traballador de grandes almacéns pode chegar a traballar 23 domingos ou festivos
ao ano: descontando o período de vacacións, resulta 2 domingos por mes, podendo
chegar a ser máis. No caso dos contratos temporais de verán, chégase ao caso de
non librar ningún fin de semana nin día festivo.
Urxe a inmediata
organización dos traballadores e traballadoras destes sectores. Se a situación
é tan precaria é porque os empresarios da hostalaría e o comercio non se
atoparon cunha oposición organizada capaz de facerlles fronte. A crise
económica, a elevada taxa de paro e as últimas medidas antiobreiras aprobadas
deixan claro que este sistema non ten ningunha intención de ofrecer
alternativas laborais de calidade para os traballadores e traballadoras que,
mentres esteamos condenados a subsistir saltando dun a outro destes traballos
temporais ou estacionais, non veremos mellorar as nosas condicións de vida e
traballo. Unicamente a organización e a loita, pasar á ofensiva, mellorará as
nosas condicións.
Por iso, desde o
PCPE e os CMC chamamos á organización de todas as traballadoras e traballadores
sometidos á sobreexplotación do traballo estacional, pondo a nosa organización
ao servizo da recuperación de dereitos perdidos e a conquista de novos
dereitos, pero non só laborais, senón tamén sociais. Debemos evitar que as
nosas loitas queden illadas, atomizadas, porque así terminan por desvanecerse.
A loita por mellorar as condicións de vida e traballo en sectores como a
hostalaría e o comercio é a loita do conxunto da clase obreira, do conxunto dos
traballadores e traballadoras, que se ven sometidos, en todos os sectores, a
niveis cada vez máis altos de explotación e precarización.
A fragmentación
do movemento sindical, así como a ausencia dun sindicalismo forte e combativo a
nivel estatal, que dea resposta ás necesidades de loita do movemento obreiro
actual, está a contribuír á destrución dos nosos dereitos, e o que é peor, ao
desmaio da conciencia entre a clase obreira e o conxunto do pobo traballador da
necesidade de organizarse e loitar.
OS NOSOS BARRIOS,
PARA A CLASE OBREIRA.
Mentres a
integración europea baixo parámetros capitalistas destrúe e desmantela sectores
produtivos tanto na industria como no agro e desertiza comarcas enteiras, a
terciarización e o auxe estival do negocio turístico arrasan coas condicións de
traballo da mocidade obreira pero tamén coas condicións de vida de todo o pobo
traballador.
O pequeno
comercio familiar e barrial, arrasado desde hai décadas polas grandes cadeas e
superficies monopolísticas é substituído por negocios gourmetizados só
accesíbeis ao turismo de elite, tendas de luxo e establecementos especializados
en compracer ao turista rico. A proliferación de apartamentos para uso
turístico dispara astronomicamente o prezo da vivenda, entendida como un
“nicho” de beneficio privado e non como unha necesidade social básica,
transformando os barrios populares en zonas “xentrificadas” para goce duns
poucos, expulsando ás familias obreiras e destruíndo o modo de vida dos seus
barrios e núcleos rurais.
A turistificación
da economía española está estreitamente ligada ao desmantelamento dos sectores
produtivos agrícola, gandeiro, pesqueiro, extractivo e industrial, resultados
da integración na Unión Europea e da subordinación das necesidades sociais ao
obxectivo do máximo beneficio para as grandes empresas.
Faise urxente que
avance a organización do conxunto da clase obreira e de todos os traballadores
e traballadoras pola saída da UE, polo derrocamento do capitalismo, por unha
economía planificada que teña no seu centro as necesidades sociais e non a
ganancia privada dos monopolios.
Por un país para
a clase obreira!
26 de xuño, 2017.
Secretariado
Político do PCPE.