Folga contra os abusos en PSA-Citroën.


Comunistas da Galiza-PCPE e os Colectivos da Mocidade Comunista (CMC) mostramos o noso apoio e solidariedade de clase coa loita dos traballadores e traballadoras de PSA-Citroën de Vigo, en folga contra os abusos patronais.

Os traballadores e traballadoras da Citroën van á folga este 15 de xullo en resposta ao incremento da carga de traballo na liña de produción M-1 e ás consecuencias negativas que isto xera no cadro de persoal, cun aumento significativo do desgaste nos traballadores e traballadoras.

A dirección deste grande monopolio da automoción fai oídos xordos ante as queixas e demandas dos traballadores. Para eles o importante é aumentar os seus beneficios incrementando o ritmo de produción sen aumentar a man de obra.

Esta loita vense a sumar a toda unha serie de conflitos como o de Alcoa, estiba, trasporte e metal na provincia da Coruña e en Ourense, que abren un novo ciclo de loitas obreiras centradas na recuperación de dereitos e de ampliación dos mesmos.

Esta vez son os compañeiros e compañeiras da PSA-Citroën os que se erguen na defensa dos seus dereitos laborais e fano novamente mediante a folga como Instrumento lexitimo de loita fronte a aqueles que pretenden converternos nos seus escravos.

Neste período é fundamental reforzar as organizacións sindicais, convertelas no músculo da clase obreira, na loita pola recuperación de dereitos e en instrumentos efectivos contra o réxime de explotación que padecen todos os traballadores e traballadoras en todas as fábricas, en todos os sectores e centros de traballo.

Para o Partido Comunista a resposta ás políticas antiobreiras e aos retrocesos laborais destes últimos anos so poderán ser revertidos mediante a loita organizada da clase obreira baixo unha orientación unitaria e clasista e non de xestión e de colaboración con aqueles que amasan os seus beneficios a conta do noso traballo.

É hora de ir a por eles, clase contra clase, con dignidade, con firmeza e con conciencia de que a nosa unidade é a única garantía de vitoria.

Á  ofensiva!
A polos nosos dereitos!