[KKE] “100 anos da Gran Revolución Socialista de Outubro. As ensinanzas e as tarefas para os comunistas hoxe” (Leningrado 2017).

Entre o 11 e 13 de agosto, celebrouse unha Conferencia Internacional en Leningrado, organizada polo Partido Comunista Obreiro de Rusia (PCOR) baixo o lema: “100 anos da Gran Revolución Socialista de Outubro. As ensinanzas e as tarefas para os comunistas hoxe”.

O Partido Comunista de Grecia (KKE) foi representado por Giorgos Marinos, membro do BP do CC, e Eliseos Vagenas, membro do CC e Responsábel da Sección de Relacións Internacionais do CC de KKE.


A continuación publicamos o discurso do KKE:

Discurso do KKE na Conferencia Teórica Internacional de Partidos Comunistas e Obreiros “100 anos da Gran Revolución Socialista de Outubro, as ensianazas e as tarefas para os comunistas hoxe”
(Leningrado 11-13/8/2017)

Estimados camaradas:

En nome do Comité Central do KKE agradecemos o PCOR por esta iniciativa e a celebración da Conferencia de hoxe.

O Comité Central do KKE rende honra ao centenario da Gran Revolución Socialista de Outubro. Rende honra ao acontecemento transcendental do século XX que demostrou que o capitalismo non é invencíbel, que  podemos construír unha sociedade con organización superior, sen explotación do home polo home.

A Revolución de Outubro demostrou a forza da loita de clases revolucionaria, a forza dos explotados e dos oprimidos, cando pasan enerxicamente a primeiro plano e viran a roda da Historia cara adiante, cara á dirección da liberación social. A clase obreira rusa a través da Revolución de Outubro materializou o ideal de millóns de persoas, das masas obreiras e populares por unha vida mellor.

A Revolución de Outubro demostrou a validez do pensamento leninista de que a vitoria do socialismo é posíbel nun país ou nun grupo de países, como consecuencia do desenvolvemento desigual do capitalismo.

Ao mesmo tempo, a Revolución de Outubro destacou o papel irremprazábel da vangarda política revolucionaria, do Partido Comunista, como dirixente non só da revolución socialista, senón ademais de toda a loita pola formación, o fortalecemento, a vitoria final da nova sociedade comunista.

A contribución de Lenin e a experiencia dos bolxeviques na loita contra o oportunismo (como vehículo da ideoloxía e da política burguesa) ten gran e decisiva importancia política e practica.

Na práctica demostrouse que a confrontación ben documentada contra os economistas, os menxeviques e os eseristas foi o elemento principal para a formación das condicións para a formación do partido revolucionario, do partido de novo tipo, fomentado sobre os principios leninistas.

O esforzo sistemático para limpar o partido bolxevique do oportunismo, fortaleceu ás forzas revolucionarias e (dentro de dous anos a partir do II Congreso en 1903) permitiu ao partido prepararse e desempeñar un papel decisivo na revolución de 1905 e nos anos da reacción que seguiron, axustando a liña revolucionaria nas novas condicións.

“O estalido da insurrección foi reprimido unha vez máis. Exclamaremos entón, Viva a insurrección!”, escribiu Lenin en setembro de 1905 respecto da insurrección de Moscova e a continuación, en 1906, destacou que “así, pois, nada podía ser menos perspicaz que a opinión de Plejánov, que fan súa todos os oportunistas, de que a folga era inoportuna e non debía terse iniciado, que non se debeu empuñar as armas”. Pola contra, deberon terse empuñado máis decididamente, con maior enerxía e combatividade; debeuse explicar ás masas que era imposíbel limitarse a unha folga pacífica e que unha loita armada intrépida e implacábel era necesaria”.

Desde 1905 até a vitoriosa revolución socialista de outubro de 1917 fíxose clara a diferenza na calidade, o abismo entre a estratexia da corrente revolucionaria e o oportunismo dos menxeviques e dos eseristas que fomentaron o fatalismo e difundiron ilusións parlamentarias, apoiaron o goberno burgués provisional que se formou en 1917, atraparon os Soviets durante un período crucial e tentaron neutralizalos.

