Entrevista a Marina Quintillán, Secretaría de Liberación da Muller do PCPE

“PENSAR QUE É POSIBLE CONSEGUIR A IGUALDADE ENTRE AS PERSOAS NUN SISTEMA BASEADO ESENCIALMENTE NA DESIGUALDADE É UNHA UTOPÍA PERIGOSA”

Marina Quintillán é a Secretaria do Departamento de Liberación da Muller do Comité Central do PCPE. Falamos con ela sobre a situación da loita polos dereitos da muller traballadora, do 8 de Marzo e de como enfoca o PCPE esta loita.


Novo Rumbo: Tras o recente XI Congreso do PCPE, pódesnos comentar cales son as análises que o Partido realiza no relativo á situación das mulleres traballadoras?

Marina Quintillán: O XI Congreso serviu, entre outras moitas cousas, para clarificar as claves en que as e os comunistas entendemos a loita das mulleres traballadoras no contexto obxectivo en que se insire, no marco da loita de clases da que forma parte inseparábel.

Baixo o capitalismo, as mulleres incorporámonos ao mundo do traballo en condicións de subsidiariedade e de sobreexplotación, o que vén traducindo en discriminación salarial e laboral, persecución e acoso patronal. O outro papel que nos foi asignado ás mulleres obreiras, o de reprodutoras da forza de traballo no espazo doméstico, limita as nosas posibilidades de incorporación plena ao mundo do traballo en igualdade de condicións.

Do papel que se nos asigna ás mulleres traballadoras emanan todo o resto de abusos e violencia que sufrimos no traballo, pero tamén no resto dos ámbitos da vida social, na rúa e na casa.

NR: Cabe entón a plena igualdade no capitalismo?

MQ: Non, hai que dicilo con claridade. Pensar que é posíbel conseguir a igualdade entre as persoas nun sistema baseado esencialmente na desigualdade é unha utopía perigosa. Esa utopía escurece e oculta o vínculo entre a nosa situación e as bases obxectivas socioeconómicas en que se fundamenta, que xa mencionei.

A desigualdade inherente ao sistema capitalista está na base de toda forma de opresión e  sobreexplotación, e maniféstase nunha infinidade de formas de discriminación, abuso, violencia patronal, precariedade e subemprego vinculadas á nosa posición como responsábeis dos coidados e reprodutoras da forza de traballo, que teñen a súa continuidade en todas as esferas da vida social e persoal máis aló do ámbito laboral.

Para as comunistas, a opresión contra as mulleres na sociedade e na familia é parte inseparábel da loita de clases.

NR: Desde algunhas organizacións de mulleres exponse que a loita polos nosos dereitos como mulleres nos incumbe unicamente a nós. Como ves estas formulacións?

MQ: Tales formulacións son falsas, desde o momento en que non existe coincidencia de intereses entre a muller traballadora e a muller explotadora. A identificación interclasista coas mulleres da burguesía non nos fará avanzar cara ao noso obxectivo emancipador.

Pola contra, o movemento organizado das mulleres traballadoras en loita polos nosos dereitos está inseparabelmente vencellado á loita xeral de toda a clase obreira.

Situábao ben a comunista alemá Clara Zetkin xa a finais do século XIX cando dicía que “A emancipación da muller, como a de todo o xénero humano, só se tornará realidade o día en que o traballo se emancipe do capital. Só na sociedade socialista as mulleres, como os traballadores, tomarán posesión plena dos seus dereitos”.

NR: Como se pode levar a cabo esa formulación de organizar ás mulleres traballadoras para a defensa e reivindicación dos nosos dereitos?

MQ: É necesario levantar unha fronte organizada de loita polos dereitos da muller traballadora que organice e agrupe ás amplas masas de mulleres de extracción obreira e popular para a loita contra a opresión específica da muller baixo o capitalismo.

A loita por obxectivos concretos que contribúan á mellora das nosas condicións de vida inmediatas, aí está o punto de partida para avanzar na comprensión da opresión a que estamos sometidas, para o desenvolvemento da nosa conciencia política e social, para converter o combate diario polas nosas reivindicacións en parte inseparábel do proceso de acumulación de forzas e de reagrupamento clasista que nos conducirá á nosa efectiva emancipación.

NR: A partir desa análise, cales son os eixos centrais sobre os que vai traballar o PCPE durante este período?

MQ: Debemos loitar no inmediato por unha batería de reivindicacións que, no campo laboral,  abarcan desde a igualdade salarial até a redución xeral da xornada e ampliación xeral de permisos e licenzas para todas as traballadoras e traballadores; pero estas demandas deben ir acompañadas dunha loita decidida pola socialización dos coidados e o traballo socialmente necesario; polos nosos dereitos reprodutivos e contra todas as formas da violencia, o acoso e a opresión das mulleres. Na rúa, no traballo e na casa.

