Diante da represión en Cataluña.


Diante da vaga represiva desatada polo Goberno español en Cataluña, o Secretariado Político do PCPE realiza a seguinte declaración:

A represión exercida polo Goberno español contra as institucións catalás é unha agresión sen precedentes na Historia recente, que choca co discurso oficial sobre a invalidez e inutilidade do 1-O.

A vía represiva adoptada –sobre a que xa advertiramos– incrementa exponencialmente a tensión a escasos días do 1 de outubro e coloca a loita política en Cataluña nun novo plano.

Coa súa actitude, o Estado está a querer mostrar a súa forza e a súa capacidade de desarticulación de todo indicio de contestación interna. A esa orientación responde principalmente a represión contra o 1-O: o Estado pretende deixar claro o seu poder agora para poder logo ofrecer negociacións e pactos desde unha posición reforzada, tratando de asentar na subxectividade das masas que non caben disidencias, nin desde o plano nacional nin, moito menos, desde o plano de clase.

O Estado aspira a lexitimarse azuzando o nacionalismo español, e como consecuencia fortalécense todas as posicións nacionalistas. O Estado fomenta coa súa intransixencia a división da maioría traballadora, cos seus actos xustifica e lexitima a posición independentista, garantindo con iso que todo debate se manteña lonxe das cuestións de clase. Por tanto, a represión estatal diríxese, en última instancia, contra todo o pobo traballador, non só contra os cargos da Generalitat ou contra os independentistas.

Promociónase a idea da “democracia militante”, que xustifica a represión dura, incluso a ilegalización, de quen expoña propostas políticas que exceden dos estreitos límites constitucionais burgueses. Fíxose no pasado recente e volverase a facer. Hoxe o obxectivo son os independentistas, pero que ninguén dubide que mañá volveremos ser os e as comunistas.

Se entre a maioría obreira e popular gana forza o nacionalismo é porque os comunistas estivemos ausentes do escenario político durante moitos anos. Fomos incapaces de expor unha alternativa independente que puxese o acento nas cuestións que nos unen como clase, e non nas que nos separan pola conciencia nacional. Por iso a clase obreira é presa da ideoloxía dominante, por iso a defensa das aspiracións nacionais do pobo catalán diríxena forzas burguesas e por iso a clase obreira española déixase arrastrar por un Goberno burgués que só entende a linguaxe da violencia e a represión. Por todo iso é aínda máis necesario que os comunistas traslademos con claridade a nosa posición.

Quen capitanea a independencia en Cataluña desde as posicións burguesas enfróntanse a un grave dilema: o respecto ou non ás leis que garanten a súa posición de dominio fronte ás clases explotadas pero que á vez lles impiden o desenvolvemento do marco político que consideran idóneo para continuar con esa explotación en mellores condicións. A burguesía hai tempo que deixou de ser unha clase revolucionaria. Por iso non está disposta a chegar ás últimas consecuencias dos seus actos salvo cando, de forma reaccionaria, impide o avance das posicións da clase obreira. Ante o dilema de manter o Estado ou abrir a porta a un proceso verdadeiramente rupturista en que poidan perder o control da situación, a burguesía contemporánea opta sempre polo primeiro, aspirando a adaptalo mellor aos seus intereses.

Quen sofre a represión, en último termo, é sempre o pobo traballador. Os corpos policiais, baixo unha ou outra bandeira, reprimiron duramente a traballadores e traballadoras, a estudantes, a folguistas e a todo aquel que puxo en dúbida o capitalismo e as súas consecuencias. Todos os gobernos burgueses recortaron os nosos dereitos e liberdades. Son gobernos que actúan contra os traballadores e traballadoras, contra os explotados e explotadas, pero aspiran a que os sigamos cegamente. Lévannos a calellos sen saída, ofrécennos falsas ilusións para acabar descargando en nós as peores consecuencias do seu modelo económico e social, do capitalismo.

Como traballadores e traballadoras, como comunistas, coñecemos ben o que é a represión. Coñecemos ben o que ocorre nos piquetes, nas manifestacións, o que cada día se ve nos centros de traballo. Combater contra a represión está no noso ADN, por iso condenamos con absoluta rotundidade toda medida represiva que, dirixida hoxe contra outras forzas políticas, finalmente irá dirixida contras as organizacións obreiras e populares, contra as forzas que son o verdadeiro motor das transformacións sociais. Facémolo igual que o fixemos no pasado, cando se detiña a representantes políticos independentistas noutros territorios. A diferenza nos nosos obxectivos non impide que hoxe, fronte á represión, sexan dos nosos.

Chamamos a participar nas mobilizacións contra a represión, e a incorporar plenamente á loita democrática a loita clasista, as reivindicacións da nosa clase, que deben ir necesariamente unidas para dotar de pleno sentido á mobilización obreira e popular.

Viva a clase obreira de Cataluña!
Viva a loita da clase obreira!

21 de setembro de 2017
Secretariado Político do PCPE