[8M] Sen ti non se move nin unha engranaxe!


Ante o 8 de Marzo, DÍA DA MULLER TRABALLADORA, Comunistas da Galiza-PCPE e os CMC realizamos un chamamento á loita e á organización das mulleres traballadoras contra a perda de dereitos laborais, contra o paro, a precariedade e a sobreexplotación, contra a privatización de servizos básicos, e contra a violencia e abuso no traballo e en todos os ámbitos da vida social e persoal.

Baixo o capitalismo, as mulleres incorporámonos ao mundo do traballo en condicións de subsidiariedade e de sobreexplotación, o que vén traducíndose en discriminación salarial e laboral, persecución e acoso patronal. Iso en función de que o outro papel que nos foi asignado ás mulleres obreiras, o de reprodutoras da forza de traballo no espazo doméstico, limita as nosas posibilidades de incorporación plena ao mundo do traballo en igualdade de condicións.

Do papel que se nos asigna ás mulleres traballadoras emana todo o resto de abusos e violencia que sufrimos no traballo, pero tamén no resto dos ámbitos da vida social, na rúa e na casa. A desigualdade inherente ao sistema capitalista está na base de toda forma de sobreexplotación e desigualdade, e maniféstase na fenda salarial, nos frecuentes despedimentos por embarazo e nunha infinidade de formas de discriminación, abuso, violencia patronal, sobreexplotación, precariedade e subemprego vinculadas á nosa posición como responsábeis dos coidados e reprodutoras da forza de traballo, que teñen a súa continuidade tras a vida laboral baixo a forma de pensións de inferior contía.

Para as comunistas, a opresión contra as mulleres na sociedade e na familia é parte inseparábel da loita de clases.

Por iso, estamos convencidas de que só a loita revolucio­naria por transformacións so­ciais que apunten á nosa incorporación masiva á pro­dución, polos nosos dereitos laborais e pola socialización do traballo reprodutivo, é o factor dinamizador fundamen­tal do avance do proceso da nosa emancipación e da vinculación da nosa loita coa loita xeral de toda a clase obreira.
Comunistas da Galiza-PCPE e os Colectivos da Mocidade Comunista (CMC), en conse­cuencia, chamamos a:
• Apoiar os paros laborais convocados nos centros de traballo.
• Apoiar as concentracións, marchas e manifestacións convocadas para o 8 M en de­fensa dos dereitos da mu­ller traballadora.
• A mobilización de traballadoras e traballadores non só o 8 de Marzo, senón todos os días, contra a explotación laboral e a violencia machista.
• A organización nos centros de traballo contra a desigualdade salarial e contra toda forma de sobreexplotación laboral, na perspectiva da conquista de máis dereitos e traballo dig­no e estábel para toda a clase obreira. A creación de espazos onde as mulleres traballadoras poidan organizarse para loitar polos seus dereitos como traballa­doras.
• A organización nas locali­dades e barrios contra as pri­vatizacións, o desmantela­mento de servizos públicos, e a creación de espazos públicos de lecer e cultura, na perspec­tiva da conquista de novos dereitos que senten as bases materiais para a fin da do­bre opresión das mulleres tra­balladoras.
• Loitar por un país para a cla­se obreira, onde se poña fin ás bases materiais sobre as que se asenta toda forma de desigualdade e de explotación.

TODO PARA AS TRABALLADORAS,
NADA PARA AS EXPLOTADORAS.