Non ao desmantelamento da sanidade pública!


Tal como denunciou a representación sindical dos traballadores e traballadoras da Sanidade, a Reforma da Lei de Saúde da Xunta avanza no desmantelamento de servizos sanitarios nas zonas máis illadas e na privatización da sanidade.
Co pretexto de "optimizar a utilización dos recursos", a Xunta suprime as áreas do Barco, A Mariña, Monforte e O Salnés, afastando así os servizos sanitarios das persoas. Reduce de 11 a 7 as áreas sanitarias provocando unha perda considerábel do número de camas e servizos nos hospitais comarcais, facendo aínda máis difícil o acceso aos servizos, paralizando a reforma da atención primaria e reducindo o número de traballadores e traballadoras á vez que precarizan as súas condicións laborais.

Eliminar as áreas sanitarias pequenas e fusionalas con outras para crear “macro-áreas” -centralizando así servizos e afastando a sanidade das zonas máis periféricas-, expresa o desprezo da Xunta do PP polas necesidades máis básicas da poboación.

O capital e os seus xestores políticos lexislan de costas á maioría traballadora e evidencian a súa intención de converter un servicio público en beneficio privado só accesíbel a aqueles poucos que o poidan pagar.

O mapa sanitario de Feijóo expresa as necesidades dos negocios privados e non as necesidades da maioría do pobo traballador.

Desde Comunistas da Galiza-PCPE amosamos o noso rexeitamento a este recorte, esiximos a retirada do anteproxecto e o mantemento das áreas sanitarias.

A organización e a mobilización son o único camiño para parar este novo ataque á sanidade pública.

Comunistas da Galiza-PCPE
8/12/2017