Conferencia Internacional sobre o 100 aniversario de Outubro (en Leningrado).


O PCPE participou na Conferencia Internacional do 100 aniversario da Revolución de Outubro, celebrada en Leningrado (actualmente, San Petersburgo) entre os días 10 e 14 de agosto.

A conferencia foi organizada polo noso partido irmán PCOR (Partido Comunista Obreiro Ruso), pertencente ao equipo editorial da Revista Comunista Internacional. Asistiron 28 delegacións, incluíndo ao Partido Comunista de Grecia (KKE), o Partido Comunista (Italia), o Partido Socialista de Letonia, o Partido Comunista de Polonia, o Partido Comunista de Siria ou a Unión dos Comunistas de Ucraína, entre outros.

A delegación do PCPE, estivo a cargo do camarada Juan Nogueira, antigo Secretario Xeral dos CJC e actualmente membro da Área Internacional do Partido.

Ademais, 15 organizacións que non puideron estar presentes enviaron un saúdo á Conferencia e interesáronse por asinar a declaración final. Entre outros o Partido Comunista Brasileiro, o Partido Obreiro de Hungría, o Partido Comunista de México ou o Partido Comunista de Venezuela.

Durante a Conferencia analizáronse autocriticamente algunhas das causas que conduciron ao triunfo contrarrevolucionario na URSS e á restauración do capitalismo. O estudo das leccións de Outubro permite coñecer e evitar os erros cometidos na construción do socialismo, así como aplicar os seus principios universais ás condicións concretas de cada proceso revolucionario.

Nese sentido, a intervención do PCPE avaliou negativamente o papel de quen esaxera a particularidade das condicións nacionais para evitar aplicar os principios marxistas-leninistas universais á súa realidade, ou quen se escuda na conxuntura ou a correlación de forzas para evitar expor unha estratexia revolucionaria. Igualmente insistiuse na concepción do imperialismo como a fase superior e última do desenvolvemento do capitalismo, e non unicamente unha política exterior agresiva, polo que supón un erro vestir de “vermello” a actuación de bloques ou polos imperialistas non occidentais.

Coa presenza nesta exitosa Conferencia, o PCPE segue avanzando nas súas relacións internacionais e na necesaria cooperación internacional sobre temas ideolóxicos.


Oficina de prensa do PCPE

Fonte: Novo Rumbo nº3