Stalingrado, o recordo necesario da loita polo futuro.



Na historia da Humanidade hai algunhas datas marcadas para sempre. Son puntos de inflexión que determinan o avance da razón e a xustiza ou da barbarie, da liberdade ou da opresión. Un deses días é o 2 de febreiro de 1943. Ese día o mundo enteiro, pódese dicir, foi unha soa cidade: Stalingrado. Selábase a vitoria oficial do Exército Vermello sobre os exércitos nazis nunha batalla que durara máis de cinco meses.

Dous días antes daquel 2 de febreiro, por primeira vez un mariscal alemán se rendía diante dun exército inimigo, o xeneral Friedrich Paulus, á fronte do 6º Exército da Wehrmacht, entregábase, negándose a acatar a orde de Hitler de resistir até o final. Xunto con el, o Exército Vermello facía prisioneiros a máis de 100.000 soldados alemáns. O inédito feito da rendición do recén nomeado mariscal Paulus supuxo un acontecemento histórico de primeira magnitude, a primeira gran derrota da Alemaña hitleriana no campo de batalla. En consecuencia, o inicio do fin do nazifascismo.

De Stalingrado díxose moito, xeralmente contaminado polo interese de desvirtuar o exemplo heroico non só dun exército, o Vermello, senón de todo un pobo, o soviético. Contáronse relatos de todos os horrores vividos nunha cidade reducida a ruínas. Falouse do inferno dos francotiradores e do frío baixo o que sucumbiron os alemáns. Exacerbouse todo o “cinematográfico” e levouse ao esquecemento, cando non á mentira, a verdade histórica, as causas e as consecuencias da defensa dunha cidade que se convertíu na fronteira entre a barbarie e a liberdade. Stalingrado sufriu, en definitiva, a mesma revisión histórica que sufriu a Segunda Guerra Mundial, a mans dunha historiografía e dunhas industrias culturais co obxectivo de borrar unha verdade incontrovertíbel: que o nazismo foi derrotado grazas á Unión Soviética.

En Stalingrado perderon a vida case medio millón de soviéticos, ao redor de 40.000 deles civís. No cómputo xeral da guerra foron máis de 20 millóns os mortos que puxo a Unión Soviética, fronte aos 5 de Alemaña, ou aos 300.000 soldados estadounidenses que caeron na fronte. A frialdade das cifras ofrece un rápido calafrío diante da perversidade da campaña anticomunista que dende a historiografía e a propaganda cultural trata de velar o papel absolutamente determinante da URSS no devir da contenda. É dunha perversión e dunha obscenidade terríbeis que unha enorme maioría crea hoxe que a vitoria sobre o nazismo produciuse por causa da intervención aliada na fronte occidental. A propaganda capitalista conseguiu que o desembarco de Normandía estea máis presente no imaxinario colectivo que as ruínas de Stalingrado. A verdade histórica, con todo, non pode alterarse por moita tinta que se emborrone. Cando se trata da historia dun pobo que dá un paso heroico cara ao futuro, a verdade acaba por prevalecer.

A actual campaña de persecución do comunismo, con condenas de prisión e ilegalizacións de partidos comunistas e obreiros en moitos países —como ocorre agora mesmo co PC de Polonia—, pon de manifesto que a verdade, a liberdade e a xustiza non serán xamais subxugadas. Como non o foron en Stalingrado.

Hoxe máis que nunca, hoxe como sempre, é preciso non dar nin un paso atrás.

Eduardo Corrales

[Fonte: Novo Rumbo #6]