Obreiro falecido en Rande (Vigo).


Unha vez máis a explotación cobrou unha vida obreira o pasadoo 5 de xullo nas obras de ampliación da ponte de Rande.

As condicións de sobreexplotación, xornadas de traballo de 12 horas -incluíndo domingos e festivos- e a falla de condicións de seguridade na obra están detras deste novo crime patronal que algúns insisten en coar baixo o nome de accidente.

Os compañeiros do obreiro falecido falan do interese que tiña o seu compañeiro morto na necesidade de organizarse sindicalmente á vista dos terríbeis e riscos e condicións de traballo que finalmente desembocaron neste fatídico desenlace.

A quen cuestione o importante papel que a organización sindical como ferramenta de defensa das condicións de traballo e mesmo en situacións e contextos como este ao que nos estamos a referir, no que se pon en xogo a supervivencia dos traballadores e traballadoras, convén lembrarlle que de terse prestado atención ás reiteradas advertencias que desde CIG-Construción se fixeron alertando sobre as condicións extenuantes e altamente perigosas nas que se desenvolve o traballo na obra, tal vez esta nova traxedia non tería ocorrido.

Dende Comunistas da Galiza – PCPE chamamos á organización sindical dos traballadores e traballadoras para a defensa dos intereses inmediatos, das nosas condicións de traballo e das nosas vidas, e á organización política no Partido de clase que remate dunha vez por todas cun sistema no que o máximo beneficio privado das patronais vale máis que a vida dos nosos compañeiros e compañeiras.