Os menxeviques e os eseristas trataron de impedir a revolución de Outubro e levala á derrota, loitaron contra o novo poder obreiro e socavaron de maneira planificada a construción socialista e estas forzas oportunistas nos anos seguintes corroeron o PCUS e xogaron un papel primordial na contrarrevolución e na restauración do capitalismo na Unión Soviética.

Hoxe en día, cando as consecuencias da contrarrevolución atacan á clase obreira en todo o mundo de maneira dura e xa se demostrou na práctica que o capitalismo dá lugar a guerras imperialistas, a crises económicas, ao desemprego, á pobreza e aos refuxiados, forzas oportunistas falan descaradamente para a revolución de Outubro e, en todo caso, tratan de socavar, de eliminar o carácter socialista da revolución de Outubro e a súa enorme contribución histórica.

De feito, as forzas oportunistas levaron a cabo unha campaña antisoviética, anticomunista, organizada durante todo o curso da construción socialista, baixo o manto do eurocomunismo ou das súas variantes en moitos países.

As e os comunistas deben lembralo e aprender diso.

O oportunismo cambia de nome e de formas de organización e de expresión, pero en cada momento segue sendo un gran perigo para o movemento comunista, un factor de corrosión e de asimilación no sistema de explotación capitalista.

Camaradas:

A chama da Revolución de Outubro conduciu e acelerou a creación de varios Partidos Comunistas, de partidos obreiros revolucionarios de novo tipo, en contraste cos partidos socialdemócratas daquela época que traizoaran á clase obreira e a política revolucionaria.

Durante décadas, a existencia e os logros da sociedade socialista, que foi inaugurada pola Revolución de Outubro, demostraron que é posíbel unha sociedade sen patróns, sen capitalistas que posúen os medios de produción. Esta conclusión non se pode refutar polo feito de que naquel período particular non logrou derrotar definitivamente a propiedade capitalista e a ganancia capitalista.

A necesidade e a vixencia do socialismo, a posibilidade de abolir a propiedade privada nos medios concentrados de produción derivan do desenvolvemento capitalista que conduce á concentración da produción. A propiedade capitalista é un freo para o carácter social da produción. A propiedade capitalista cancela a posibilidade de que todos os traballadores vivan en mellores condicións organizadas a nivel social que satisfagan as necesidades crecentes humanas: Que todos teñan traballo sen o pesadelo do desemprego, que traballen menos horas gozando unha calidade de vida mellor e servizos de educación, de sanidade e de benestar de alto nivel, exclusivamente públicos e gratuítos.

No capitalismo, a clase obreira crea estas oportunidades co seu traballo que se amplían co desenvolvemento das ciencias e da tecnoloxía. Con todo, nunha sociedade onde todo o que se produce e o modo de produción determínanse sobre a base da ganancia privada, capitalista, as necesidades da clase obreira e das capas populares están suprimidas. A esencia do problema radica no feito de que uns producen mentres que outros deciden os obxectivos e a organización da produción.  As crises económicas cíclicas están no ADN do capitalismo e fanse máis profundas e sincronizadas; consecuentemente auméntase bruscamente o desemprego, expándese de novo o traballo mal pago e sen seguridade social, a vida con dereitos esmagados, con guerras imperialistas para a repartición dos mercados e dos territorios.

A pesar do aumento da produtividade do traballo, as condicións de traballo e de vida deterióranse en todo o mundo capitalista, mesmo nos Estados capitalistas máis desenvolvidos. Os propios Estados capitalistas, os seus centros de investigacións, afirman que se reducen os ingresos dos traballadores, mentres que se aumentan as ganancias dos capitalistas.

