Unha delegación do Partido Comunista dos Pobos de España,
encabezada polo seu Secretario Xeral, Ástor García, acompañado por tres membros
máis do Secretariado Político —Secretario de Internacional, Secretario de Axitación
e Propaganda e un membro da Secretaría de Finanzas— visitou Turquía entre os
días 11 e 14 de agosto, convidados fraternalmente polo Partido Comunista de
Turquía (TKP).
A viaxe tivo como obxectivo o estreitamento de relacións
entre ambos partidos e o coñecemento das realidades de cada país e de ámbalas dúas
organizacións, a fin de avanzar na mellora das ferramentas de combate na loita
de clases, así como na cooperación entre os comunistas de España e de Turquía.
O TKP e o PCPE, ámbolos dous membros fundadores da
Revista Comunista Internacional e da Iniciativa Europea de Partidos Comunistas
e Obreiros, abordaron temas de interese común no ámbito internacional, no plano
da loita ideolóxica, sobre a situación política en ambos países, sobre a
intervención no movemento obreiro, así como sobre organización e finanzas, e axitación
e propaganda.
A delegación do PCPE puido comprobar de primeira man a
actividade do TKP na rúa, a partir, por exemplo, dun organizado traballo de
difusión da prensa comunista. Así mesmo, a presenza e influencia do partido
desenvolve un importante traballo no ámbito popular, a través de comités
populares e de centros culturais, nos que os membros do PCPE puideron
corroborar a forza dos comunistas turcos.
Por outra banda o traballo do TKP no seo do movemento
obreiro foi outro dos importantes aspectos da actividade dos comunistas en
Turquía que os membros do Secretariado do PCPE puideron coñecer. Un encontro
con traballadores do sector metalúrxico —fundamentalmente— e doutros sectores
—como traballadores dos aeroportos— tivo lugar durante a xornada do domingo,
resultando de gran interese o coñecemento das diferentes realidades obreiras,
especialmente no referente á organización sindical nun e outro país. O encontro
deuse nunha área campestre onde decenas de militantes e simpatizantes do TKP se
reúnen para pasar de pícnic a xornada de descanso, nunha próxima localidade a
Istambul, onde reside gran parte do proletariado metalúrxico.
O Secretario Xeral do PCPE, Ástor García, tivo a
oportunidade de ofrecer unha charla na sede central do TKP en Istambul, na que
abordou a realidade política española e os presentes e futuros retos que o PCPE
ten fixados. A charla, ante preto dun centenar de asistentes, pechouse cunha
interesante rolda de preguntas por parte do público.
Oficina de prensa do PCPE
21 Agosto 2017
Foto 1: Intercambio de presentes entre Kemal Okuyan (SG del TKP) e Ástor García (SX do PCPE).
Foto 2: Reunións bilaterais entre as direccións do TKP e do PCPE.
Foto 3: Encontro con traballdores metalúrxicos do TKP.
Fonte: Novo Rumbo nº3