A loita obreira e a unidade de clase son unha arma cargada de futuro.


Cando se cumpren 10 anos do estalido dunha crise capitalista sen precedentes e despois de terríbeis arremetidas contra os dereitos da clase traballadora por parte dos gobernos criados da burguesía, asistimos a un intento máis de deterioro do sistema público de pensións. Preténdese a súa privatización e desmantelamento, á vez que se endurecen as condicións para acceder a unha pensión de xubilación.

Resulta cínico e dramático á vez que a suposta “recuperación económica”, en lugar de devolvernos o roubado nestes anos de contrarreformas e de políticas antiobreiras, se traduza en máis agresións e saqueos ao conxunto da clases traballadoras e aos pensionistas, reducindo o poder adquisitivo das pensións mentres se impoñen copagos farmacéuticos e subidas de impostos. É un insulto que se baleire a hucha das pensións mentres se regalan miles de millóns de euros á banca privada.

Ao longo de todos estes anos, o PARTIDO COMUNISTA veu denunciando, non só o alcance e as consecuencias destas políticas para o pobo traballador, senón tamén a inutilidade das propostas que desde as forzas socialdemócratas se viñeron realizando. A desmobilización, a insuficiente contestación aos plans do capital, fixo imposíbel frear a tendencia ao empobrecemento e a deterioración das nosas condicións vida e de traballo.

Hoxe, con salarios de miseria e a precariedade dos contratos de traballo, as cotizacións á caixa de pensións diminúen mentres as rebaixas ás cotizacións empresariais explican a caída de ingresos de 2.500 millóns por ano na recadación da Seguridade Social. A todo iso, hai que sumar o latrocinio ao Fondo de Reserva da Seguridade Social para pagar o rescate de 61.000 millóns á banca... En tales condicións, a escusa para levar a cabo o recorte das pensións está servida. Dirannos que “non é sustentábel”, como antes fixeron coa sanidade ou a educación mentres se aprestan a colocar en mans privadas cantidades fabulosas de diñeiro público.

Un golpe moi duro nun país onde máis do 40% dos parados e paradas non perciben ningunha prestación ou subsidio, en que máis do 50% das pensións son inferiores ao salario mínimo interprofesional, onde un 35% de familias obreiras dependen dos seus maiores para sobrevivir e a mocidade obreira soporta unha explotación brutal, traballando máis por menos salario, mentres a súa taxa de paro se sitúa por encima do 40%.

O capital vai por todas. O incremento da produtividade desta última década foi integramente transferido aos monopolios e ás grandes fortunas, que se apropian dos recursos e a riqueza necesaria para o mantemento dos servizos e os sistemas públicos de protección social. É necesario organizar a loita, de retomar o sindicalismo de clase e combativo, a unidade e a solidariedade de clase para recuperar as conquistas que nos roubaron e disputar novos dereitos nunha loita de clases que non cesa e que non admite neutralidade: se non loitamos, derrotarannos.

O sistema público de pensións é una conquista froito da loita e a unidade do movemento obreiro e sindical á que non renunciaremos xamais.

Loitar por Un País Para a Clase Obreira é hoxe unha necesidade histórica, a clase obreira debe tomar nas súas mans o control da economía.

Só a loita impedirá o retroceso dos nosos dereitos!

Defendamos as nosas pensións!