O feito de que se crearon as condicións previas para a construción da sociedade socialista-comunista non significa que isto sucederá automaticamente. Unha razón importante é o feito de que, a diferenza das leis da natureza, o desenvolvemento social require a actividade humana, neste caso a loita de clases para a abolición da vella sociedade e a construción da nova sociedade.

O estalido da revolución socialista (así como de todas as revolucións sociais na Historia da humanidade) implica unha situación na cal se debilita a capacidade da clase dominante de asimilar, suprimir e aplacar ao pobo.

Lenin formulou o concepto da situación revolucionaria e identificou as características principais obxectivas e subxectivas da sociedade na véspera da revolución. Con todo, como sinalou Lenin acertadamente, non toda situación revolucionaria desemboca nunha revolución. Nin a reacción dos de "abaixo" nin a crise nos de "arriba" provocarán un derrocamento, a menos que exista un levantamento revolucionario planificado da clase obreira, dirixido pola súa vangarda consciente.

Dito doutro xeito, para que estale a revolución obreira requírese a presenza da vangarda política revolucionaria, do Partido Comunista, armado con elaboracións teóricas e coa predición dos acontecementos baseada na cosmovisión marxista-leninista, capaz de dirixir o levantamento revolucionario da clase obreira.

Desgraciadamente, a experiencia positiva da Revolución de Outubro non foi asimilada e non prevaleceu ao longo de toda a existencia da Internacional Comunista. En cambio, a través dun curso contraditorio, prevaleceu en gran medida o concepto estratéxico que, en xeral, expuña como obxectivo un poder ou un goberno de tipo intermedio entre o poder burgués e obreiro, como poder transitorio cara ao poder socialista.

Hoxe día podemos ver mellor que o esforzo complexo da política de asuntos exteriores da URSS para atrasar o máis posíbel o ataque imperialista e utilizar as contradicións entre os centros imperialistas nesta dirección, está relacionada con importantes alteracións e cambios na liña da Internacional Comunista que desempeñaron un papel negativo no curso do movemento comunista internacional nas décadas seguintes. As alteracións tiñan que ver coa confrontación da corrente fascista, a actitude respecto da socialdemocracia, así como á propia democracia burguesa. Xurdiu entón a distinción política das alianzas imperialistas daquel período en agresivas, nas que se clasificaban as forzas fascistas e nas alianzas defensivas nas que se clasificaban as forzas democrático-burguesas.

En particular, a avaliación respecto da existencia dunha á esquerda e unha á dereita nos partidos socialdemócratas na década de 1930, da que xurdía a alianza con estas forzas, estaba equivocada, o cal menosprezaba a súa transformación completa en partidos da burguesía. Esta distinción equivocada foi mantida mesmo despois da II Guerra Mundial.

Estes cambios, obxectivamente, atrapaban a loita do movemento obreiro baixo a bandeira da democracia burguesa. Respectivamente, a distinción dos centros imperialistas entre os a favor da paz e os a favor da guerra, escondía o verdadeiro culpábel pola guerra imperialista e o ascenso do fascismo, o capitalismo monopolista. É dicir, non sinalaba a tarefa estratéxica imperativa dos Partidos Comunistas de combinar a concentración de forzas pola loita pola liberación nacional ou pola loita antifascista, coa loita polo derrocamento do poder burgués, utilizando as condicións da situación revolucionaria, que se formaron en varios países.

En xeral, a Internacional Comunista nas súas elaboracións estratéxicas subestimou o carácter da época e predominou a definición do carácter da revolución tendo como criterio a posición dun país capitalista no sistema imperialista internacional. É dicir, adoptáronse erroneamente como criterios para a definición do carácter da revolución o nivel mínimo de desenvolvemento das forzas produtivas dun país, en relación co nivel superior alcanzado por poténcialas líderes no sistema imperialista internacional, así como a correlación de forzas negativa a expensas do movemento obreiro revolucionario.

