Lumes, nunca máis!


Galiza vese azoutada outro ano máis polas lapas. Ano tras ano repítese o mesmo masacre nos nosos montes.

Chove cinza, o ceo é negro, o vento non dá tregua, miles de voluntarios e de profesionais combaten as lapas, heroes sen nome. Só o pobo salva ao pobo.

Todos e todas sabemos que este masacre é evitábel. Hai culpábeis, os incendiarios por plantarlle lume ao monte, o goberno por recortar en medios de prevención, por privatizar a extinción dos lumes, convertendo esta nun negocio moi rendíbel, que por suposto pagamos todas e todos nós, a mafia forestal que especula coa madeira queimada, as plantas de celulosa, os cultivos masivos de eucalipto e piñeiro, a recalificación de terreos queimados e, como non, a impunidade dos pirómanos que asasinan a vida dos nosos montes.
Hai culpábeis e hai motivos:
  • A eucaliptización salvaxe que, á par que favorece a propagación do lume, expulsa á flora autóctona e devasta os recursos naturais empobrecendo a terra, mentres impide o desenvolvemento doutras actividades económicas máis rendíbeis, que deterían o despoboamento do rural galego e daríanlle un futuro real.
  • O abandono absoluto, a falta de planificación e perspectiva do agro galego no seu conxunto. A salvaxe forestalización do agro galego que comezou xa na ditadura e que se agudizou coa entrada de Galiza na UE, a falta de aproveitamento do monte e a ausencia dunha planificación económica do agro galego. Aquí só priman os intereses dos monopolios e a reserva de Galiza como produtora de pasta de papel da que a UE é deficitaria.
  • A aprobación da Lei de Montes para a recalificación de terreos incendiados.
  • A precarización e privatización dos servizos de extinción de incendios (BRIF e Bombeiros).
  • As Comisións de servizo e manobras militares en tarefas de mera vixilancia sen efectuar labores reais de extinción de lumes nin moito menos de prevención dos mesmos.
  • A anulación das competencias dos Axentes medioambientais e forestais en prol do SEPRONA da Garda Civil.

As lapas barren os nosos montes, deixando todo negro ao seu imparábel paso. Un dano irreparábel e impune. Basta xa! Non podemos consentir que ano tras ano se repita a mesma traxedia nos nosos montes. É tempo de análise, tempo de reflexionar os motivos polos que cada ano morre o noso monte.

Galiza está tinguida de negro, hai culpábeis, hai solucións.

A desfeita á que asistimos é un crime de clase que favorece os intereses económicos especulativos das grandes empresas capitalistas.

A solución pasa pola defensa do carácter público dos servizos de prevención e extinción de incendios, a defensa decidida das condicións de traballo e dereitos laborais dos traballadores da extinción de incendios, a nacionalización e control obreiro sobre os medios de produción, a terra e os montes e a xestión colectiva dos nosos recursos e forzas produtivas.

LUMES NUNCA MÁIS!
NO CAPITALISMO NON HAI FUTURO PARA A NOSA TERRA NIN PARA A NOSA XENTE
OU EL€S OU NÓS!
- Por un País para a Clase Obreira -

Comunistas da Galiza-PCPE
15-10-2017