Que esconde a proposta dun MIR para docentes?


O Ministro de Educación, Íñigo Méndez de Vigo, anunciaba recentemente a intención do seu partido de propor, no marco das negociacións sobre o denominado “pacto educativo”, un modelo de acceso á docencia similar ao sistema MIR que se utiliza para os profesionais da medicina.

A proposta non é nova. De feito, cada certo tempo algún representante político (de case todas as formacións parlamentarias) recupéraa para instigar o debate sobre o sistema educativo e colocar a opinión pública diante de falsos dilemas.

O que se esconde trala proposta do MIR docente non é nada novo tampouco. A intención é xerar un clima social de apoio ás sucesivas medidas de agresión contra os dereitos laborais dos traballadores e traballadoras da ensinanza. Foméntase a idea de que os problemas do sistema educativo están fundamentalmente en quen traballa nel (que se están mal formados, que se están mal elixidos, etc.), e así o foco desaparece das constantes denuncias sobre a carencia de medios, a masificación das aulas e as malas condicións en que a anos de recortes e unha sistemática e indisimulada aposta polo ensino concertado deixaron aos centros educativos públicos.

Criminalizar e culpar dos males dun sector aos traballadores e traballadoras do mesmo non é só unha actitude miserábel, é tamén unha posición funcional aos intereses da patronal. Abordar a proposta do MIR docente sen entrar a discutir (e confrontar) as razóns polas que as autoridades educativas (Ministerio e Consellarías ou Departamentos autonómicos) levan anos realizando un ataque sistemático ao sistema educativo en xeral, e ao público en particular, é deixarse atrapar polo falso dilema que interesa aos poderes económicos que están detrás deste tipo de propostas.

Mentres se discute sobre os soldos dos controladores aéreos, os “privilexios” dos estibadores, as prexubilacións da minaría ou as vacacións do profesorado non se fala sobre as condicións reais en que realizan o seu traballo, ou se ignoran as denuncias constantes sobre o empeoramento sistemático das condicións laborais. O obxectivo final? Lograr unha división entre traballadores e traballadoras de distintos sectores que é sumamente útil para os intereses da patronal. Así, se un sector concreto de traballadores se mobiliza, a solidariedade de clase será menor. Terán feito efecto as moreas de propaganda lanzadas previamente. Cos traballadores recelando uns doutros e botando na cara os supostos privilexios que teñen os demais é como mellor se aplican todas as medidas antiobreiras que só benefician aos capitalistas. A táctica está más vista que o tebeo, é o clásico “divide e vencerás” que, vaia que si, o inimigo utiliza na loita de clases.

Que ninguén o dubide, a idea do MIR docente é unha proposta populista. Unha vez que se xerou a idea do carácter privilexiado dos e das docentes, proponse un modelo de acceso ao sistema educativo non universitario baseado en cursar un grao, un máster, realizar un exame, unhas prácticas de dous anos e outro exame. Búscase que algún outro traballador ou traballadora pense “que se fodan”, mentres na práctica se restrinxe brutalmente a posibilidade de acceso a todos aqueles mozos e mozas que non teñen medios económicos para custear ese longo proceso.

Por outra banda, profúndase na xa moi estendida idea de que, para acceder a un traballo, é necesario pasar previamente por un período de tempo en que as condicións laborais son sensibelmente peores que as do resto de compañeiros e compañeiras. As prácticas non remuneradas en empresas ou outras entidades que son necesarias para obter o título, o denominado contrato en prácticas, o contrato para a formación e a aprendizaxe, o Plan de Garantía Xuvenil ou a FP dual son a punta do iceberg dunha realidade que debemos transformar radicalmente. Baixo esa punta existen multitude de sectores en cuxas empresas a patronal esixe habitualmente períodos de traballo “a proba” durante os que nin se pagan salarios, nin cotizacións, nin existen dereitos laborais de ningún tipo. Como nos deixamos convencer de que iso debe ser así? Preguntémonos até que punto deixamos que nos contaminen os puntos de vista burgueses, até que punto somos, ao criticar a outros compañeiros e compañeiras, punta de lanza de intereses alleos. 

Ástor García

[Fonte: Novo Rumbo #6]