Con todo, o desenvolvemento desigual das economías capitalistas e as relacións desiguais entre os Estados non se poden abolir no marco do capitalismo. En última instancia, o carácter da revolución nos países capitalistas determínase obxectivamente pola contradición básica que debe resolver, independentemente dos cambios relativos na posición de cada país no sistema imperialista. O carácter socialista e as tarefas da revolución xorden da agudización da contradición básica entre o capital e o traballo nos países capitalistas na época do capitalismo monopolista.

En varias elaboracións de Partidos Comunistas, o enfoque do obxectivo do poder obreiro baseábase no criterio da correlación de forzas e non na definición obxectiva da época histórica en que vivimos en base á clase cuxo movemento está na vangarda do desenvolvemento dos acontecementos sociais, é dicir da actividade pola liberación social.

Con todo, estes erros na estratexia do movemento comunista internacional así como os erros cometidos polo PCUS na elaboración da súa política interna, xunto co esperado labor do imperialismo e da contrarrevolución para socavalo, afectaron os acontecementos a continuación.
A Revolución de Outubro puxo de manifesto unha organización superior da sociedade, que foi radicalmente diferente de todos os sistemas que precederon historicamente e cuxo trazo común era a explotación do home polo home.

Naquel período desenvolvéronse as novas institucións de participación obreira, cuxo núcleo inicialmente era o centro de traballo, unha relación política que foi posteriormente violada, retrocedendo ante as dificultades obxectivas existentes así como ante presións subxectivas. Baixo a presión de preparación para a contribución activa de todo o pobo ante a guerra inminente, a Constitución Soviética de 1936 xeneralizou o dereito a voto mediante unha votación secreta universal en base ao lugar de residencia. As asembleas de delegados en cada unidade de produción como núcleos de organización do poder obreiro foron degradadas. Na práctica, aumentouse a dificultade de revogación de delegados dos órganos estatais superiores.

Interpretáronse como debilidades inevitábeis da planificación central e non como resultado das contradicións da supervivencia do antigo, como resultado dos erros dun plan que non fora cientificamente elaborado. Así que no canto de buscar unha solución á expansión e o fortalecemento das relacións comunistas de produción e de distribución, buscouse mirando cara ao pasado á utilización de ferramentas e de relacións de produción do capitalismo. A solución buscouse na expansión do mercado, no "socialismo de mercado".

Como punto de viraxe destácase o XX Congreso do PCUS (1956), porque entón, utilizando como vehículo o chamado "culto á personalidade", adoptouse unha serie de posicións oportunistas sobre cuestións da estratexia do movemento comunista, das relacións internacionais, e, en parte, da economía. En xeral, debilitouse a administración central da planificación. No canto de planificar a transformación dos koljoses en sovjoses e sobre todo de iniciar o paso de toda a produción cooperativa-koljosiana baixo control estatal, en 1958 os tractores e outras máquinas pasaron a ser propiedade dos koljoses, unha posición que fora rexeitada no pasado.

Poucos anos máis tarde, a partir da chamada “reforma Kosyguin” (1965), adoptouse a categoría burguesa do “beneficio empresarial” de cada unidade de produción individual e a vinculación deste cos soldos dos administradores e dos traballadores. A avaliación da produtividade das unidades de produción socialistas tendo como criterio o volume da produción foi substituída pola avaliación do valor do seu produto. O proceso de acumulación de cada unidade socialista foi desconectado da planificación central o cal tivo como consecuencia o enfraquecemento do carácter social dos medios de produción e da reserva de produtos. Ao mesmo tempo, até o 1975, todas as granxas estatais, os sovjoses, pasaran ao réxime de auto-xestión completa. Todas estas medidas levaron á creación das condicións previas para a apropiación e propiedade privada, unhas relacións que estaban prohibidas pola lei.

