Actualidade en Grecia.

Actividades multiformes combativas dos sindicatos contra a política antipopular.

O venres 9 de xaneiro pola tarde en Atenas, Tesalónica e outras grandes cidades de Grecia tiveron lugar mobilizacións masivas e dinámicas en base á decisión de moitas federacións sectoriais, Centros Laborais Rexionais e Sindicatos de traballadores, contra o novo proxecto de lei antipopular que trae o goberno de SYRIZA-ANEL no Parlamento. Este proxecto de lei prevé unha serie de medidas acordadas entre o goberno, a Unión Europea e o FMI no marco da terceira avaliación da súa política.


O novo paquete de medidas do goberno, entre outras cousas, ataca o dereito dos traballadores e traballadoras a convocar unha folga. Prevé que para a declaración de folgas polos sindicatos de base precísase o acordo do 50% dos membros inscritos. Ademais, o goberno pretende promover esta medida baixo o pretexto da "democracia". Isto ocorre mentres que nos centros de traballo prevalece a intimidación por parte dos empresarios, o perigo de despedimentos pola participación nas loitas, en condicións nas que o desemprego alcanzou taxas particularmente altas.

Ademais, o proxecto de lei estenderá as poxas de propiedades aos que teñen débedas cara ao Estado (servizo de impostos, fondos de seguridade social) e reducirá os beneficios sociais restantes.

A mobilización dos sindicatos en Atenas comezou cunha concentración na praza central de Omonia e finalizou co encontro de representantes dos manifestantes coa dirección do Ministerio de Traballo. Cando os manifestantes chegaron ao Ministerio, os representantes dos traballadores esixiron que se abrisen as portas do Ministerio e que se atopasen coa dirección política do Ministerio. Posto que a súa demanda quedou sen resposta, abriron eles mesmos as portas. Gritaban consignas como: "A lei é o que é xusto para os traballadores, non para as ganancias dos capitalistas" e "Sen ti non se move nin sequera unha engrenaxe, os traballadores poden prescindir dos patróns" e colgaron na entrada do edificio unha pancarta de nome máis apropiado polo seu traballo: "Ministerio do FMI, da UE, dos empresarios".

A continuación, uns representantes dos sindicatos foron á oficina da ministra Efi Ajtsioglu onde estaba acompañada pola vice-ministra Theano Fotiou.

Os representantes dos traballadores subliñaron que é unha vergoña abolir o dereito de folga que é un dereito polo que moitas xeracións de traballadores e traballadoras se teñen sacrificado. Denunciaron que a lei que trae o goberno é idéntico cunha lei do goberno anterior, da ND, e lembráronlles que 35 sindicalistas da PAME levan a xuízo o 18 de febreiro por unha mobilización similar que realizaran contra aquela lei en 2013.

Á demanda dos representantes dos traballadores de retirar a emenda respecto da folga, a ministra respondeu un ton seco "non" e decidiu marcharse da oficina sen responder as demandas dos representantes dos sindicatos.

Os traballadores e traballadoras permaneceron durante moitas horas fora do Ministerio coreando consignas, mentres que na entrada do Ministerio pintaron unha consigna que dicía "Mans fóra do dereito de folga!". Ao mesmo tempo, os altofalantes chamaban ao pobo a participar na folga e nas concentracións o 12 de xaneiro, e os manifestantes colgaron unha enorme pancarta na fachada do Ministerio que dicía "Goberno-gran capital-UE, escoitade ben... Mans fóra do dereito de folga. É un dereito dos obreiros."


A concentración na praza Omonia.

A mobilización comezou na praza Omonia coa consigna central "Non ides abolir o dereito de folga, por moitas leis que aprobedes".

Na concentración na praza Omonia, Giannis Tasioulas, presidente da Federación de Traballadores na Construción, tomou a palabra destacando que o proxecto de lei está a desmentir o conto do goberno. "Xa abondan os contos sobre democracia", dixo referíndose á propaganda do goberno para xustificar os cambios na toma de decisións de folga. Subliñou que o seu obxectivo básico é establecer un estado de control nos sindicatos para controlar de maneira máis asfixiante a súa actividade sindical, pór aínda máis obstáculos na toma de decisións de folga e de demandas combativas.

Na pancarta na parte posterior do escenario "Pasamos á contraofensiva. Mans fóra do dereito de folga. Que se asine un Convenio Colectivo Xeral Nacional de Traballo xa. Esiximos 751€ como salario mínimo. Esiximos convenios colectivos sectoriais con aumentos. Esiximos a prohibición das poxas".

A consigna que predominaba nas pancartas das Federacións e os Sindicatos foi: "Mans fora do dereito de folga" mentres que os altofalantes facían un chamamento de participación masiva na folga de 12 de xaneiro convocada por federacións sectoriais e centros laborais rexionais. A maioría nas confederacións sindicais (GSEE-ADEDY) rexeitou a proposta das forzas de clase de convocar unha folga xeral nacional. A súa decisión foi condenada polos sindicatos de clase que se agrupan na Fronte Militante de Todos os Traballadores (PAME) que emitira un chamamento para participar na folga o venres 12 de xaneiro e noutras iniciativas combativas dos días próximos.


O mércores pola mañá, traballadores e traballadoras de decenas de sindicatos do sector público e privado que se agrupan na PAME organizaron unha mobilización dinámica fora da mansión do Primeiro ministro, chamando ao goberno a retirar xa o miserábel proxecto de lei que ataca contra o dereito de folga e estende as poxas.

10/01/2018
Fonte: KKE
Traducido ao galego pola Revista FORXA.