Trátase de cuestións prioritarias e inmediatas que debemos entender como estreitamente ligadas, por unha banda, á nosa proposta estratéxica emancipadora, e por outra banda desenvolvidas nunha extensa batería de propostas no ámbito laboral, no ámbito da discriminación, da violencia contra as mulleres e dos nosos dereitos sexuais e reprodutivos que desenvolvemos cumpridamente no noso Programa.

NR: A que che refires ao falar da socialización do traballo reprodutivo?

MQ: A muller traballadora realiza gratis no ámbito doméstico unha serie de traballos socialmente necesarios vinculados ao coidado e a atención de fillos, familiares dependentes e á reprodución da forza de traballo do produtor directo. A reprodución da forza de traballo, como parte esencial do funcionamento económico capitalista é imprescindíbel para entender a opresión da muller.

Subliñamos que isto afecta especificamente á muller traballadora, porque as mulleres doutras clases e capas sociais dispoñen de recursos para solucións alternativas que frecuentemente pasan pola explotación doutras mulleres.

Neste momento sería posíbel aplicar os avances científico-técnicos ao traballo reprodutivo e satisfacer esa necesidade social dedicando ao mesmo unha escasa proporción de forza de traballo repartida igualitariamente.

A socialización do traballo reprodutivo foi probada con éxito en todos os países socialistas e, moi especialmente, na Unión Soviética, que nos ofrece numerosos  exemplos das novas condicións en que se expón entón a loita pola emancipación das mulleres, incorporadas xa masivamente á produción e libres das cadeas do traballo doméstico.

NR: Ao falar sobre a situación da muller, o PCPE sempre fai referencia á situación nos antigos países socialistas, onde están as diferenzas entre entón e agora?

MQ: Esa comparación daría pé a pensar que volvemos ao pasado. Con todo isto non é así. O capitalismo do presente e do futuro, o único posíbel, é e será para as mulleres da clase obreira e o campo popular o de perda de dereitos laborais, paro, precariedade e sobreexplotación,  privatización de servizos básicos, violencia e abuso no traballo e en todos os ámbitos da vida social e persoal. As conquistas do Socialismo ofrecen un vivo contraste con esta realidade sombría que hoxe é a de millóns de mulleres da nosa clase.

A construción socialista sentou as bases materiais e técnicas para a emancipación efectiva da muller. A transformación do traballo doméstico en traballo social a través dunha rede de gardarías, comedores, casas de maternidade, lavandarías populares, e a posta da técnica ao servizo da mecanización dos máis duros traballos no campo e na industria foi a base material que fixo posíbel a emancipación das mulleres das tarefas tradicionalmente asignadas a elas na sociedade de clases. A súa alfabetización en masa e incorporación á produción, aos estudos superiores e á xestión e dirección da produción e do Estado nas condicións da construción socialista, demostrou que, só cando a propiedade sobre os medios de produción cambia de amos e por tanto a economía planificada baixo control das obreiras e os obreiros colócase ao servizo da maioría da sociedade e da satisfacción das necesidades sociais, comeza a ser un feito a posibilidade de conquistar a igualdade para millóns de mulleres liberadas do sistema de explotación que as utiliza como escravas domésticas e exército de reserva.

NR: Para o 8 de Marzo que formulación ten o PCPE?

MQ: O Partido Comunista valora que é  imprescindíbel converter o 8 de Marzo nunha importante xornada de loita na que as traballadoras e o resto da nosa clase fagamos visible o noso combate unido contra o destino de opresión que nos reserva o sistema de explotación no que nos achamos inmersas e inmersos.

Entendemos ese día como unha xornada de loita  de toda a clase traballadora  polos dereitos específicos da muller traballadora que é o resultado natural e a culminación dun traballo diario de concienciación, mobilización e organización que se dirixe ás mulleres traballadoras pero tamén ao  conxunto da nosa clase, e no que os nosos compañeiros deben estar involucrados de cheo.

Saudamos o feito de que as organizacións sindicais teñan superado os ambiguos contornos cidadanistas e interclasistas que se quixo dar a esta xornada de loita convocando paros laborais para o 8 de Marzo, situando así correctamente  o 8 de Marzo no corazón da loita de clases, nos centros de traballo.

Chamamos a apoiar e participar nos paros laborais convocados polas organizacións sindicais e nas concentracións e manifestacións convocadas para ese día en defensa dos dereitos da muller traballadora.

NR: Moitas grazas Marina.


Fonte: PCPE
Traducido por Revista FORXA