Aproximadamente no mesmo período foi revisada ademais a percepción marxista-leninista sobre o Estado obreiro. O 22º Congreso do PCUS (1961) describiu o Estado da URSS como Estado “de todo o pobo” e o PCUS como un “partido de todo o pobo”. Estas posicións conduciron a un rápido enfraquecemento e, a continuación, á mutación das características revolucionarias e da composición social do Partido. A dexeneración oportunista do PCUS transformouse nunha forza abertamente contrarrevolucionaria que se manifestou en 1987, mediante a aprobación da lei que consolidaba institucionalmente as relacións capitalistas baixo o pretexto da variedade de relacións de propiedade, da notoria política de "perestroika" e de "glasnost". Este evento sinala o comezo formal do período da contrarrevolución.

Estimados camaradas:

O KKE pretende sacar conclusións necesarias para o presente tanto das vitorias como das derrotas amargas e a retirada do movemento comunista. A través dun gran esforzo colectivo duro o KKE desenvolveu unha estratexia revolucionaria contemporánea que mellora a súa capacidade de organizar focos de resistencia e de contraataque avanzados en cada sector da economía, en cada rexión do país.

O fortalecemento do KKE en todos os niveis, un tema que foi discutido no recente 20º Congreso do Partido, é unha condición previa para a promoción da súa política revolucionaria.

Ao mesmo tempo, o KKE loita polo reagrupamento do movemento comunista internacional, de acordo cos principios do internacionalismo proletario e a solidariedade internacionalista dos pobos contra o capitalismo e a guerra imperialista que se expresan a través de consigna "Proletarios de todos os países, unídevos". Xa se deron algúns pequenos pasos no esforzo de crear un polo distintivo en base aos principios do marxismo-leninismo, a través da "Revista Comunista Internacional" e a Iniciativa Comunista Europea.

Un compoñente da estratexia contemporánea do KKE é a súa percepción programática do socialismo. A construción socialista empeza coa conquista revolucionaria do poder pola clase obreira. O Estado obreiro, a ditadura do proletariado, é o instrumento da clase obreira na loita de clases que continúa no socialismo con outras formas e medios. Utilízase para o desenvolvemento planificado das novas relacións sociais, o cal ten como condición previa a frustración dos intentos contrarrevolucionarios, así como o desenvolvemento da conciencia comunista da clase obreira. O Estado obreiro, como mecanismo de dominación política, é necesario ata que todas as relacións sociais se convertan en comunistas, ata que se desenvolva a conciencia comunista na inmensa maioría dos traballadores, así como ata que se consiga a vitoria da revolución, polo menos nos países capitalistas máis poderosos.

Estimados camaradas:

Hai 100 anos, nesta cidade, o VI Congreso do partido bolxevique tomou a decisión que significou un fito, que trazou a liña da insurrección armada. A implementación da decisión conduciu dentro de poucos meses a que soaron os canóns de “Aurora”. Hoxe, 100 anos despois, os comunistas en todo o mundo están chamados a profundar nesta traxectoria histórica, a sacar conclusións valiosas, a trazar a estratexia revolucionaria contemporánea nos seus países e a nivel internacional.

Esta é a resposta necesaria para a confrontación do traballo corrosivo do oportunismo, para a superación do repregamento ideolóxico, político e organizativo do movemento comunista, o seu reagrupamento revolucionario.

O axuste da estratexia dos partidos comunistas para corresponder co carácter da nosa época, a época de transición do capitalismo monopolista-imperialismo, ao socialismo, que foi inaugurado pola Revolución Socialista de Outubro e, conseguintemente, a superación das etapas de transición que existían nos programas dos partidos comunistas e a definición do carácter da revolución como socialista, é obxectivamente necesaria e exixíbel.

Esta dirección pode contribuír significativamente á liberación de opcións políticas que operan no marco da xestión do capitalismo, como son os chamados “gobernos de esquerda” e a alianza coa socialdemocracia, dar un impulso á loita antimonopolista-anticapitalista, a elaboracións que se basean nas esixencias da loita de clases e poden contribuír significativamente na preparación do factor subxectivo, na concentración de forzas obreiras e populares na loita polo derrocamento do capitalismo e a construción do socialismo-comunismo.


Fonte: KKE
Traducido ao galego pola Revista FORXA.