[25N] Hai 100 anos conseguímolo. Loitemos por recuperalo!

Durante o mes de novembro asistimos unha vez máis a unha serie de escenificacións desde os partidos burgueses e os seus medios de comunicación a respecto da violencia contra as mulleres.

Como é seu costume, a clase no poder e os seus representantes políticos e mediáticos continuarán a tratar esta traxedia que vivimos a diario como se dun feito illado se tratase e non dun problema social que afecta sinaladamente ás mulleres da nosa clase traballadora e que ten causas enraizadas no máis fondo do sistema de explotación clasista no que nos achamos inmersas.

Neste mes de Novembro celébrase tamén o Centenario da Gran Revolución Socialista de Outubro e corresponde máis que nunca lembrar o papel xogado nela polas mulleres e o que supuxeron as conquistas de Outubro para a muller soviética e para as mulleres obreiras de todo o mundo.

Antes da Revolución, na Rusia semifeudal a muller carecía de dereitos , encadeada ao matrimonio, escrava do pai e do marido e afastada da vida social e da propiedade sobre os bens.

O seu acceso á produción, aínda que provisional e substitutorio -na coxuntura da primeira gran guerra imperialista-, trouxo consigo a incorporación da muller traballadora á loita social e política.
De feito a incorporación de milleiros de mulleres á loita revolucionaria foi un factor fundamental do trunfo da Revolución.

Ao xove Estado Obreiro corresponde a lexislación pioneira sobre dereito a sufraxio e participación en pé de igualdade da muller na vida laboral, social e política. O dereito ao divorcio, a despenalización do aborto gratuíto nos hospitais do Estado, a licenza maternal remunerada, a abolición da prostitución, a eliminación da distinción entre fillos lexítimos e ilexítimos... foron conquistas pioneiras do Socialismo que abriron camiño ás reivindicacións de millóns de mulleres no mundo enteiro.

A transformación do traballo doméstico en traballo social a través dunha rede de garderías, comedores, casas de maternidade, lavanderías populares, e a posta da técnica ao servizo da mecanización dos máis duros traballos no campo e na industria, durante os Plans Quinquenais, foi a base material que fixo posíbel a emancipación das mulleres das tarefas tradicionalmente asignadas a elas no vello réxime. A súa alfabetización en masa e incorporación á produción, aos estudos superiores e á xestión e dirección da produción.

A Revolución Socialista sentou as bases materiais e técnicas para a emancipación efectiva da muller.

Outubro amosou que só cando a propiedade sobre os medios de produción muda de amos e xa que logo a economía planificada baixo control das obreiras e os obreiros se coloca ao servizo da maioría da sociedade e da satisfacción das necesidades sociais, comeza a ser un feito a posibilidade de conquistar a igualdade para millóns de mulleres liberadas do sistema de explotación que as utiliza como escravas domésticas e exército de reserva.

Outubro amosa que a participación das mulleres traballadoras, en unidade con toda a súa clase, na loita organizada obreira e revolucionaria, é a única garantía da vitoria.

Comunistas da Galiza-PCPE
[Novembro 2017]